POLAS CANLES DO RÍO BURBIA EN VILAFRANCA.
POLAS CANLES DO RÍO BURBIA EN VILAFRANCA DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Estamos en Vilafranca do Bierzo para desfrutar do seu patrimonio monumental e das diversas amizades. Nesta ocasión aproveitamos a estadía para facer unha pequena excursión pola contorna de Vilafranca. Dende o xardín da Alameda baixamos cara ao río Burbia. Cruzamos por unha pequena ponte no barrio da Granxa, mentres gozamos do vello casarío pendurado de Tejedores no Quintano. Encamiñámonos ao carón da chamada praia fluvial, baleira agora en contraste co seu ateigamento estival.
A CHAMADA FONTE DE TREVIJANO
Enriba, á Esqueda a paraxe da Aira da Pega mentres que, na outra beira do río, As Veigas. Un cartel turístico informa das rotas da zona. Fixámonos no trazado da chamada rota da Auga, que nosoutros denominamos das Canles polas razóis que explicaremos. Dende eiqui paga a pena desviarse cara á fonte de Trevijano, tras unha pequena costa duns 50 metros. Seguindo a suba pola ribeira do río Burbia entramos na espesura do arboredo. Co comezo vemos que pola beira do camín hai unha canle de rego antigo, moi sinxelo.
O val do Burbia semella gozar coa primavera. As augas baixan rápidas e claras. A fauna non deixa de moverse diante de nós, animada polo bo tempo despois das abondosas chuvias. Á chamada curva de Moncho segue a paraxe de San Quintín. Logo veñen as ribeiras das Chicas ou O Sapo. A canle seca do camín vai descendendo, aproveitando as curvas de nivel. Nalgún recodo as xuntas veciñais seguro que tiveron que picar nas rochas para facilitar a baixada da auga pola nosa canle.
Enriba de nós o Cerro da Rapiña (796 m.) preside esta zona do val, fronte ao cerro de Vilagote (856 m.). Remata a canle entre rochas, onde se producía a toma de auga. Nosoutros desviámonos á esqueda para coller o antigo camín montañoso de Landoiro. A esta maior altura vemos mellor o val do Burbia. Tras uns centros de metros, ábrese o pequeno val do regueiro Pradela. Baixada ao pozo do Sol para cruzar por unha ponte de pedra. Agora toca suba na zona do Vao, co lento camiñar, a costa resulta máis pronunciada. Pola zona do río queda a paraxe de Chaguazaes.
NACEMENTO DA CANLE DO BURBIA
Novo cartelón informativo sobre as rotas que podemos seguir dende eiquí. Este miradoiro serve para desfrutar da panorámica e facer un descanso merecido. Para outra ocasión queda o camín polo Calellón, O Estreito e a campa de Marco, que nos levarán para tomar o vello camín de Santiago por Pradela. Neste caso procuramos o barrio de Vilachás e Landoiro.
O Sol xa quenta de máis e decidimos baixar rápido pola estrada para Ponte de Rei. Cruzamos o río Burbia pero non subimos para esta última poboación. Vemos á dereita, segundo o curso do río, unha moderna canle cuberta de formigón. Nada mellor que aproveitar este artificial camín para voltar a Vilafranca. Todo en descenso e con abundante sombría que dá o arboredo da ladeira fluvial. Mentres baixamos, outro suben, paseantes con cans inquedos ou xubiladas falando das súas cuitas. Máis enriba, a solleira estrada que vén de Paradaseca para a capital do Marquesado.
FINAL DA CANLE MODERNA
O val vai abríndose paseniño. Segundo nos comentaron compañeiros, esta canle moderna aproveita o trazado doutra moito máis vella que existía para regar As Veigas. En fin, comezamos o roteiro subindo pola beira dereita do Burbia e baixamos pola ladeira esqueda. Algunhas árbores ameazan caerse sobre esta canle cuberta o que provocará un futuro obstáculo para os caminantes. Por suposto, este peculiar sendeiro non ten barandas polo que hai que ir con coidado, tanto a pé coma na bicicleta. Remata a canle moderna e vemos o que resta da canle antiga. Temos agora que seguir pola estrada que quedan ao memo nivel. Nuns metros entramos no primerio barrio de Vilafranca, baixo o Cerro da Campá (730 m.). Máis adiante os centros escolares e despois de novo o parque da Alameda. Chegados somos.
O Bierzo, abril de 2013.
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home