FESTAS DE XANEIRO NO NOSO BIERZO.
FESTAS DE XANEIRO NA REXIÓN DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
Principiamos un feixe de artigos sobre as festas da nosa rexión do Bierzo. Queremos traer eiquí a relación de festas populares. Trataremos de abranguer as festas patronais das nosas grandes vilas e cidade de Ponferrada. Pero faremos especial fincapé nas máis pequeñas, nas que teñen logar nos pobos e barrios, así como as romarías das nosas pequeñas ermidas, é dicir, as máis descoñecidas e minoritarias para o público en xeral.
FESTAS POPULARES DE SAN ANTÓN LACONEIRO.
Neste tempo de invernía tocan as festas do mes de xaneiro. Comezamos coa festa de San Antón laconeiro ou San Antonio Abad. Por suposto, nas xeiras pretéritas era moi importante a posesión dos animais, como forza de labor (bois, vacas, cabalos, mulos…) e mailo alimento (ovellas, cabras, gochos…). Resultaba fundamental mirar pola boa saúde dos animais da chamada facenda. Ademais a presenza dos actuais veterinarios profesionais era escasa no medio rural. Razón pola cal ante as enfermidades dos animais había que acudir aos curandeiros, aos remedios caseiros e tamén ao abeiro da igrexa católica. Neste último caso temos o exemplo de San Antón laconeiro, protetor dos animais segundo a tradición católica. Velaí que a igrexa ofreza a bendizón dos animais.
Na rexión do Bierzo temos os casos de Cacabelos e Calamocos. Neste segundo caso, ten lugar a chamada “rifa do gocho de San Antón” no adro da súa igrexa. Despois da procesión ten lugar o sorteo do gocho. Tamén se subhastan outros produtos curados do gocho, a saber, careta, orellas, patas, etc. Por suposto, os cartos sacados destas subhastas eran para o cura da igrexa. Eiquí temos a razón do sobrenome de San Antón, laconeiro, produto que era para os curas.
En moitos pobos bercianos a tradición desta festa se relacionaba co gocho de San Antoniño. O cura do pobo tiña asignado un animal, ao cal poñía unha cinta distintiva. O dito marrau alimentábase ceibe por todo o pobo. Todos os viciños tiñan a obriga de alimentalo. Se o animal arribaba na porta dunha casa, os seus propietarios debían darlle comida. Cando o gocho estaba ben gordiño tiña lugar a subhasta ao mellor postor. Os cartos desta subhasta servían para pagar as misas da igrexa que así se beneficiaba da festa relixiosa (Manuel Rodríguez y Rodríguez, Etnografía y folklore del Bierzo Oeste-Suroeste).
Lugares con semellante tradición de San Antón tiñan Requeixo e A Valiña, así coma Matalavilla. Outra tradición era o reparto de panes ou cotinos. No pobo de Vilela, celébrase San Antón co encendido da fogueira e asadura de chourizos e panceta, rematando a festa cos bailes. Outros lugares que teñen esta festa son A Portela de Valcarce, As Veiga do Seo e Moldes no concello de Barxas, Visuña, Noceda na ermida de San Antonio Abad, no seu barrio de San Pedro, Horta xunta Vilafranca e Perexe do Valcarce, e Rodrigatos de las Requeras.
IMAXE DE SANTIAGO CON BANDEIRA
NA IGREXA DE SAN FRANCISCO DE VILAFRANCA
Para rematar con San Antón laconeiro traemos estas cantigas populares: “Meu santiño San Antón, san Antón o cacholeiro, caseime por san Antón, volvín á casa solteiro” e “San Antón, san Antoniño, dáme forza no carallo, como ó porco no fociño”.
FESTAS BERCIANAS DE SANTO TIRSO.
