PEDALEANDO POLO VAL GALEGO DO RÍO CASOIO.
VISITANDO O VAL GALEGO DO RÍO CASOIO,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
De novo tomamos o tren rexional mañaneiro para Galiza. Mentres percorremos rápidamente o baixo Bierzo olleamos o vello mapa da Provincia do Bierzo. Este traballo xeográfico do coñecido Tomás López, do ano 1786, recolle na zona sul a contorna do val do Casaio. Polo miúdo vemos esas aldeas do século XVIII, a saber, Sobradelo, Vilar de Quinta, Carballeda, O Trigal, A Portela, Camporredondo, Lardeira, Casaio e demais. Todos estes pequenos lugares pertenceron á Provincia do Bierzo, non así A Medua e Nogueiras.
Nun dúa solleiro, chegamos á estación de Sobradelo, onde, polo momento, hai parada ferroviaria. Vén isto a conto de que os apeadeiros da Barosa e do viciño Covas xa non reciben viaxeiros por mor dos recortes de Renfe nesta zona. Na praza da estación de Sobradelo hai saída pola costa cara ao norte, para a aldea de Vila e de seguido Barrio e Castelo, e maila Veiga de Cascallá. Para outra ocasión faremos esta rota. Hoxe, cruzamos o río Sil pola Ponte Nova. Por suposto, fixamos a nosa cámara nela para facer a foto do recordó. Na vila atopamos moita cartelería das festas das aldeas viciñas. Salientamos que para o domingo 16 de xuño está prevista a procesión coa imaxe de San Antonio polas súas rúas. Ao santo milagreiro invocábase o responso: “Se buscas milagres, mira/ Morte e erro desterrados/ Miseria e demo fuxidos/ Leprosos e enfermos sans (…)”. Cando se perdía un obxecto, queríase protexer o gando, pedir un bo marido ou muller, sempre se contaba coa súa axuda. Por iso andaba este santo por todas as fegresías.
Dende o mesmo Sobradelo sae a estrada para o val de Casoio. Comeza a suba polo ribeira dereita. Pola esquerda está a outra estrada que pasa por Robledo, Carballeda e Casoio. Nesta ocasión subimos para Viladequinta, onde hai romaría en honra de San Caralampio, alguén nos indica que é o patrón dos ebrios. Chámanos a atención o barrio de Abaixo de Viladequinta, con caserío arredor da praza das airas, lugar das mallas antigas.
RESTAURACIÓN DE CANTEIRA DE LOUSA
O esforzo da suba compénsase coas vistas, canto máis enriba mellor parnorámica desfrutamos. Ademais a estrada é moi boa, OR-122. A razón desta boa estrada está de seguro no desenvolvemento económico que truxeron as canteiras de louxa e pedra. A presión dos empresarios, ante a Deputación de Ourense, forzou a mellora do firme que agora beneficia a todos os cidadáns. A cambio disto, estragouse a paisaxe coas numerosas feridas das canteiras. E a verdade é que a maioría das canteiras están sen restaurar. Este peculiar sistema económico une as comarcas da Carballeda e da nosa Cabreira, tanto no desenvolvemento coma na desfeita ecolóxica.
BARRIO DE ABAIXO DE VILADEQUINTA
No chamado paraxe do Teleo atopamos a carpa da romaría de San Caralampio, dentro preparan xa a paellada xigante, ademais da carne ao caldeiro, e soan as melodías da charanga Terras do Bibei. Nosoutros seguimos a visita turística para O Trigal. Tralo recodo subimos en dirección para A Portela. Non entramos nesta poboación porque hai que desviarse da estrada principal. Trala majada da Trapela, vemos a saída para Lardeira. A suba para esta aldea asusta e non nos atrevemos con ela. Preto de Lardeira está a ermida de San Victor, onde acudían en romaría moitos bercianos de San Pedro de Troes e da Ponte Domingo Flórez. Queda para outra ocasión esa visita a Lardeira. Abaixo no fondo do val, outra impresionante. Pero é que máis adiante, no Penedo dos Mudios, sobre as nosas cabezas, nova canteira de lousa. Só podemos berrar, Estamos arrodeados de desfeita!.
A DESFEITA DAS CANTEIRAS DE LOUSA
Novo recodo, con abraiante desfiladeiro, no cerro da Vexiga e maila paraxe do Mouro. Dende eiquí baixada pola Mayadella para o pobo de Casaio. Atrás quedan un total de 18 quilómetros de pedalada. Moitas casas novas, de seguro melloradas grazas aos cartos do traballo nas canteiras da contorna. Un cartelo turístico anuncia un teixedal cercano de moito valor ecolóxico. Á entrada do pobo unha gasolineira abandonada afea a zona cos seus grandes depósitos con ferruxe. Abaixo de Casaio está o fermoso barrio de Romiña. Non temos tempo para máis, hai que dar a volta para a romaría de Caralampio.
A baixada pola estrada é unha gozada despois de tanto esforzo. Deixámonos levar pola bici, mentres desfrutamos unha vez máis pola serra do Eixe que queda á esqueda. Comentamos que oxalá os empresarios mineiros e a Xunta de Galiza procuren as axeitadas restauracióis desta paixaxe estragada. Xa veremos se cando pechen estas industrias hai cartos públicos e privados para este grande labor ecolóxica. A velocidade da baixada danos o frescor que racha coa calor deste sábado.
En pouco tempo chegamos de novo á carpa da romaría. O primeiro saudar aos organizadores. Eles forman o colectivo de Amigos de Vilardequinta, O Trigal, A Portela, Lardeira e Casaio, todos eles pobos da beira dereita do val. A este paso, con tanta despoboación rural, non quedará outra que asociarse ocasionalmente para manter as romarías e incluso as festas patronais. Os organizadores alégranse de ver bercianos na súa festa, aínda que xa estaban avisados da nosa presencia a través das xornalistas de Radio Voz Valdeorras. De todos os xeitos, hai que dicir que nesta festa tamén acudiron xentes da Braña, na Cabreira, aproveitando a estrada que atravesa o porto da Fonte da Cova.
Pola tarde, aproveitamos a cercanía do Barco, a 8 quilómetros de Sobradelo, para achegarnos á capital da comarca. Paga a pena sentarse e desfrutar dunha cervexa no chamado paseo do Malecón. Ademais, a praia fluvial xa presentaba un bo ambiente de bañistas na procura do frescor do río Sil. Despois do merecido descanso, camiñamos para a estación do ferrocarril, onde de novo tomamos o tren rexional que nos leva de volta para Ponferrada.
O Bierzo, xuño de 2013.
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.facebook.com/xabierlagomestre
www.twitter.com/obierzoxa
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://obierzoceibe.wordpress.com
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.ponferrada.org
www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home