sábado, diciembre 14, 2013

O VALEDOR DO POBO DE GALICIA E O BIERZO.

RESPOSTA INSUFICIENTE DO VALEDOR DO POBO DE GALICIA

SOBRE O ENSINO DO GALEGO NO BIERZO,

Por Fala Ceibe do Bierzo.

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo hai tempo remesou queixa ao Valedor do Pobo de Galicia sobre a supresión da materia de lingua galega no bacharelato no instititu Europa de Ponferrada. Pois ben, con data de 29 de novembro, a dita institución respostounos cun escrito ante a nosa demanda lingüística. A seguir veremos o contido dese escrito da oficina do Valedor do Pobo.

Segundo o escrito do Valedor do Pobo, “a principios deste curso suscitáronse algúns problemas de cobertura de horarios (…)”. Nós pensamos que hai moito máis que un problema inicial de horarios de profesorado nos institutos de Ponferrada e Cacabelos. Seguimos co escrito oficial e lemos que “a día de hoxe, ambos están solucionados (…)”. Que ben! o problema do profesorado xa está arranxado, e que pasa co alunado afectado? Que acontece co alunado de bacharelato do instituto Europa que perdera definitivamente a materia de galego?...



Hai unha referencia á perda de titulación do alunado afectado, “consecuencia que os alumnos de bacharelato se verían privados de poder rematar os estudos de galego que tiñan iniciados e, polo  tanto, tamén verse privados de obter o Celgha 3 (…)”. Isto é o grave da situación problemática creada pola Consejería de Educación da Junta de Castela e León. Por suposto, esta última alegou que “como consecuencia da racionalización do gasto público ao que se veñen sometendo as distintas administración se vían obrigados a suprimir a materia de galego (…)”. Si, a Consejería de Educación esixe unha ratio mínima de alunado no instituto de Ponferrada, pero iso mesmo non se esixe nos institutos rurais, nunha clara arbitrariedade administrativa no exercicio do poder público que prexudica ao alunado ponferradino.´

A MÍNIMA INTERVENCIÓN DA XUNTA DE GALICIA.


Hai unha referencia á preocupación da Secretaría Xeral de Política Lingüística por esta problemática lingüística e educativa, así “púxose inmediatamente en contacto coa Consejería de Educación da Junta de Castilla y León para amosarlle esa preocupación (…)”. Máis preocupación tiveron e teñen  o alunado as nais e pais afectados que foron os que tomaron a iniciativa de resistencia e protesta.



Ademais, “para unha mellor coordinación das acción formativas levouse a cabo unha reunión da Comisión de Seguimento do Protocolo o 7 de novembro na que, tanto persoal da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta deGalicia como da dirección Xeral de Política Lingüística da Junta de Castilla y León concretamos todas as medidas a levar a cabo para a boa execución e incluso impulso do Protocolo en vigor (…)”. No fondo nada ten feito a Xunta de Galicia na resolución desta problemática, lamentable o seu interese pola súa banda.

TODOS RESOLVERON PARA NON ARANXAR NADA.


Grande éxito, para quén? Que se “contratou a unha profesora a tempo parcial para cubrir a praza que estaba vacante no IES Bergidum Flavium de Cacabelos e a profesora do IES Europa de Ponferrada volveu para a súa praza (…)”. Dicimos isto porque o alunado de Ponferrada tivo que renunciar á materia de galego, “pero xa os alumnos de lingua galega tomaron as súas decisión, un cambiando de instituto e outros dous elixindo outras optativas (…)”. Pero de qué nos fala o Valedor do Pobo, se o dito alunado foi obrigado a renunciar de materia optativa de galego ou ao traslado ao instituto Virgen de la Encina. Para máis gravidade, obrigouse ao alunado a tomar estas decisión comezado xa o curso escolar, para que non tivesen tempo dabondo para reflexionar ben as decisións finais.



 En fin, que cremos que houbo unha estratexia institucional de rematar arbitrariamente coa oferta da materia de galego no instituto Europa. E hai máis, creando estes problemas educativos e lingüísticos eliminas alunado actual e avisas dos problemas que vai ter o futuro alunado en cursos vindeiros. Así a Junta de Castela e León mata dos paxaros dun tiro. Non hai galego no bacharelato este curso pero tampouco vai habelo nos seguintes cursos. Esta é a estratexia política e educativa da Consejería de Educación. Mentres todo isto acontece, a Xunta de Galicia cala ante semellante inxustiza lingüística.

UN VALEDOR DO POBO QUE NON SE MOLLA. 


Seguimos coa intervención do Valedor do Pobo, “á vista do contido do informe, a situación xa se resolveu aínda que sexa de lamentar que non se fixera  a tempo de evitar que a supresión da docencia levara a un alumno a cambiar de instituto e a outros dous a elixiren outras optativas (…)”. Xa está todo resolto e arranxado para o Valedor, para a Xunta de Galicia e mellor para a antigalega Junta de Castela e León. "Porén, as prazas de docencia de lingua galega atópanse neste intre cubertas polo que en principio non parece preciso continuar a investigación iniciada como consecuencia do seu escrito de queixa (...)". 



Moitas grazas polo seu esforzo, Valedor do Pobo Galego, por tanta tarefa investigadora pola súa banda e máis pola súa meritoria resolución. Dende logo que non paga a pena contactar co dito Valedor do Pobo para pedir axuda cando somos atacados nos nosos dereitos lingüísticos. Por certo, este Valedor do Pobo que non se molla nesta resolución está en funcións, agardemos que o futuro titular do posto sexa máis competente cos galegofalantes do Bierzo. 

O Bierzo, decembro de 2013
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es