sábado, diciembre 21, 2013

OS SOUTOS DO BIERZO E O SEU APROVEITAMENTO VECIÑAL.

APROVEITAMENTOS DOS SOUTOS POLA VECIÑANZA.

por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es 

As xuntas veciñais eran as determinaban os diversos aspectos referidos ás recollida, caso das datas de saída e peche, elección preferente de soutos, fixación dos lindeiros, as coutas, os apaños, os rebuscos e demais que veremos de seguido máis polo miúdo.

O primeiro é a couta. Tratábase de pechar os soutos para protexelos das rebuscas indiscriminadas, entrada de gandos (porcinos, caprinos, etc). Ninguén pode aproveitarse das castañas dos soutos que están coutados polo mandado da xunta veciñal e que contan coa correspondente vixilancia dos gardas. Hai que agardar ao dia que se decida a chamada solta, para que os viciños poidan acudir a apañar castañas. O concello podía subhastar a gardería dos soutos por votación a man alzada. O garda era pagado en sacos de castañas.  



As apañadas de castañas faisen por quenda ou turno rotatorio polos soutos. Así acontece en Trabadelo. O primeiro día da solta, acúdese á zona de trebecela (situada no oeste e sul), no segundo día van para a zona Abedul (cubrindo o leste e sul), e o terceiro a recollida faise en Valcereixal (no norte). Despois destes días de apaño subían para o barrio de Paradela que ía aparte. Había pois uns días de descanso, o que permitía novas caídas de castañas, logo volvíanse a retomar os apaños na orde souteira antedita. 

A SOLTA DAS CASTAÑAS NO POBO DE DRAGONTE.


Outro tanto acontecía coa solta no pobo de Dragonte. No seu souto de Peizais había apaños os luns e mércores. Estes días os outros soutos estaban coutados. Despois íase ao souto de Fumbutilla, para os martes e xoves, e así sucesivamente. Despois do remate destes apaños nos soutos, segundo o preceptivo mandato do pedáneo, principíabase coa rebusca xeneralizada que incluía o emprego dos animais (porcos, ovellas, cabras...). Comentamos tamén que os soutos quedaban pechados para entrada polos seus camiños. Ningunha persoa, animal ou carro tiña permitida a entrada ser permiso do pedáneo ou garda. Agora ben, ás corredeiras exteriores podían caer castañas polo efecto das pendentes ou das gallas que sobrevoan, estes froitos si podían apañarse por calquera por ser camín aberto. A collida de castañas recollidad de xeito ilegal eran declaradas como castañas multadas.


POBO BERCIANO DE LANDOIRO PRETO DE VILAFRANCA.


INMIGRACIÓN GALEGA NOS SOUTOS BERCIANOS.

Voltamos ao tema da recoleción nos soutos para dicir que las castañas de pingo (pinguendo) eran recollidas tras caer ao chan (apañadas ao pingo). Logo tambén había castañas de varexo, obtidas mediante varizóis, persoas que podían vir expresamente dende Galiza a Ancares para facer estes traballos estacionais. Podíase vareixar ou varexar dende o chan ou subindo á arbore. Outros inmigrantes galegos  de terras de Cervantes (Pocís, A Freita, Vilanova...) acudían a apañar castañas aos soutos de Trabadelo. E non podemos esquecer os viciños do Courel que baixaban para a terra de Aguiar na xeira dos magostos. "Os de Usuña tiñamos habitación na Portela, onde durmiamos cando iamos recoller castañas nos soutos que tiñamos no Bierzo (...)". Incluso contaban cos coñecidos edificios chamados sequeiros para castañas.

CONFLITIVIDADE NOS SOUTOS.

Como era previsible, durante as labouras de apaño xurdian problemas entre os viviños, a pesar dos acordos de obrigado cumprimento aprobados polas xuntas veciñais e mandatos dos pedaneos e gardas. Partimos de montes concellís con plantaciois privadas de castañais. Ben, cada propietario coñece a súa árbore, pero as veces as gallas, dunha e doutra arbore voan e mestúranse entrelazadas, confundindo os seus froitos, que son obxecto de pequenos litixios. Cada copa de árbore determina a superficie de terreo onde poden caer as castañas do seu dono. Aínda así algúns froitos revirados poden rebotar no seu chan e pasar á sombra do castiñeiro viciño, provocando novas discrepancias veciñais. 


ESCUDO DO CONCELLO DE CASTROPODAME.


Noutros casos, nos lindeiros os propietarios plantan variedades de castañas distintas das que teñen os sus viciños, para diferencialas claramente á hora da recoleción. As castañas caen ao chan, e rodan polas costas pola ladeira, ata terras viciñas,  podendo pasar a outros predios alleos. Novos conflitos interveciñais. Velaí a razón de que se permitan facer devasas ou sucos cavados na terra que reteñan os froitos. Tamén, mediante a ralva e maila bimar, fanse aradas superficiais nos soutos que axudan a preparar o terreo e retirar o mato primaveral. Á vez, coas chamadas campicelas, lugares que se limpan de vexetación, debaixo das arbores, quedan visibles e paradas as castañas. Noutras ocasiois fanse bancais (arrequedar) e pequernas sebes de fieitas e paus cravados para evitar novos desprazamentos das castañas fóra dos predios. Outro feito curioso son os treitoiros que xorden moito na toponimia local. Refírense a costas de moita pendente por onde se baixaban as madeiras e ramaxe, unidas na  treita, ata atopar corredoiras e fondos dos vales onde se subían nos carros e cabalerías.

