miércoles, junio 04, 2025

A OUTRA TEBAIDA BERCIANA.

libro El Bierzo Provincial.


A OUTRA TEBAIDA BERCIANA,

Por Xabier Lago Mestre.

A sona da Tebaida berciana ten a súa orixe na Idade media polo seu desenvolvemento monástico. Sen embargo, non se sabe tanto da evolución na Idade moderna. Por iso toca ver un chisco desa outra historia descoñecida da abadía de san Pedro de Montes. Principiamos a fines do século XV coa reforma monástica que promoveron os chamados Reis católicos. Trala conquista militar do Bierzo ante a rebelión do conde de Lemos, Rodrigo, a Coroa fíxose co control das importantes abadías, casos de Carracedo, Espiñareda e Montes. Dende Valladolid se remesaron reformadores que bateron cos abades locais.

Por suposto, ante as resistencias bercianas a Coroa ordenou ao correxidor de Ponferrada apoiar aos reformadores estranxeiros. No caso do mosteiro de Montes, o seu abade, Estacio Noreña, non deixou entrar ao reformador bieito visitante que contou coa axuda do dito correxidor. Finalmente o poder real e eclesial foráneos venceron, e o abade tivo que abandonar o mosteiro (1505) e renunciar ao seu cargo. Depois o novo abade, Diego de Burgos, pediu axuda ao correxidor e quitou as varas da xustiza aos antigos xuíces, coma mostra do seu poder señorial (1506). Outra consecuencia posterior da reforma foi o intento de integrar o mosteiro berciano en san Vicente de Salamanca (bula de 1535), polo cal había que contribuir para os estudos na cidade charra. Mais este proxeto unionista fracasou, e en 1541 voltaron a separarse. 



Os problemas continuaron cando o correxidor exerceu a súa xurisdición no val da Valdoza, por mor da persecución de malfeitores que procuraban a inmunidade monástica. Por iso o arcediano do Bierzo fixoulle censuras eclesiásticas (1521), sendo a propia Coroa quen demandou o alzamento daquela excomunión. O mosteiro de san Pedro de Montes exercía o seu poder señorial principalmente sobre a Quintería de Montes e mailo val da Valdoza, ademáis doutros territorios, “en el marquesado de Villafranca, en tierra de Cabrera, en la Ribera de Urbía, en el partido de Baldeorras, en el condado de Riba de Avia, en la provincia del Bierzo, en la tierra de la ciudad de Astorga” (1702). Sabemos que cada concello nomeaba un procurador, e que había un procurador xeral de todo o val da Valdoza. Ademais, a Quintería tiña un procurador e ordenanzas.  Incluso os novos abades tiñan de xurar os usos e costumes en Valdefrancos, onde a terra se xuntaba en concello xeral (1554). Os concellos preitearon co mosteiro porque éste se negaba a facer xuízos de residencia aos oficiais de xustiza da Valdoza (1597), todo fora por non cuestionar a xustiza señorial tan pouco independente. 

Gobernar este amplio espazo señorial non foi doado, velaí a diversa conflitividade social. Diversos concellos veciños desputaron os seus términos co mosteiro. Os Barrios de Salas defenderon o considerado seu en varias ocasiois (A Piquera, 1501, pontón de Fonlevar, 1502, Valcabado, 1514), e entraron no couto da Valdoza para pastar, facer cortas de madeiras e rozas, polo que o correxidor de Ponferrada, Juan de Torres, tivo de ditar sentenza a prol de san Pedro de Montes. Antes, houbo desputas interseñoriais pola posesión da Ribera de Urbía, que demandaban os marqueses de Vilafranca e o conde de Benavente, que se resolveu a prol dos laicos coa concordia de 1497.



