lunes, febrero 29, 2016

NOVO DÍA DA LINGUA GALEGA NA REXIÓN BERCIANA.


DÍA DA LINGUA GALEGA NA REXIÓN DO BIERZO,
Polo coletivo Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

O 9 de marzo de 1695 naceu en Vilafranca do Bierzo frei Martín Sarmiento. Este erudito ilustrado foi un grande defensor do galego no século XVIII. Así pois, temos unha boa data para a declaración como Día do Galego no Bierzo. A pesares do longo tempo transcorrido segue a ser necesario dar o máximo protagonismo ao noso idioma tradicional.



AS DISCRIMINACIOIS CO GALEGO.

Quen pode entender que haxa colexios públicos no Bierzo occidental que non oferten o estudo voluntario da nosa lingua, casos de Carracedelo, Fabeiro ou Veiga de Valcarce. Isto acontece hoxe polos atrancos administrativos da Junta de Castela e León (Consellería de Educación, direciois dos centros…), en vez de dar as máximas facilidades de opción lingüística. Como exemplo do que comentamos velaí as continuas protestas de diversas comunidades escolares polas continuas restriciois da oferta escolar de galego.

Pola outra banda, o idioma galego conta co recoñecemento legal do Estatuto de Autonomía de Castela e León e da Lei de Creación da Comarca do Bierzo. Pois ben, as administraciois locais, sexan Deputación de León, Consello Comarcal e concellos, teñen feito moi pouco na promoción institucional do galego do Bierzo.


UN MAIOR RECOÑECEMENTO LEGAL.

Neste ano 2016 as Cortes de Castela e León teñen intención de reformar de novo o Estatuto desta Comunidade Autónoma. Esta será unha nova oporltunidade de dar un maior recoñecemento legal para o idioma galego. Nesta ocasión hai que pedir a declaración de cooficialidade para o galego. Cabe esperar que a meirande parte dos partidos políticos rexeitarán esta proposta pola súa falta de sensibilidade lingüística. 

A minoría galegofalante do Bierzo ten a lexitimidade para reclamar unha maior protección legal para o galego. Non se pode entender que a comunidade lingüística do noroeste peninsular estea dividida legalmente. Así as pequenas comunidades galegofalantes de Asturias, O Bierzo e a Alta Seabra sufrimos discriminaciois lingüística respeito aos falantes da Galiza. Cómpre remediar estas diferenzas legais e históricas mediante a concesión dun estatuto de cooficialidade para a nosa lingua galega estremeira.


POR UN MEDIO DE COMUNICACIÓN GALEGOBERCIANO.

Lamentablemente seguimos a sufrir a censura á hora de exercer o dereito de liberdade de expresión en galego. Os medios de comunicación desta rexión non permiten o uso da lingua tradicional do Bierzo por parte dos galegofalantes. Esta anómala situación hai que cualificala de discriminación cultural cara ao galego.

Convén crear un medio de comunicación propio en galego para dar voz á comunidade galegofalante do Bierzo. Deste xeito poderemos prestixiar o idioma galego e tamén dignificar á comunidade galegofalante. Hai que aproveitar máis as facilitades que ofrece internet para crear un medio de expresión alternativo en galego. Amosemos un galego reivindicativo, capaz de reclamar o recoñecemento dos nosos dereitos lingüísticos plenos paseniño. O galego en positivo ten que acadar o respeito dos castelanfalantes para que non o vexan coma unha ameaza cultural. 


O MODELO GALEGOBERCIANO. 

O galego do Bierzo ten que rexurdir con fundamentos tradicionais nosos. Non podemos pasar por alto o dialetismo local, evitando así o rexeito da normativa oficial do galego. Hai que explicar mellor a relación entre dialetismo y normativa lingüística. Nesta dinámica interlingüística tamén estará presente o portugués que non pode ser alleo á nosa tradición idiomática, como comprobamos no caso do ancarés. 

Para acadarmos o respeito dos castelanfalantes amosemos mellor o galego. A visualización do galego dun xeito atrativo, con mensaxes positivos, divertidos, abraiantes, etc. As mellores imaxes poden casar ben con mensaxes en galego. Dous elementos que poden espallarse ben pola internet a través das redes sociais. 

O galego con fundamento tradicional. Temos moito que valorar da nosa cultura, coma a literatura oral, os costumes, as festividades, a relixiosidade, as instituciois locais, as localidades (aldeas, vilas, etc), o cancioneiro, etc. Recuperemos a nosa cultura galegoberciana a través da nosa lingua revitalizada con novos contidos de interese social. 


Por todo o dito, cremos que hai que bercianizar máis o galego. Recuperemos as fontes culturais tradicionais da nosa rexión. Pero sen deixar de mirar para diante, ao futuro, caso da utilización de medios de expresión modernos coma a internet. Dende o recuncho do Bierzo, con Galiza e Portugal xuntos. Porque co galego podemos ser máis internacionais ca nunca. Reforcemos pois o noso bilingüismo fronte aos encastelados, coma eses políticos das Cortes autonómicas que aínda rexeitan a xusta declaración de cooficialidade para o galego.
O Bierzo, marzo de 2016.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

1 Comments:

Blogger curra figueroa . panisse said...

Parabéns pola vossa iniciativa. Desejo-vos tudo o sucesso que mereceis.
Desde Lugo forte abraço.
Adela Figueroa

4:44 a. m.  

Publicar un comentario en la entrada

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home