O IDIOMA GALEGO SEGUE A MEDRAR NO BIERZO.
O GALEGO SEGUE
A MEDRAR NO BIERZO,
Por Javier Lago
Mestre, autor do libro El Bierzo provincial.
A Comisión de seguimento do
Protocolo xeral de promoción da lingua galega en Castela e León ten informado
sobre a execución do ensino no Bierzo. Os datos deste curso 2021-22 son bos de
novo, pois medra o galego no ensino regrado. Un total de 1.115 alunos estudan
galego hoxe, mentres que no anterior curso foron 1.083. Isto demostra o
interese que hai por este idioma no nosa rexión.
Apesares da despoboación do medio
rural, os país e o alunado seguen a demandar o ensino do galego. Pequenos colexios
públicos, como os de Corullón, Carucedo e Toural de Meraio ofertan a súa
materia de galego. Outro tanto acontece nas vilas, coma Cacabelos, Vilafranca,
Toural dos Vaos e Camponaraia. Por suposto, a cidade de Ponferrada concentra o
maior número de alunado, ademais das localidades da contorna (Cubillos,
Compostilla, La Placa, etc).
O alunado berciano demanda galego de
xeito voluntario. En primaria hai galego coa materia de comunicación e
representación, ademais de coñecemento do medio. Nos institutos poden estudar
galego en ciencias sociais, ciencias da natureza, educación artística, con
xeografía e historia e lingua e cultura galegas. Tralos correspondentes
estudos, o alunado pode obter a titulación oficial de Celga 2 no Eso e Celga 3
en bacharelato. Tampouco esquecemos o alunado da Escola oficial de idiomas de
Ponferrada, tanto de galego coma de portugués.
Os país e o alunado do galego ben
saben das vantaxes de coñecer o galego. Son moitos os que continúan os seus
estudos superiores nas tres universidades galegas (Compostela, Vigo e A
Coruña). Ademais, ter titulación oficial de galego significa a exención das
probas lingüísticas nos exames de oposición en Galiza (función pública, Sergas,
concellos, etc). Outro tanto acontece coas ofertas de emprego privado na veciña
Comunidade autónoma galega.
Saber galego no Bierzo tamén abre as
portas internacionais. Somos moitos os bercianos que co noso galego local temos
dado o pulo para o idioma portugués. Sí, hai diferenzas de grafía e pronuncia,
mais nada dificultosas para un galegofalante. E co portugués temos un idioma
internacional, outro máis para o currículum vitae, que favorece o aceso a outras
universidades (vía Erasmus) e traballos profesionais na Unión europea. Cantos
máis idiomas saibas, mellor a túa competitividade.
Con todo o dito, temos acadado moito
co ensino do galego no Bierzo. Sen embargo, botamos de menos que haxa colexios
que aínda non ofertan o estudo do galego. Trátase da Veiga de Valcarce,
Carracedelo, A Veiga de Espiñareda ou Fabeiro. Así pois, o proceso
reivindicativo continúa sen descanso, atrás restan moitos atrancos educativos
xa superados. Neste sentido, teñamos en conta que no Bierzo alto e Laciana o idioma
portugués tivo oferta abonda, e de seguro que aínda hai demanda social. A Unión
europea debería favorecer económicamente este ensino, tanto do galego coma do
portugués, porque permite unha mellor integración cidadá e cultural. Vai sendo
hora de mirar para Portugal doutro xeito, xa que son os vecinos máis
descoñecidos.
Todo o comentado favorece o
prestixio social do idioma galego no Bierzo. Ademais as novas investigaciois
(histórica, filolóxica, sociolóxica, etc) divulgan unha cultura galega secular moi
rica (oral e escrita). Tamén teñamos en conta a necesidade de inserirse nos
procesos de normalización lingüística. Velaí a presenza dos medios de
comunicación de Galiza (rtvg, radios, xornais, dixitais…), o comercio, os
servizos públicos, a música, as artes,
etc, porque falamos o mesmo idioma e compartillamos a ampla cultura. Temos todos
que progresar xuntos, botando fóra calquera illamento periférico peninsular.
Non hai que ter medo aos procesos de
normativización lingüística. Deixemos atrás as denominaciois despectivas
(chapurreo, dialecto, falas, etc) e mailo autonoxo. No século XXI necesitamos
un idioma galego moderno, claramente funcional (léxico, morfosintaxe...). O
galego rural debe evolucionar para satisfacer as necesidades de hoxe, caso das
dixitais e profesionais. Nesta dinámica habería que acercarse máis ao portugués
na procura da súa modernidade e internacionalización. Fagamos pois do noso
galego un idioma atraínte para os neofalantes.
O Bierzo,
decembro de 2021.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home