viernes, noviembre 15, 2013

AS XUNTAS VECIÑAIS DOS ANCARES BERCIANOS.

OS ANCARES BERCIANOS E MAILAS SÚAS XUNTAS VECIÑAIS,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Nos tempos outonais presta máis visitar o amplo territorio dos chamados Ancares bercianos na procura da súa fermosura. O primeiro comentar que o pequeno val de Ancares estendeu a súa denominación a un amplo espazo que abrangue hoxe a Reserva Rexional de Caza, polas antigas xurisdicións da Somoza e Fornela. Dito isto, cando viaxamos polas súas estreitas estradas atopamos interesantes pobos. Convén que valoremos máis estes asentamentos segundo os seus valores diversos, sexan paisaxísticos, arquitectónicos ou históricos. Cando entramos nos seus rueiros case que non atopamos poboación pero o certo é que teñen moito que amosarnos respecto da súa organización social e política. 



Referímonos á actividade das súas xuntas veciñais. Cada pobo ou barrio tiña dende tempos medievais unha organización política propia, concretada nos concellos. Estes deben ser diferenciados dos actuais concellos municipais. A través do concello rural os vecinos gobernaban a súa vida social, relixiosa, política e agrogandeira. Así por exemplo, fixaban as quendas de rego, as veceiras gandeiras, as sortes para a recollida de leña, follaxe e madeira, as searas ou rozadas nos montes comunais, a coutas nos soutos para o apaño e rebusca das castañas, as facendeiras para o arranxo de bens públicos (pontes, carreiros, igrexas…), as rogativas e romarías, arranxaban as igrexas e capelas, entre outras tarefas máis.

RESISTENCIAS DAS XUNTAS VECIÑAIS.

Cremos de interese profundar no peculiar activismo das nosas xuntas veciñais como medio para valorizalas nestes tempos actuais de tantas ameazas para elas. Porque hai que sentirse orgulloso da súa existencia e para logralo recorremos á súa descoñecida historia. Ímonos á Idade Media para atopar o mosteiro de Santo Andrés de Espiñareda que executaba o  poder sobre os seus vasalos. Pero éstes non sempre soportaron os inxustos mandatos señoriais. Así aconteceu cando os “vecinos e procuradores de los concejos de los lugares de Santa María de Tombrio e de Santa Maryna de Ribadesyl e del concejo de lugar de Lillo (…)” se rebelaron contra o dito mosteiro. Os ditos concellos xuntos acudiron ante a xustiza real, cuxa investigación fixo o corrixidor de Ponferrada no ano 1504, para protestar polos abusos nos dereitos señoriais (serventías, xantares, luitosa…). E, por suposto, de tal unión veciñal algo ao seu favor conseguiron. 



Noutra ocasión, agora no ano 1694, os pobos da meirindiade da Somoza, dependente da Colexiata de Vilafranca do Bierzo, tiveron que unirse contra as intencións dos corrixidores da vila do Burbia e de Ponferrada de incluílos nos chamados repartimentos do uno por cento para gastos das campañas guerreiras e servizos militares da época. As xuntas veciñais alegaban estar exentos por privilexio real da obriga de contribuír baseándose en que todos eran fidalgos. Porque as persoas incluídas no estamento fidalgo estaban exentas do pago de impostos reais. Por iso os pobos da Somoza tiñan por costume non deixar aveciñarse neles a persoas non fidalgas, para seguir mantendo os seus privilexios comentados. Por suposto, as xuntas veciñais saíronse coa súa exención, polo menos ata a revolución liberal do século XIX.

DEFENSA DOS SEUS BENS COMUNAIS.

A revolución liberal e constitucional do século XIX trouxo novidades para os labregos ancareses. Referímonos á supresión do réxime señorial e tamén ás desamortizacións. O ministro Madoz tratou de eliminar as chamadas mans mortas, é dicir, propiedades da Igrexa (mosteiros, confrarías, beneficios…). A desamortización trataba de vender eses bens, ao mellor comprador, para financiar a Facenda do Estado. O problema era que moitas desas terras tiñan un aproveitamento comunal a cambio dunha baixa renda (foro, censo…), e cos cambios legais terían un novo propietario que esixiría unha renda maior polo seu aproveitamento. Por suposto as xuntas veciñais protestaron contra estas medidas cando non redimiron vellos foros e cernsos sobre os considerados como os seus antigos bens comunais.    

   

Durante o réxime franquista as xuntas veciñais tiveron que loitar polo mantemento dos seus bens comunais. Este foi o caso dos seus montes que lles servían para os pastos dos seus gandos ou para coller madeira, ramaxe ou follaxe. Todo este aproveitamento agrogandeiro servía de complemento para a economía labrega de subsistencia. Pois ben, o Patrimonio Forestal Español decidíu apropiarse dos montes para facer repoboacións de piñeiros. Os pobos bercianos protestaron polas expropiacións ou os consorcios obrigatorios, casos de Perexe (1946), Páramo do Sil (1955), Candín (1956), A Veiga de Espiñareda ou Sésamo (1957). As protestas veciñais aproveitaron os procedementos legais e xudiciais, pero tamén as mobilizacións ou actuacións violentas como foron os fogos forestais.

ADMINISTRACIÓN DOS BENS COLECTIVOS.

Os numerosos bens comunais das xuntas veciñais bercianas tamén serviron para conseguir os servizos públicos que os concellos municipais non ofrecían nos seus pobos. Lembramos o caso de Burbia. Este pobo vendeu a madeira do seu monte Vilouso, case que 50.000 m3, na metade do século XX, para facer travesas do ferrocarril e outros usos afíns. A súa xunta veciñal conseguíu así cartos para construír a súa fábrica de luz. Posteriormente, houbo unha segunda tala no monte A Morteira, nesta ocasión para acadar a subministración eléctrica. E aínda unha terceira tala, na década de 1960, para erguer a escola e acadar a traída de augas. Esta dinámica desforestadora foi empregada polo resto de pobos para obter  diñeiros cos que financiar os seus servizos públicos. E nos séculos anteriores fíxose o mesmo para pagar os numerosos tributos señoriais, reais ou estatais.  



Neste tempo actual as xuntas veciñais dos pobos bercianos están ameazadas de novo cos intentos políticos de reformar a lexislación do réxime local estatal. Hai un perigo certo de supresión das xuntas veciñais que non presenten as súas contas anuais, en tempo e forma, ou de apropiación dos seus bens comunais por parte dos concellos municipais para saldar as súas débedas presupostarias. Non é xusto que os bens colectivos dos pobos teñan que servir para financiar unha débeda financeira xerada polo concello municipal por mor da súa mala xestión administrativa. Nesta problemática económica e política os pobos e mailas xuntas veciñais non teñen ningunha culpa. Se os pobos perden o seu patrimonio comunal quedarán xa sen recursos que les sirvan para basear un posible desenvolvemento económico futuro.

O Bierzo, novembro de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es