martes, abril 15, 2014

RESPEITO POLA TOPONIMIA GALEGOBERCIANA.


RESPEITO POLA TOPONIMIA GALEGA DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Resulta do máis normal escoitar e ler nos medios de comunicación locais e provinciais referencias erróneas á toponimia en lingua galega. Así, constatamos a presenza de Ourense e A Coruña, tanto das cidades coma das provincias respectivas, na versión en castelán. Outro tanto sucede co Barco de Valdeorras, A serra dos Ancares, Pedrafita do Cebreiro, Los Nogales e demais, sempre coas formas castelanizadas. Supoñemos que estes erros lingüísticos son debidos á ignorancia da legalidade, o uso inconsciente do castelán, falta de coñecementos abondos de idioma galego, etcétera. Neste senso traemos a colación un feito que se repite cos xornalistas. Cando éstes piden declaracióis a bercianos galegofalantes, a meirande parte daqueles insisten en que se fale só en castelán, por respeito aos outros ointes casteláns que se poden molestar. Para os sociolingüistas isto ten relación coa diglosia, a saber, dúas linguas con distintas funciois asignadas de forma xerarquizada. En fin, que sempre a nosa  minoria galegofalante ten todas as de perder na súa relación cos medios de comunicación actuais, porque cremos que esta exclusión está tinxida de discriminación.



Pero queremos voltar ao tema da toponimia galega para tratar sobre a legalidade que algúns ignoran. Quizais cola axeitada información consigamos dignificar paseniño a nosa outra lingua do Bierzo. Así indicamos que pola Lei estatal 2/1998, de 3 de marzo, se recoñece que “a actual provincia de Orense denominarase oficialmente, en concordancia co nome oficial de Ourense que ten recoñecida a súa capitalidade” (artigo 2). Outro tanto acontece coa denominación da Coruña (art.1). Convén lembrar que os nomes das provincias derivan da denominación das súas capitais, así o determinou o antigo Real Decreto de 30 de novembro de 1833 de Javier de Burgos. Esta última norma foi a que suprimíu definitivamente a nosa provincia de El Bierzo que tivera a súa orixe no ano 1486. Así pois, queda ben clara a oficialidade da Coruña e Ourense.



A normativa lingüística da Comunidade Autónoma de Galicia ha declarado a oficialidade da súa toponimia, únicamente en galego. Por iso achegamos a Lei de normalización lingüística de 1983 na que lemos que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” (art. 10). Logo non vale utilizar topónimos de Galicia en castelán como temos visto acotío. Isto implica que cando utilizamos a lingua castelá, de xeito oral ou escrito, temos que respeitar sempre os topónimos en galego, sen deturparlos ou castelanizalos.

A DESPROTECIÓN TOPONÍMICA DO BIERZO. 


A nosa lingua galega do Bierzo non ten a declaración de oficialidade coma en Galiza. Iso si, o noso galego posúe a protección legal parcial a través do Estatuto de Autonomía de Castela e León, “gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice (…)” (art. 5.3). Ademais, o reforzamento legal do galego vén da man da Lei da Comarca de O Bierzo, cuxa reforma de 2010 xa admite expresamente o respeito e protección institucional do galego na comarca. Por desgraza os nosos dirixentes políticos locais non teñen feito nada sobre esta problemática lingüística.

A falta dun tratamento axeitado deste problema toponímico favorece a presión constante do idioma castelán. Os ditos medios de comunicación, as diversas administraciois estatal, autonómica, provincial e incluso locais, e a maioría castelánfalante actúan de axentes desgaleguizadores da nosa toponimia berciana. Neste contexto non podemos pasar por alto a intervención da clase política. Así vemos como se aprobó a Lei do réxime local de Castela e León que manda que “a denominación oficial dos concellos haberá de ser en lingua castelá, respetándose as denominacióis existentes á entrada en vigor desta Lei (…)” (art. 24.1). Ésta é unha forma máis de privilexiar xurídicamente o idioma castelán sobre o galego do Bierzo.



  Todos estes atrancos, legais ou socioloxicos, provocan que os nosos concellos teñan graves problemas para denominarse oficialmente en galego, Barxas, A Veiga de Valcarce, Peranzais, Borrés, Valboa e demais. Outro tanto acontece coa supresión dos nomes tradicionais das nosas comarcas, O Bierzo, A Cabreira, O Courel, A Somoza e demais que tenden a perder o seu artigo galego, determinado e definitorio, ou a sustituílo polo correspondente en castelán. Incluso nos mapas e sinais de tráfico as nosas pequenas aldeas deixan de seren tales, A Portela de Valcarce, A Barosa, A Balouta, As Algueiras… fronte aos novos artigos engadidos sen xeito. Noutros casos, hai perda de letras, quizais por soar demasiado galegueiros, Frieira, Ferrarias, Pieiros, Perexe, Paraxís, Corporais, Cantexeira, Veigueliña, Paradiña, Castelo de Cornatelo, etc. Pequenas poboacióis castelanizadas para seren coma elas, villas castelás, porque o nome pode dar máis categoría, Vilarbón, Vilar de Oteiro, Vilafeile, Vilagroi, Vilela, Vilariños e demais. A etimoloxía tradicional e galega non debería ser outra máis castelá, por iso sempre Soutelo, Soutorada, Fonte de Oliva, Parada de Souto, Peón, Parandois, etcétera.



Na nosa ampla rexión berciana os aconteceres históricos permitiron a presenza de varias linguas en contacto, casos da castelá, ásturleonesa e galega. Velaí os ditos conflitos lingüísticos por mor da mestura de idiomas territoriais viciños. Nos lindeiros da nosa rexión vemos como Cruz de Ferro rivaliza con Cruz de Fierro, outro tanto acontece con Fornela e Forniella, ou montes Aquilianos e Aquilanos. Os topónimos tamén evolucionan pola presión interlingüística, poden desaparecer ou estenderse. Temos os casos de Ancares, un pequeño río dentro do seu val, pasou a denominar un amplo territorio montañoso, Os Ancares, polas dúas vertentes, berciana e galega. Pola outra banda, O Bierzo estaba limitado á zona chaira na Idade Media, pero as divisióis administrativas (políticas, fiscais…) ampliaron ese territorio pola rexión natural do río Sil. Así pois, temos un novidoso conceito xeográfico expansivo, tanto polo norte, cara a Laciana (concellos de Palacios e Páramo), coma polo Sul, na Cabreira Baixa. O dito, a toponimia evoluciona e, no caso da galegoberciana, debemos recuperar este patrimonio lingüístico como sinal de identidade histórica e cultural sen igual.

O Bierzo, abril de 2014.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es