viernes, octubre 15, 2021

A VIAXE FERROVIARIA A MONFORTE DE LEMOS

 



VIAXE FERROVIARIA A MONFORTE DE LEMOS,

Por Javier Lago Mestre.

A estación ferroviaria de Ponferrada está arrodeada de escuridade. Son as 6 da mañá e hai escasos viaxeiros no primeiro andén, onde agarda o rexional para Ourense. Un carto de hora depois parte o noso tren. Corremos pola chaira berciana até o apeadeiro de Viladepaos, e logo Toural dos Vaos, tamén sen viaxeiros. Non paramos na Barosa, desde onde emigraban os veciños do val do Selmo, antiga meirindade de Aguiar. Rachamos pola escuridade e penetramos no estreito de Covas. Xa en terras galegas, parada na estación de Quereño, de onde se pode pasar para A Ponte Domingo Flórez, e penetrar na bisbarra da Cabreira.

            A ponte antiga de Sobradelo precede á súa estación ferroviaria. Esta localidade dá paso para a Carballeda e mailo val de Casoio, ademais do concello norteño de Rubiá. Seguimos para a vila O Barco de Valdeorras, capital da lousa e do bo viño. Eiquí si hai tránsito de viaxeiros. Depois nos agarda Vilamartín. Parellos co río Sil chegamos á estación da Rúa-Petín, onde se atopa a ponte da Cigarrosa, que servía de lindeiro oeste da provincia liberal de Vilafranca do Bierzo. O encoró de san Martiño rematou coas mellores terras labrantías.



            Pola ribeira do Sil avanzamos para Montefurado. Como o nome indica, os romanos fixeron un buraco na montaña para desviar o río e extraer o rico ouro. Agora viaxamos ao norte para Soldón-Sequeiros. Polas ladeiras agatuñan as aldeas de Bendilló, Bendollo, Piñeira, etc. En Soldón remata o regueiro do mesmo nome que baixa da serra dos Cabalos que afasta ao Bierzo. Máis adiante, a estación de San Clodio-Quiroga, a vila principal desta contorna que é saída natural da comarca do Courel. Nesta estación os trens de vapor abastecíanse de combustible e auga para subir con máis forza as fortes pendentes das rampas do val do río Lor.

            Avanza o rexional para Covas, esta aldea, na zona de Augasmestas, concentra augas do poderoso Sil e do río Lor. Agatuñamos polo norteño val do Lor. Na ladeira leste atopamos as aldeas de Margaride, Cabalo de Lor, Pacio e demais dormen. Na ladeira oposta está a poderosa serra de Auga levada. Este estreito val está cheo de foresta variada (carballos, piñeiros, etc). No apeadeiro de Freixeiro torcemos para esquerda, abandonamos o val do Lor, limitado pola serra da Trapa, e penetramos no regueiro do val, ao oeste. Máis enriba, os regueiros Rubín e Sa, que regan a chaira da Pobra de Brollón, que ten a súa estación alonxada. Máis ao norte, a chamada Somoza mayor de Lemos, que nos lembra as lonxanas Somoza berciana ou a Somoza maragata.



            Rápido o rexional percorre a chaira de Lemos, diante Monforte co seu alto Castelo. A longa estación recorda tempos pasados de moita actividade ferroviaria. Eiquí había variados talleres de máquinas de vapor que viñan do Bierzo, e logo das máquinas de gasoil, e depois as potentes electricas inglesas (verdes). Agora nos antigos talleres hai un museo ferroviario que paga a pena ver con detemento nas aforas da vila.

            En Monforte non pode faltar a suba ao castelao, onde se conserva a torre da homenaxe, solar dos condes de Lemos, tan relacionados co Bierzo. No mesmo cumio, o mosteiro bieito de san Vicente do Pino. Tamén hai restos do pacio condal que sufríu un fogo devastador en 1672. Baixamos para o burgo medieval, onde xorde o barrio xudeo, sempre baixo o abeiro dos condes, tamén restos das murallas, onde existen as portas Nova e Pescaderías. O cárcere da vila está perto da praza de España. Por diante, o centro comercial da rúa do Cardenal. E logo as antigas casas do mercado, hoxe dependencias municipais. O amplo campo da Compañía está diante do colexío dos Xesuítas, o chamado Escorial galego. Quen ama a arte pictórica debe visitar os museos dos escolapios e das Clarisas, xunta o río Cabe.



            Á hora do xantar hai variados restaurantes onde saciar a fame con ricos pratos compostos de productos da terra de Lemos. O descanso pode ser máis placenteiro no parque dos Condes e no paseo fluvial do Cabe. A volta o Bierzo pode ser co tren rexional da tarde ou co servizo de autobús. En fin, unhas terras cercanas que paga a pena visitar en calquera estación climática.

O Bierzo, outubro de 2021. 



ttp://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es