sábado, julio 27, 2013

VISITA A SAN ADRIÁN DE VALDUEZA.

A VISITA Á ALDEA DE SAN ADRIÁN DE VALDUEZA,

Por Xabier Lago Mestre.

Aproveitando a fresca mañaneira saímos pronto de Ponferrada. A cidade domingueira está baleira e silandeira. Pola ponte Mascarón avanzamos cara a San Lorenzo mentres nos cruzamos cos peregrinos que veñen polo camín de Campo. A suba é doada para o que nos agarda máis adiante. Ademais temos a compaña da boa paisaxe viñateira. No alto do cerro Encinedo cumprimos os 5 primeiros quilómetros. Dende eiquí enriba vemos a baixada para S. Esteban de Valdueza. A nosa cámara dixitaliza tamén a estrada para o Campo das Danzas. Nesta ocasión non collemos a baixada pola estrada senón a corredoira que vai para a veiga do río Oza e que agora rebautizaron como Senda dos monxes.



Xa en S. Esteban detémonos ante a portada da igrexa parroquial porque conta cunha lápida falanxista. Cando rematará tanta aldraxe guerreira!. Saímos do seu casarío para tomar a nova suba para suba, arrodeando o cerro Pandilla. Agora xa estamos na ribeira do río Villanueva. Só o xolgorio da bandada de córvidos racha o silencio. As sucesivas paraxes de Vallinas, Ralentón e Barrueca preceden a chegada ao longo pobo de Villanueva. Enriba do seu casarío os pagos de Palomar, Barbecho, Antigua e Casasola. 



Avanzamos pola ribeira, augas enriba, por un abundante arboredo. Colmenar, Cortea, El Real, Fastias e Arrenque son topónimos que se suceden por un terreo de fácil acceso. Pero o pior está por chegar cando abandonamos a ribeira para subir cara a Valdeocero. Agora comeza a dura costa. Cada vez queda máis lonxe o fondo do val, con Val de La Peral por mor da froita tardía que se daba moito por eiquí. A faldra da montaña Fonchamosa ou Finchamosa faise dura para nós e, pola banda contraria, o arboredo salvaxe de Bustillo, que lembra a Bostela e maila Bouza.



A RECUPERACIÓN DA ALDEA DE SAN ADRIÁN.

Por fin escoitamos ruídos humanos que veñen da aldea de San Adrián. Un cartelo anuncia as modestas festas de Santa Marina. Avanzamos polo rueiro e vemos moita vida. Os seus habitantes parecen moi atarefados na recuperación do pobo. Unha milagre é ver tanta vida nestes altos montañosos. E máis se temos en conta que nos referimos a unha aldea abandonada na década dos setenta do século pasado. Na praza da festa, hai unha imporvisada barra de bar, pero os nosos ollos procuran a fonte pública de dous canos por seren de dúas traídas distintas. Ten mérito a fonte e a súa auga de propiedades mediciñais segundo os seus habitantes.

Visitanto a aldea coñecimos ao viciño Carlos que amablemente nos deu moita información sobre a historia do pobo. O primeiro que nos comentou foi o acontecemento da treboada que tivo lugar o día 12 de agosto de 1964 que foi a grande catástrofe para a súa poboación. Enriba do pobo había numerosos cultivos de patacas e a grande cantidade de chuvia que caía provocou unha arroiada que baixou para o pobo, derrubando moitas edificacióis e terras de hortas. Esta foi unha das causas do despoboamento xa que os seus viciños nos puideron vivir tras tantos destrozos agrogandeiros.



Tamén preguntamos polo funcionamiento da vida comunal. Así xurdíu o tema das veceiras. Había tres, de cabras, ovellas e vacas. As quendas de garda por parte dos propietarios correspondia a un día por tres cabezas de gando. Este subía a sestear polas faldras do Aquiana e tamén polos lameiros da Llama dos Follos ou Llama da Cabana nas partes altas dos vales.

AS BOUZAS DE SAN ADRIÁN.

