miércoles, mayo 06, 2015

O IDIOMA GALEGO DO BIERZO NAS ELECIOIS LOCAIS 2015.


A LINGUA GALEGA NAS ELECIOIS LOCAIS DE 2015.

Por Xabier Lago Mestre,
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo (falaceibe@yahoo.es)

Moito nos tememos que os partidos políticos pasarán de novo da problemática da lingua galega nestas eleciois locais. Este idioma dos bercianos galegofalantes non merece nin unha nota nos programas eletorais. Supoñemos que porque consideran esta materia cultural de segunda categoría ou por prexuízos lingüísticos. Aínda así temos a obriga de falar deste tema xa que outros non o fan.

O CONSELLO DO BIERZO PASA DO GALEGO.

O primeiro dicir que o Consello Comarcal do Bierzo si ten a obriga legal, por mor da Lei de creación da Comarca. Lemos no seu artigo 1.4 que “na Comarca do Bierzo gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares nos que habitualmente se utilice (…)”. Pero remata o mandato dos conselleiros e non teñen feito nada polo noso galego. Só comentamos que resulta lamentable este desinterese político polo noso idioma galego.

Por iso aproveitamos esta conxuntura política para reclamar unha intervención axeitada polo galego. Non sería imposible crear un Servizo lingüístico, dependente do dito Consello do Bierzo, en apoio do uso social e administrativo do galego polos concellos e pedanías da nosa rexión. Para realizar isto habería que procurar a colaboración coa Junta de Castela e León, segundo fixa a propia Lei da Comarca, “a Comunidade de Castela e León facilitará a participación da Comarca do Bierzo nas actuaciois que realice para a promoción da lingua galega no seu ámbito territorial” (artigo 4.2). Ademais, o Consello do Bierzo ten os seus portais na internet (institucionaL, turístico…) pero nin establece versiois na lingua galega ¿por qué este trato discriminatorio?.


CONCELLOS E PEDANÍAS POLO GALEGO.

Tanto os concellos coma as xuntas veciñais do Bierzo ocidental poden facer máis polo galego a pesares da escaseza de medios. O galego non é lingua oficial no Bierzo pero la  información institucional, competencia propia das administraciois locais, pode realizarse tamén en galego. Deste xeito os nosos entes locais comentados dan visualidade a esta lingua tradicional ante a súa veciñanza. Botamos de menos este idioma nos bandos, ordenanzas, dereito consuetudinario, cartelería informativa, programas festivos, etc. como sinxela forma de pretixiar o seu uso administrativo e social.  

A RECUPERACIÓN DA TOPONIMIA.

Por desgraza comprobamos a cotío que a nosa toponimia tradicional en galego se está estragando. Só temos que mirar para os mapas, as sinais de tráfico, os folletos turísticos, as placas dos rueiros, etc.  A falta de oficialidade do galego permite que os poderes insltitucionais castelanicen a nosa toponimia paseniño.

A nosa toponimia en galego ten uns valores históricos e filolóxicos sen igual. Así o comprobamos nos espazos agrarios (liñares, agros, leiros…), gandeiros (brañas, pradoiros, devesas…), arboredas (chopeiras, soutos, carballeiras…), montes (carqueixais, uceiras…), montañas (serras, cordais, cumios, cavorcos…), vías de comunicación (corredoiras, vereas, rodeiras…), rede hidráulica (regueiros, fontes, vaos, pozas…), etcétera.



A RECUPERACIÓN DO PATRIMONIO ARQUITETÓNICO.

Os nosos pobos teñen un rico patrimonio arquitetónico que ofrecer para o desfrute propio e dos turistas. No Bierzo ocidental este patrimonio se define en galego. As vivendas tradicionais teñen unha caraterización de grande interese. Vemos os seus patíns con escaleiras exteriores. Nos corredores xorden labradas barandas nas solainas. Nas fachadas laterais sobresaen os fornos. Os sotos son aproveitados para lagares e adegas. No andar baixo existen as cortes para gando, apeiros de labranza e carros. Mentres que nos tellados de lousa asoman as bufardas cheas de vellos recordos. Nas zonas máis rurais seguen presentes as pallozas e mailas casas de palla de centeo. E polas vilas atopamos pacios fidalgos que enseñorean cos seus escudos familiares.

Pero é que temos outras construciois non de menor importancia. Referímonos ás fontes coa súa música hídrica, abrevadeiros e lavadeiros que perderon as súas funciois orixinarias, hórreos que aínda gardan os froitos fronte aos ratos, secadoiros de castañas no Val do Selmo, as ferrarías do século XIX xa hai tempo que non mesturan fogo e ferro, os cortíns de colmeas evitan os osos viaxeiros, mentres que os foxos para lobos agardan. Os fornos comunais son xa recuperados en moitos lugares, caso dos de Carracedelo.


O patrimonio arquitetónico abrangue tamén as pequenas igrexas rurais onde sempre hai interesantes novidades, así coma ermidas e capelas agochadas en paraxes naturais sen igual. Polo que paga a pena a súa busca polas costas. Nos lugares destacados fican os cruceiros, dende o milladoiro da Cruz de Ferro ata os sinxelos de madeira de moitos barrios.

OUTRO PATRIMONIO ETNOGRÁFICO.

Pero os nosos pobos poden amosar moito máis en materia lingüística. Temos os apeiros de labranza (fouces, arados, gadañas…) propios das sementeiras, segas, carraxes de froitos  e mallas. O museo do Carro de Villanueva de Valdueza non ten competidor. A moblaxe da cociña (escano, tallo, maseira…), paga a pena visitar unha casa de Dragonte conservada con todos os seus elementos tradicionais. Moitas aldeas aínda conservan os vellos potros das bestas arrodeados pola vexetación.

A creación de museos etnográficos son a oportunidade de conservar esta riqueza cultural tradicional. Non haberá forasteiro que non se vea atraido polos seus contidos. Museos que poden recoller tamén os arquivos fotográficos, documentais ou mineiros (carbón, ferro, wolfran, caleiros, louseiras…).

A lingua galega ten que estar vencellada ás festividades locais como xa o foi no pasado. As festas patronais, tanto de inverno como estivais, as romarías rurais, os maios primaverais, os antroidos de cinza nas aldeas, etc. Outro tanto se pode facer coa recuperación das outras peculiares festas veciñais, casos das faceiras (traballos comunitarios), veceiras de gando, emigaciois estivais ás brañas (Campo de Auga) e fiadeiros. As novas recreaciois históricas, festas gastronómicas e artesanais son outras oportunidades de desenvolvemento rural.



O Bierzo oeste tamén pode ofertar a súa variada gastronomía en galego, para os visitantes de Galicia que así se sentirán moito máis acollidos nesta terra irmá. Así non haberá quen rexeite as nosas troitas do Valcarce, castañas de Barxas, cereixas de Corullón, mazás de Carracedo, empanadas e doces de Vilafranca, botelos de Bembibre e demais viandas.

OS CONVENIOS DE COLABORACIÓN TURÍSTICOS.

Finalmente queremos demandar profundizar na colaboración entre rexiois veciñas. Eiquí temos que ainar convenios de colaboración entre o Consello do Bierzo e mailas instituciois de Galicia (Xunta, Deputaciois…) para o fomento turístico de espazos naturais estremeiros, casos das serras da Enciña da Lastra, Cabalos-Courel e Os Ancares. Trátase da promoción turística común, en galego, de mapas, folletos, sinalización, presenza en feiras, etc. Non hai mellor forma de aforrar cartos con maior eficacia turística.

Rexión do Bierzo, abril de 2015.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

Etiquetas: , , ,