DERIVADAS DA PROPIEDADE INDIVIDUAL DOS CASTIÑEIROS.


Nos tempos liberais que vivimos hai xente moi dada a criticar o sistema de propiedades comunais dos soutos bercianos. A nivel popular falábase do "castaño voladizo" porque só se ten a propiedade da arbore non da terra. Incluso os intelectuais (caso de certos historiadores) basean o retraso económico do rural no minifundismo e na propiedade comunal. Discrepamos porque a razón de tal retraso está no capitalismo especulativo (baixos prezos agrarios, altos custos polos especuladores, transportistas, fertilizantes, sanidade animal...). O colectivismo agrogandeiro no Bierzo axudou aos viciños (solidariedade, comunais, facendeiras, veceiras...) durante séculos, a pesar da presión señorial primeiro e logo dos pulos capitalistas (desmortizacióis, repoboacióis piñeiras, urbanización, despoboación rural, desartellación territorial...). 


PANORÁMICA DE PARADA DE SOUTO NO BIERZO.


Aínda hoxe as terras comunais, autoxestionadas polas xuntas veciñais, teñen moito futuro. Cunha mellor xestion económica poden favorecer o desenvolvemento rural dos pobos pois teñen recursos naturais suficientes. Por iso non deben deixar que suxeitos alleos poidan apropiarse deses recursos (concellos, empresas xestoras ou compradoras, deputacióis...). Voltamos de novo aos nosos soutos para demandar a creación de unióis de produtores de castañas, por zonas concretas (casos das Médulas, Corullón, Valcarce, Aguiar...) e tipoloxía dos seus froitos. Mentres que a Mesa berciana do Castaño pode coordinar os aspectos hixiénicos, plagas, melloras arboreas ou comercialización de colleitas. Ademais temos as posibilidades que ofrece o Banco de Terras do Consello Comarcal do Bierzo para a transmisión de predios, novos plantíos e soutos.    

Salientamos tamén outros aspectos relacionados coa propiedade dos castañais. Os chamados "castaños de ánimas" deixábanse en herdanza á Igrexa a condición de que fixeran misas pola alma dos seus propietarios defuntos.



ESCUDO DO CONCELLO BERCIANO DE VALBOA.


Os castañeiros tamén serviron para pagar servizos especiais. Lembramos os casos de pagos de servizos médicos cun castaño por parte do enfermo agradecido.

A Igrexa tamén requería parte da produción castañeira. Había que pagarlle o décimo das castañas recollidas, normalmente un cuartal que corresponde a 5.25 quilogramos. E, a través do Interrogatorio do chamado Catastro fiscal de Ensenada, sabemos que no pobo de Cariseda había castaños "mancomunados en ellos, otros diferentes vezinos del (...)", "mais  8 a metade con otros vecinos (...)", referencias claras a formas de compartir a propiedade dos castañais.

DENOMINACIÓN DOS POBOS CASTIÑEIROS.


As comarcas bercianas periféricas con máis plantacióis de castañais teñen unha clara identificación cos seus soutos. Así acontece coa denominación dos seus pobos con referencias ao castaño. No oeste berciano salientamos os casos de Castañeiras e Castañoso, no concello de Valboa, tamén Soutogaioso ou Soutoparada, no val de Valcarce, ou o pobo de Soutelo no concello de Trabadelo. No val do Boeza atopamos San Pedro Castañero e Turienzo Castañero. Pero tamén atopamos barrios que teñen estas referencias. Este é o caso do barrio do Castañeiro do pobo de Perexe. Por suposto, como non podería ser doutro xeito, varios concellos bercianos recollen o debuxo dun castiñeiro nos seus propios escudos municipais, son os casos de: Valboa, Benuza na Cabreira, Berlanga, Castropodame, Páramo do Sil e Sobrado na comarca de Aguiar.

Deste xeito comprobamos como os castiñeiros crean unha peculiar identidade comarcal ou local. Estas árbores forman xa unha clara sinal de identidade colectiva de moitos lugares da rexión berciana.



Despois de ver estes exemplos da toponimia maior pescudaremos noutros referidos á toponimia menor (soutos, regueiros, picos, paraxes...) con claras referencias castañeiras.  Souto redondo en San Xoán da Mata, Pico do Souto en Lama Grande de Valboa, As Castañais, preto dos ríos Selmo e Valdelouro, Alto de Castañeiro (915 m.), na zona de Meledena e Os Mazos, O Souto nos Mazos, Souto dos Marcos na Portela de Aguiar, e así moitos máis topónimos castañeiros.

O Bierzo, decembro de 2013.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es