 O correxidor de Ponferrada, Juan de Montalvo, tamén ditou sentenzas a prol do mosteiro, nos asuntos das sernas (traballos comunais de balde para o abade), e contra dos que vivían fóra e tiñan terras forais do mosteiro (1512). Convén recordar o importante arquivo monastico que existía, cheo de documentos medievais que fundamentaban o seu poder señorial en privilexios históricos fronte ás demandas dos seus vasalos. Mercedes reais que teñen sido verificados como falsos por historiadores coma Mercedes Durany e Leticia Agundez (2016). Lóxicamente aquela xustiza estaba feita para defender os intereses dos privilexiados (Igrexa, nobreza e Coroa) fronte aos vasalos. Exemplos de inxustizas temos a esgalla, como cando non se lles concedeu concello propio aos da Quintería de Montes (1533). Tamén había obriga de pago de dúas perdices para a concesión de licencia para facer casas (1578), ou de pagar por mortes de vasalos sen herdeiros (1518). Os veciños de san Clemente tiveron que preitear para ter o control do seu souto ante a oposición do mosteiro (1532). En 1560 Vilanova da Valdoza protestou pola demanda dos dezmos e quintos do que labrasen por parte do mosteiro. Os preitos interconcellís polas terras foron abundantes. Así aconteceu entre a Quintería e Llamas da Cabreira (1560). Outro tanto sucedería entre Ferradelo con Vilavella (1560) e con Pombrego (1574).

Ante as necesidades financeiras da Coroa de Castela, Felipe II conseguiu bula do papa Gregorio XIII para vender posesiois monásticas. En tempos de Carlos I san Esteban da Valdoza pasou a realengo, a integrarse na gobernación de Ponferrada. Mentres que Vilanova da Valdoza foi vendida ao seu párroco (1588), e logo aos veciños e finalmente a compraron os marqueses de Vilafrranca.  Por certo, san Esteban da Valdoza preiteou durante anos co mosteiro pola paraxe de Fonlevar (1670).



No século XVII hai unha crise xeneralizada, económica, señorial, política, internacional, etc. O mosteiro de san Pedro de Montes reforzou a administración dos seus bens. Velaí as “Memorias de las Advetencias que conviene saber el que goberna esta casa de San Pedro de Montes” (1597), e o “Memorial de Plácido de las Regueras” (1669), ademáis da realización de apeos de términos (Vilanova e santa Lucía en 1670 e 1672). Incluso o mosteiro preitea con xuices e rexidores locais acusados de quedarse con certas penas (1672). E continúan os preitos por términos con Santo Alexandre (Santalavila, 1622) e por Fonlevar (san Esteban, de 1520 a 1670).

A Coroa presionaba aos seus oficiais para recadar impostos sen fin. O mosteiro alegaba que os seus quinteiros estaban exentos de pagar tributos reais. Agora ben, intentouse cobrarlles en 1606, por iso o abade tivo que presentar a documentación xutificativa desa exención para gañar o preito con Facenda. Mais posteriormente os coxedores de León voltaron a intentalo en 1669. Polo que o abade tivo que acudir ante o correxidor de Ponferrada e o alcalde maior de León para conseguir autos favorabeis aos seus vasalos. Os cales quedaron exentos de pagar con soldados, moneda forera, nin servizos ordinarios e extraordinarios. Estaban claras as intenciois eclesiais, menos pagar á Coroa para pagar sen desculpas ao mosteiro.



Xa no século XVIII houbo enfrontamento entre o bispado de Astorga e os mosteiros bercianos. Tratábase de que o primeiro quería ter o control das pesentaciois eclesiásticas, ao que se negaron os abades cun preito ante a Real Cámara (1773). As ferrarías por parte do mosteiro tamén provocaron conflitos cos concellos, casos de Penalba e Santalavila (preito en 1744 e compromiso de 1787 respetivamente). As protestas veciñais foron polas consecuencias dos arranques das raiceiras de uces para facer carbón que destruían pastos e erosionaban o terreo coa axuda das fortes chuvias. De novo os fortes investimentos monásticos nas ferrarías prevaleceron sobre os intereses ecolóxicos e veciñais.  

O pior foi no século XIX coa guerra da antinapoleónica que atacou o réxime señorial e a posterior revolución liberal que aprobou a desamortización monástica de 1835. Isto representou a fin do noso mosteiro de san Pedro de Montes, tanto do seu patrimonio arquitectónico, artístico e documental. Por exemplo sabemos do traslado de libros e documentos á biblioteca e ao museo da cidade de León en 1842.

 

O Bierzo, xuño de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es