Santo Tirso tamén é protetor, neste caso dos humanos, pois cura as enfermidades reumáticas e de ósos. Nas nosas terras tan humidas polas continuas chuvieiras invernais este santo tiña moito traballo para máis devotos. Velaí a sona que conseguira co decurso secular a festa local de Santo Tirso en Vilafranca. Xentes labregas de todo O Bierzo acudían á vila do Cúa na procura do seu abeiro. Nos tempos da economía agrogandeira calquera podía facer o esforzo de ir para Vilafranca nese día. Hoxe, todo trocou, os profesionais doutras poboacióis deben cumprir coas súas obrigas laborais e non poden acudir á festa local de Vilafranca.
Hogano, a chuvieira non permitíu a saída de Santo Tirso en procesión polas rúas de Vilafranca. Toda a celebración relixiosa foi na igrexa de San Francisco. Os devotos que subían pola costa non deixaban de queixarse de tanta auga invernal. Dentro da igrexa, os vellos fregueses mercaban estampas das imaxes e velas para encender a Santo Tirso. Nesta ocasión tampouco agardaron os cabezudos e os sons das gaitas na praza do concello a baixada do santo local. Os foguetes rachaban o ceo nubrado, ás doce do mediodía, para anunciar a festa e espertar aos vilafranquinos trasnoitadores. Mentres as febles pingas de auga intentaban apagar definitivamente os rescoldos da gran fogueira da noite pasada.
Na nosa rexión do Bierzo, outras pobos que honran a Santo Tirso temos en San Vicente de Arganza, Turienzo Castañero, Cobrana de Congosto, Sancedo, Trabadelo, Barxas, Robredo de Losada, Lardeira, Paradiña, Lombillo en Ponferrada, A Barosa e Oteiro de Fabeiro. E salientamos o peculiar caso de San Justo de Cabanillas porque eiquí ten lugar o chamado “aserrado”. Esta tradición consiste en que os enfermos de ósos e da reuma que acuden a Santo Tirso amosan as súas partes doentes do corpo para que sexan aserradas pola serra de madeira do cura. Estes cortes simbólicos da enfermidade permiten a curación desas partes do corpo.
CONTROL IDEOLÓXICO DA DOR POLA IGREXA CATÓLICA.
A veciñanza berciana tiña varias formas para intentar a curación das enfermedades. Fixemos referencia aos curandeiros ou menciñeiros, tamén á sabedoría popular cos remedios caseiros, ademáis dos escasos profesionais veterinarios e maila intervención da igrexa católica. Por suposto, a curación que propuña a igrexa, a través dos diversos santos, non tiña ningunha fundamentación razonábel salvo a crenza e maila fe cega na curación final. Pero neste senso, a igrexa tiña que competir co labor dos curandeiros locais. Para rematar con esta competencia alternativa a igrexa utilizou os recursos propios da súa ideoloxía relixiosa católica. Así desprestixiou aos curandeiros e perseguíunos sempre que foi posible baixo a acusación de superstición.
RESCOLDOS DA FOGUEIRA DE VILAFRANCA
EN HONRA DE SANTO TIRSO.
En Teixedo, o bispo de Astorga ordena “que el cura o su vicario cele sobre todo género de supersticiones, ensalmos y curar con palabras supersticiosas (…)”. En la visita pastoral a Pereda de Ancares (ano 1735) lemos “que el cura esté sobre algunas personas de los lugares de esta feligresía no hagan algunas curas que suelen por medios impertinentes (…)”, ademais “por quanto se le informo a su Ilmo. que algunos de los lugares de esta feligresía havia algunas personas que se entremeten a curar diferentes males con modos impertinentes y supersticiosos , de lo que se siguen notables daños en sus conciencias, manda al cura de este lugar que cele con la maior vigilancia, sobre que eviten semejantes modos de curar, corrigiendo a estas personas, que los usasen, como también a la que los administra; y en caso de que no consiga enmienda dara quenta a la xusticia secular para que proceda contra semejantes curanderos y curanderas por todo rigor de la justicia (…)”. (José A. Balboa de Paz, Prácticas religiosas y crencias en el valle del Cúa…). Como vemos en el texto, hai un clara coalición estratéxica entre os dous poderes da época, entre la igrexa e a xustiza ordinaria, na persecución dos curandeiros bercianos.
O Bierzo, xaneiro de 2014.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home