sábado, agosto 14, 2021

A REIVINDICACIÓN GALEGUEIRA NO BIERZO.


 


REIVINDICACIÓN GALEGUEIRA NO BIERZO.

Por Faladoiro.

Na rexión do Bierzo resulta doado atopar pintadas reivindicativas nas paredes de moitas vilas e localidades. Son expresión dun conflito cultural e político que existe dende séculos. Nesas pintadas anónimas atopamos referencias políticas (provincialismo), culturais (lingüísticas), sociais (manifas), ecolóxicas, etc.

            Cada vez máis nas reivindicaciois bercianas está presente a nosa bandeira Cruceira. Símbolo que nos reafirma coletiva e territorialmente fronte a outras zonas veciñas (León, Castela…). As pegadas e os repartos da nosa bandeira son frecuentes. A difusión da dita bandeira é tal que supera claramente a outras bandeiras provinciais e rexionais. Cantos máis nos identifiquemos coa Cruceira menos identificación haberá con León e Castela.



            A minoría galegofalante do Bierzo está afastada dos medios de comunicación tradicionais (tv, radio, xornais…), e outro tanto acontece cos medios de comunicación dixitais de hoxe. Velaí a necesidade de atopar o noso espazo informativo nas chamadas redes sociais. Hai de facer un esforzo para ter máis presenza na internet coa nosa lingua galega tan asoballada polos poderes mediáticos, políticos e económicos.

            Pódese compensar as debilidades da minoría galegofalante cunha maior colaboración reivindicativa. Cómpre unir os diversos coletivos para ter máis forza activista. Ademais, contar cos coletivos da Galiza é fundamental para dar a coñecer a nosa problemática arredista na Comunidade autónoma veciña. Prestixiar o galego é fundamental e para iso contamos coa axuda dunha lingua internacional coma a portuguesa. Fuxamos do illamento territorial e cultural!.



            A mobilización reivindicativa significa reforzar a presenza social. Non hai que ter medo a dar a cara nas rúas e acadar maior protagonismo. O Bicentenario provincial berciano que celebramos neste 2021permite esa mobilización. Deixo eiquí a proposta dunha ruada con bandeiras Cruceiras en Vilafranca, cunha marcha entre o concello e a sede da antiga deputación da provincia de Vilafranca. Para cando? para unha fin de semana cercana ao 21 de setembro, data en que Vilafranca festexou a concesión da capitalidade provincial en 1821.

            Non se pode negar a existencia de certos culturatas galegueiros que só recoñecen o galego elitista. Por iso fomentan actividades culturais minoritarias, caso da edición de libros, concertos, conferencias, etc. Estes culturatas pasan do galego social, rueiro e reivindicativo. A razón desta estratexia é a súa dependencia do financiamento por parte das instituciois, casos da Xunta de Galicia e da Deputación de León.  Non queren desgustar a quen lles financia en parte das súas actividades culturais. Por iso perden liberdade de expresión e crítica, ademais de censurar e desprestixiar aos que temos alternativas reivindicativas.



            O galeguismo berciano ten que saber relacionarse co bercianismo e o leonesismo. Hai clara evolución do bercianismo político cara a recoñecer a importancia do idioma galego, admitir a provincia galega tralo referendo democrático, relaciois políticas con Galiza, reforma do Estatuto comarcal, etc. Podemos e debemos traballar xuntos a nivel reivindicativo.

            Pola outra banda, o galleguismo berciano saberá confrontar co leonesismo. Esta ideoloxía política sempre atacou o autonomismo político berciano, o fomento da nosa lingua galega, cuestiona a nosa territorialidade, debilita a simboloxía identitaria berciana, etc. O leonesismo demanda a segregación de Castela, mentres que o bercianismo e o galleguismo berciano demandan a segregación de León. Hai unha confrontación clara entre leonesismo e bercianismo e galeguismo que resulta definitorio. Fomentar o bercianismo e o galleguismo significa derrotar ao leonesismo na nosa rexión.

O Bierzo, agosto de 2021.

www.obierzoceibe.blogspot.com



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es