ATRAVESANDO ENTRE A ALDEA DE ERES E AS MÉDULAS.
ATRAVESANDO ENTRE A ALDEA DE ERES E AS MÉDULAS BERCIANAS,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
O amencer do sábado xorde a cos restos da lúa chea sobre a escultura urbana do cabaleiro templario de Ponferrada. Ás sete da mañá tomamos o baleiro tren rexional. Mentres percorre o Bierzo baixo cara á Galiza, cavilamos na supresión desta liña, non sabemos aínda se será o rexional ou a parada nalgunhas estacións ou apeadeiros. Que fermosiña está a ribeira do Sil que vemos. Lástima que moitos bercianos non aproveiten máis esta liña de ferrocarril para desfrutar da nos aterra. Nosoutros somos uns defensores do tren, utilizámolo para facer excursións a pé ou en bici. Nesta ocasión baixamos na estación galega de Quereño, poboación viciña de A Ponte de Domingo Flórez. Os primeiros habitantes que atopamos son unha parella da Garda civil que viaxa no seu todoterreo.
Polo barrio de Chao do Marco todo é moi silandeiro a esta temperá hora. Nun supermercado un cartel anuncia as festas patronais da Ponte. Adentrámonos na vila xunta ao río Cabreira, non pasamos a ponte para o barrio das Nogais, modernizado cos bares e adegas de moita xoldra coa mocidade as fins de semana. Tras pedalear polo rueiro, atopamos a saíada para a estrada da Cabreira. Abaixo, na ribeira, sobresae a obra pública de formigón, trátase dun encoro e canle que roubará augas do río principal. Nunha pintada nun murete lemos yeres.org, a presencia na internet concede maior protagonismo ao rural.
O cercado gando ovino recíbenos abraiado no pobo das Veigas de Yeres. Primeiro o barrio das malladas, despois o da igrexa. Por suposto hai parada para a foto do templo. No seu taboleiro sobresae o cartel reivindicativo sobre a alternativa á estrada que atravesa esta poboación. Malos tempos para pedir obra pública. Continuamos polos barrios Molina e Souto. Xa no barrio da Carballa atopamos o desvío sinalizado á esquerda para Yeres/Eres. O correspondente cartel indica 2.5 quilómetros a Eres (castelanizado co esprai o Yeres) y 7.6 ás Médulas, este último será o noso destino.
A COSTA PARA A ALDEA DE ERES.
Comeza a suba pola estrada ben asfaltada. Este val do regueiro Reberdelo está cheo de restos de bos exemplares de castiñeiros. Os pasados lumes forestais de verán fixeron tal desfeita, ademais do temido chancro. A esperanza está nos novos exemplares que algún viciños se atreveron a plantar, baixo a ameaza do chancro. As vistas son sen igual canto máis enriba estamos, detrás de nós a pendente. Na outra beira do río Cabreira, lonxano, descubrimos o pobo de S. Pedro de Troes.
Na entrada de Yeres/Eres atopamos un viciño botando lixo no contedor. Imos por el para poder falar con acougo. Calquera pregunta é boa para principiar a desexada conversa. A mellor das sortes temos porque está por falar connosco. Aproveitamos o descanso no cumio do pobo para parolar, de todo, problemas de comunicación, falta de xustificación dos gastos das festas patronais, a emigración dos seus viciños a Ponferrada, etc. O viciño queda moi ledo co noso ofrecemento de facer publicidade do seu pobo na internet. Nisto estamos.
Para andar polos camíns rurais o mellor é preguntar aos viciños. Por iso saímos pola rúa As Medulillas. Segundo nos alonxamos vemos a mellor distribución dos variados barrios, a saber, Baumundo, Os Corrais, Penedo, As Eiras (onde está a igrexa), A Capela, Vale (para o paralelo val de Fontela) e Palomar no alto. Hai unha boa fonte chamada Traitoiro. Lembramos que este repetido topónimo se refire ao espazo por onde baixaban as madeiras do bosque tralas sortes.
FONTE COMUNAL DA ALDEA DAS MÉDULAS BERCIANAS.
POLO ANTIGO CAMÍN REAL.
O camín de terra para As Médulas está ben sinalizado. O mellor é non aproveitar desvíos que poden levar a lugares non desexados para outros predios. No primeiro val do Boqueirón están as chamadas Medulillas de Yeres. Nun desvío á esqueda queda o antigo Camín Real que baixa para A Ponte Domingo Flórez que vén dende Borrenes/Borrés. Nova pequena suba cara ao miradoiro das Perdices (1.1 km) que continúa para Reirigo (1.4 km) e mailo Campo da Braña (outro 1.1 km). Nosoutros, dende o citado cruzamento, baixamos pola esquerda para As Médulas que queda a 2.6 quilómetros moi fermosos polo paredón de terra ourada. Por estes pagos estivo o despoboado da Valouta e as terras da Palombeira e os Chaos de Mourán.
Por fin o casarío das Médulas, entramos no barrio da Portela. Moi recomendables as sendas das Valiñas (para o leste) e de Lago Somido (para u oeste). Moitos turistas nesta mañá solleira que falan en diversos idiomas estranxeiros. No barrio do Forno, por suposto do comunal, atopamos unha fermosa fonte pública. Descansamos neste espazo público, aproveitamos para tomar alimento e ler os carteis informativos. Moito desenvolvemento hostaleiro, aínda que o aparcadoiro, do barrio do Fondo, estea case baleiro.
BAIXANDO PARA CARUCEDO.
Deixamos que as bicis nos leven, costa abaixo, pola boa estrada que atravesa Os Chaos de Maixeiras. Que gusto despois de tanto ascenso montañoso!. Pola dereita a saída para o antigo camín real, pola paraxe de Vilaspartidas, cara a Borrés. Por fin, entramos no pobo de Carucedo. Aproveitamos o encontro dos viciños labregos para preguntarlles, por exemplo, polos distintos barrios, a saber, o Areal, Miana, Sto. Cristo (onde a capela pechada), Fonteiña, As Matas (coa súa igresa en honra de S. Pedro e S. Blas), Xardois ou Aldea, Cabana e finalmente, o de Meiro Vello, camín para Campañana.
IGREXA DO CONCELLO DE CARUCEDO.
Na praza da igrexa atopamos unha torre nova cun moderno reloxo que dá ben as horas. Contrasta este co reloxo de sol, feito sobre lousa do país, que xorde na espadaña do templo. Admiramos a peculiar escaleira de pedra exterior do campanario e o seu adro. Nas columnas de madeira do portal están cravados distintos avisos, entre eles da xunta veciñal do pobo. Lembremos que Carucedo é capital do correspondente concello. Na moderna Casa do Concello, xunta á estrada nacional, hai un taboleiro no que lemos as liñas de transporte á demanda (previa cita telefónica), para conseguir bus dende os pobos a Carucedo, e logo coller o bus ata Ponferrada. Nesta estrada principal paga a pena visitar a fonte pública, chamada das Tolas, xunta ao consultorio médico . Consiste nun espacio que divide as zonas para beber os animais e as persoas. Un acerto de restauración da arquitectura popular.
O Bierzo, maio de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home