viernes, abril 19, 2013

HOMENAXE AO ESCRITOR BILINGÜE RAMÓN GONZÁLEZ ALEGRE



HOMENAXE AO ESCRITOR BILINGÜE RAMÓN GONZÁLEZ ALEGRE, 
por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

O pasado domingo 14 de abril tivo lugar en Vilafranca do Bierzo, no seu teatro municipal, a homenaxe pública ao escritor local Ramón González Alegre. O acto foi organizado polo Instituto de Estudios Bercianos co gallo dunha nova edición das Xornadas de Autor.  Nesta ocasión destacou a grande presenza de convidados galegos por mor de ser un escritor bilingüe (galego e castelán).  


Nesta ocasión centrarémonos na conferencia que abríu as Xornadas, cuxo autor foi o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín. Na súa disertación fíxose un seguimento pola vida do vilafranquino, tan vinculado a Galiza, Vigo, Vilagarcía de Arousa e A Coruña. Salientou a influencia de Castelao no seu amor polo idioma galego. Respecto da súa obra, foi importante para os poucos anos que vivíu, 6 libros en castelán e 1 en galego. Ferrín dixo que esta diferenza lingüística foi porque Ramón se sentía “máis cómodo en castelán”.  Outro feito curioso tiña que ver coa súa facilidade para compoñer os títulos dos libros. 

A nivel ideolóxico, resalta a influenza do existencialismo no seu poemario. Así, en “Manantiales” vese a importancia dos ríos coma fluír da propia vida, auga coma inspiración poética. Tamén xorde a súa profunda relixiosidade cristiana pero non a ortodoxía católica. As dificultades para publicar na Galiza, velaí que tivese que recorrer a cidades de fóra, León, Valladolid ou Madrid, tamén puido favorecer a edición de libros en castelán e non en galego.  A súa forma de ser non tiña nada que ver con rexionalismo galego, máis ben trataba dunha “ambición universal desde o castelán”, segundo o profesor Ferrín. 


A pesar de ser natural do Bierzo galegueiro, tardou en publicar en galego, foi o caso do libro “Os Namoros” (1961), adicado aos galegofalantes da súa terra de orixe “aos bercianos que ainda falan no idioma de Galicia”. Un libro este que nun principio se chamou “Rúa da auga” en homenaxe á súa vila de nacencia. Ferrín dixo que o poeta berciano trataba de comunicarse coa natureza, coas xentes humildes e co bucolismo. Procuraba a paz que lle daba a lingua e a natureza. 

Salientou tamén Ramón González na divulgación da poesía galega nun intento por prestixiala a nivel peninsular pois era unha descoñecida fóra dos cumios do Cebreiro. Velaí o seu libro “Antoloxía da poesía galega” (1959). Neste sentido fixo un importante labor de divulgación dos novos poetas galegos, caso de Méndez Ferrín, a través da revista  trilingüe Alba (galego, castelán e portugués). 


Respecto do seu teatro, Ferrín doeuse porque non tiña representación na Galiza, algo sorprendente. Tamén elaborou  obra sobre o Dereito, xa que el foi avogado, aínda que se sentía máis realizado como poeta. E máis descoñecidos son os seus libros de viaxes, caso do que fixo sobre O Bierzo e A Maragatería. 


Para rematar, non podemos pasar por alto a polémica que houbo por parte dun dos seus fillos. O seu familiar denunciou que o seu pai apoiou aos poetas galegos mentres que dalgúns deles non tivo os agradecementos debidos. O tema controvertido vén a conto de que os escritores defensores da poesía social polemizaron públicamente con Ramón González Alegre, xa que éste para nada compartía esta visión ideolóxica. Para o vilafranquino toda a poesía era social, sen diferenciaciois. Tamén neste sentido polemizou co propio Ferrín. Ademáis a súa relixiosidade non foi totalmente compartida polas vangardas poéticas do momento.

O Bierzo, abril de 2013.

www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es