POLA FEIRA BERCIANA DO ESPINO E MAILA ROMARÍA DE CAMPONARAIA.
DA FEIRA POLO ESPINO Á ROMARÍA DE CAMPONARAIA,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
Saímos de Ponferrada en auto pola estrada de Asturias. Tras catro quilómetros tomamos o desvío para Columbrianos. O seu rueiro está baleiro esta mañá domingueira. A seguir, tras cruzar a ponte da autoestrada Noroeste, temos Cortigueira. Pola costa das vacas xorden os sucesivos e numerosos barrios do municipio de Cabanas Raras (O Teso, Abaixo, As Campas, Santa Ana, A Cruz…).
IGREXA DO ESPIÑO
A paisaxe troca polo ascenso e polos numerosos piñeirais. Bosques ben coidados que oxalá se libren moitos anos dos lumes de verán. Os cerros Santón (718 m.) e Barreiro (733 m.) gardan o concello de Sancedo. Curvas e contracurvas de subida polas paraxes de Campoferreiro, A Laguna e Xardón. No recodo do Empalme vemos a ribeira do regueiro Rigo, que desemboca no Cúa ancarés. Chegamos a Ocero/Oceiro, cos seus barrios de Val, Calleja, Valelongo. Dende A Venta, todo para baixo, arrodeando Pena Zurita (1002 m.).
Nesta ocasión non baixamos para A Veiga de Espiñareda, pois tomamos o desvío para O Espiño/El Espino. A razón está na celebración das súas VI feira Agroalimentaria e da IX de Artesanía do 4 de agosto. Lembremos que O Espiño ten a súa sona nas súas históricas feiras gandeiras. Agora, no século XXI, decaeron moito as feiras gandeiras respecto do que foron en séculos pasados. Noutrora era común a presenza de tratantes galegos e casteláns. Os segundos mercaban os gandos bercianos para logo revendelos nas feiras castelás (Astorga, La Bañeza ou Benavente). Agora as feiras do Espiño teñen lugar os días 1 e 15 de cada mes. Hai tamén unha feira grande para o 15 de agosto onde se degusta o rico polbo galego.
A orixe das ditas feiras tradicionais vén de lonxe. Hai referencia nun documento do ano 1317 a un previlexio real a prol do mosteiro de Santo Andrés de Espiñareda, segundo o cal o rei Afonso XI concede ao seu abade Don Ramón o señorío da vila da Veiga coa súa feira.
O campo da feira é amplo, perto da igrexa da Nosa Señora do Espiño que protexe e abeira a actividade comercial. A Igrexa católica sempre intentou influir e controlar todas as actividades humanas para exercer o seu influxo ideolóxico. Dende este edificio relixioso hai unha boa panorámica da vila da Veiga de Espiñareda, na ribeira do Sil. Chama a atención a relativa lonxanía da feira do Espiño da vila principal.
Hogano puidemos desfrutar da feira máis por mor das numerosas degustacióis de todo tipo de carnes, queixos e castañas de Valboa. Destas últimas sorprenderon moito as madalenas e as tartas. Pola outra banda, os artesáns da madeira e do barro atraeron moita xente ao seu redor. A caseta do concello da Veiga de Espiñareda non deixou de repartir folletos turísticos que de seguro fomentarán as visitas a este norteño val, porta dos Ancares bercianos. Para crear ambiente musical as animosas gaitas. Os máis cativos tiveron oportunidade de desfrutar co camión de bombeiro, un inchable que permitía tirarse pola súa rampa. Ao seu carón, outros pequerrecho escalaban unha pena, ben asegurados con cordaxes e casco protector. Algunha tivo problemas e choros para baixar dende tanta altura.
Rematada a estadía no Espiño, a media mañá, volta refacendo camín. Polas súas casas de xantar saían os recendos do polbo á feira. Non resultou doado saír con eles do lugar. Ademais, con tanto tráfico de autos que chegaban e saían, sen control nin aparcadoiro axeitado, aínda o retorno foi pior. De novo atravesamos por Oceiro, Sancedo, Cabanas e Cortigueira, onde tomamos o desvío para Herbededo e maila Válgoma.
ROMARÍA DA COSTA DO PEREGRINO DE CAMPONARAIA
Chegamos a Camponaraia, á altura da costa do peregrino. Lugar onde o concello creou un lugar axeitado para o descanso dos peregrinos. A súa ermida de Santiago aínda non está rematada pero non vexades o ben que tañe xa a campá da espadaña. A romaría tradicional sae da vila de Camponaraia e avanza cara os Magaces. Os pendois bercianos presiden a romaría cos seus altos e coloridos panos. Tras subir a dita costa, quedan os pendois cravados diante da nova ermida. Mentres os romeiros recuperan forzas cun xantar composto de grande paella, chorizou, pan do país e viño berciano. A arboreda abundante protexe dos raios solares. Aínda hai tempo para a sesta coa compaña da sombra dos piñeiros. Dende logo, boa idea ten sido esta romaría da Costa do peregrino que de seguro irá a máis polo bo acondicionamento (aparcadoiro, servizos, fonte…) da paraxe da ermida.
O Bierzo, agosto de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.comhttp://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home