As bouzas tamén existiron esta zona de montaña aínda con diferenrias respecto á comarca da Cabreira. En S. Adrián cultivaron as bouzas con cereal (centeo e trigo) un ano, e o seguinte era para patacas ou garbanzos para favorecer o seu descando. Neste segundo ano había que realizar un forte abonado. O terceiro ano volvíase ao cereal mentres que as terras da Cabreira precisaban de máis tempo de barbeito. As bouzas consistían na roza e tala, arranque da matogueira e xardonais, a posterior queima dos restos vexetais, a cisca de cinzas como abono, a cava e mailo sorteo entre os viciños das terras da bouza, e o cultivo derradeiro. Como comentamos había bouzas na parte alta do pobo, Las Poulas, tamén en O Poulón, na faldra do regueiro Campazas, preto do cumio El Moscadero. Pero o máis sorprendente é oir que tamén cultivaban por bouzas nos interfluviais, caso do que se atopa entre os regueiros S. Adrián e La Toba (ou Canto), paraxe moi costadeiro. Alí subían carros de abono animal que tiña que ser tirado por xuntas de dúas parellas de bois. Ademais había frotais, caso das peras tardías, ou das hortas na parte baixa do pobo. Estas últimas regábanse ben grazas á canle que viña dende a beira do regueiro S. Adrián.   



A ROMARÍA DA ERMIDA DA AQUIANA.

Curioso tamén foi o relato da romaría da Virxe da Aquiana. Principiaba no pobo de Montes de Valdueza, seguía polo Collado que afasta o val do río Villanueva. No territorio de da xunta veciñal de S. Adrián a Virxe pasaba a máns destes viviños que a conducían ata o territorio lindeiro de Ferradillo. Finalmente eran os brazos dos de Ferradillo os que facían  o derradeiro traxecto ata a ermida. Ademais, o luns de Pentecostés tamén saía otra imaxe da Virxe dende o pobo de Villanueva que subía por este val en dirección para S. Adrián. Os viciños desta poboación saían a recibila e a facerse con ela. Na suba para a ermida facíase o encontro coa Virse que viña de Montes de Valdueza para facer xuntas o camín para a ermida. Ante as desputas entre os pobos polas quendas para portar as Virxes a sentencia canóniga da Igrexa de Astorga reducíu os traxectos de xeito considerble. Non se pode negar que esta romaría fortaleceu os vincallos sociais e relixiosos entre os pobos da chamada Quintería de Montes.



Na zona donde confluen as augas dos regueiros Campazas e La Toba está a paraxe de Santa Marina, lugar da ermida do mesmo nome. Agora o pobo celebra as festas patronais en honra de Santa Marina (20 e 21 de xullo) mentres intenta recupera a igrexa parroquial que antigamente era atendida polo cura de Villanueva que subía para atender os servizos relixiosos durante os días feirados. 


OS CAMÍNS DA CONTORNA.

A principal corredoira foi a que levaba para Villanueva, saída natural para Ponferrada. Na zona de S. Lorenzo, Los Barrios e Ponferrada acudían os seus viciños para sacar uns xornais durante a vendima. En Villanueva tamén mercaban uvas para logo subilas en carros e facer viño en S. Adrián.



Dende S. Adrián sae camín para Montes a través do Collado. Pola faldra do monte Aquiana había o camín para Santa Lucía de Valdueza para logo continuar para Ferradillo. No interfluvio dos ríos Villanueva e Ozuela está a estrada que sube para o Campo das Danzas. Por mor das repoboacióis forestais abríronse novas pistas que van por enriba de S. Adrián, por Fonchamosa, e tamén pola ladeira contraria do val do río Villanueva, por El Moscadero, El Poulón e Bustillo.



Para rematar facer dende este modesto espazo informativo unha merecida homenaxe a todos os seus viciños que, cun esforzo mancomunado, están recuperando o seu pobo de San Adrián.  Todo un exemplo a seguir por outros pobos bercianos. Os actuais Amigos de San Adrián son os herdeiros de aquela xunta veciñal do mesmo pobo que se reunía na casa do pedáneo de turno para xestionar o ben común de todos e todas.

O Bierzo, xullo de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es