jueves, septiembre 05, 2013

O CONCELLO BERCIANO DE PÁRAMO DEL SIL

LIBRO SOBRE O CONCELLO BERCIANO DE PÁRAMO DEL SIL, 

por Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Hai tempo xa saíra un libro sobre a historia de Páramos del Sil, no ano 2006, a cargo de Vicente Fernández Vázquez. Hoxe retomamos a súa lectura para facer un pequeno resume do seu contido. A primeira parte fai un percorrido histórico. Como ben podemos supoñer escasean os datos antigos e medievais. Estes últimos podemos seguilos a través da documentación resgardada nos tumbos dos mosteiros bercianos, principalmente do cercano de Santo Andrés de Espiñareda. Salienta o seu autor que durante o período medieval estas terras pertenceron á rexión do Bierzo, “hasta la incorporación de Ribas del Sil al Condado de Luna durante los tiempos medievales estas tierras de Páramo del Sil habían formado parte de El Bierzo” (páxina 24).

                                      ESCUDO DO CONCELLO DE PÁRAMO DEL SIL

O tempo histórico máis estudado é o Moderno (séculos XVI ao XVIII).  Segue o funcionamento do chamado Concejo General de Ribas del Sil de Yuso, o seu sistema de elección, os diversos oficios concellís ou mailas ordenanzas concellís. Seguidamente pasa aos séculos XIX e XX, onde xa xorde a nova economía mineira. Fai parada investigadora na Ditadura de Primo de Ribera(1923-1930) , salientando os avances en infraestruturas, ensino, sanidade e loita contra o caciquismo (p. 43). Os seguintes feitos históricos refírense á República e maila Guerra Civil, onde os movimentos sociais e sindicais tiveron a súa importancia, principalmente no fito destacado da Revolución do 34 tan descoñecida aínda na rexión do Bierzo.



A outra parte do libro ten que ver cos aspectos económicos, onde salienta do sector gandeiro. Incluso ten un apartado para a trashumancia no Consello de Ribas del Sil, ata onde chegaron os rabaños dos Duques de Bejar e Marqués de Llanos (p. 71). A agricultura tradicional tamén é seguida con detemento, así como a pesca. Outro aspecto económico tratado é o da mineiría (dos empresarios e mailos traballadores), centrais térmicas ou encoros, rematando co comercio local.

Entramos no tema de sociedade e poboación. Primeiro os aspectos demográficos e de estrutura de poboación (pirámides, movementos migratorios, tanto ultramariña coma interior). Detense na poboación fidalga e continúa cos cambios dos séculos XIX e XX. Salientamos o apartado da conflitividade concellil, polo aproveitamento dos pastos ou a renovación de lindeiros.



O patrimonio cultural e tradicional é tamén obxecto de estudo detallado. Eiquí entran as tradiciois e ritos (traxe, xogo de bolos, toque de campás, os filandois, o calecho, a facendeira e mailas festas relixiosas). O patrimonio arquitectónico segue coa arquitectura relixiosa (mosteiros, ermidas e igrexas). Despois está a arquitectura popular e civil (diferentes tipos de casas, de palla, lousa ou patín, palleiros, cabanos, cortíns, corradas, casas solariegas…). Á arquitectura hidráulica pertencen as pontes do municipio. Para rematar o apartado cos chamados tesouros artísticos (esculturas, sagrarios, ostensorios…).

Outro capítulo fai un rápido percorrido polos pobos do concello (Anllares, Anllarinos, Argayo, Páramo, Primout, Salentinos, Santa Cruz, Sorbeda e Villamartín), onde analiza diversos aspectos sobre a súa historia, barrios, patrimonio e demais.  Para finalizar cun álbum fotofráfico e a galería de personalidades. A verdade é que resulta moi interesante o repertorio de fotos antigas que ofrece este libro nas súas páxinas. Botamos en falta unha análise do patrimonio lingüístico peculiar do municipio. Vai sendo hora de que os que se dedican á historia local teñan máis en conta a presenza deste patrimonio lingüístico tan desvalorizado por algúns.

 O Bierzo, setembro de 2013.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es