lunes, noviembre 03, 2025

VIAXE DE TÓDOLOS SANTOS PARA CHAVES

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


TÓDOLOS SANTOS POR CHAVES,

Por Xabier Lago Mestre.

A mañá está chuviosa en Ponferrada. Na parada hai varios viaxeiros que agardamos o bus para Chaves. A espera permite as presentaciois e os comentarios sobre o temporal de augas. Xa no bus recollemos a otros turistas en Camponaraia, Vilamartín e mailo Barco de Valdeorras. Pouco depois a suba para O Bolo, onde vemos as consecuencias dos lunes do verán. Tras muitas curvas chegamos á Gudiña. Todos abaixo para tomar o almorzo e estirar as pernas.

                De novo no bus, pola autoestrada A-52 até Verín, onde viramos para o sul, pola A-75 cara á desexada Chaves. Por fin, paramos na beira do forte de Neutel. Xa temos diante de nós a feira dos Santos. Estamos enriba da cidade lusa. Segue a chover. Ringleiras de postos de roupa ofrecen multitude de prendas a baixos prezos e de marcas ben falsificadas. Pola dereita, ropa interior, pola esquerda paraugas e chuvasqueiros. Os vendedores chaman a nosa atención de contino con berros cheos de boas ofertas. Entramos na avenida do Estadio, e novas ofertas de obxetos de coiro, máis adiante todo tipo de doces para rematar coa fame. Na praza rotonda atopamos a escultura dos Aliados, polos mortos na Primeira Guerra Mundial, sempre presente nas cidades lusas.



                Mais Chaves ten outros atrativos, o seu patrimonio monumental. Primeira paragem o forte de san Francisco. Fotos para o seu libertador a cabalo, o xeneral Silveira, e os canóns ameazantes da entrada. Varias rúas fan referencia ao pasado militar, terreiro cavalería ou Dragoes.  Agora a fortificación é un hotel. Entramos na zona vella, na procura do castelo. Eiquí só resta a torre da homenagem onde hai un museo militar. Vaia bo miradoiro da cidade e da ribeira do río Tamega. Neste altozano varios canons gardan o vello castelo. A poucos pasos os chamados Paços do concelho (Cámara municipal), tamén o museo da regiao Flaviense e a igreja matriz de santa María Maior. Non pasar por alto a coluna do Pelourinho, símbolo dos dereitos consuetudinarios locais, normalmente concedidos polos reis lusos. A baixada é para o río Tamega, onde non pode faltar a andaina pola ponte de Trajano. Recordemos que tivo un importante pasado romano, velaí as numerosas termas que conserva. Doutra ribeira existe o jardín público do século dezanove cun clarexo carácter aburguesado e coa tribuna dos músicos.

                Chega a hora do xantar. Tódolos viaxeiros agardamos baixo a chuvia o regreso do bus. Na portaequipaxes deixamos as numerosas compras na feira dos Santos. Nas aforas da cidade o noso restaurante agarda cos bos alimentos. Pimeiro uns entrantes de frituras, regados cos bos viños da regiao, depois un quente puré de verduriñas. E chega o bacallau asado con patacas. Non quedas con fame pois co bacallau sempre se repite. De postre, macedonia de froitas e un cafetiño brasileiro ben negro.



                Eiquí non hai tempo da sesta, de novo ao bus. Como chove outra vez con forza, os bercianos son levados para un amplo almacen ben abastecido, xa que non apetece a muitos mollarse máis. Outros voltamos á cidade de Chaves que sempre restan cousas de ver. Tras cruzar a ponte Trajano, agatuñamos pola rúa santo Antonio, toda zona comercial. No largo do xeneral Silveira tedes as letras publicitarias para facer a foto do recordo de Chaves. Logo para o pequeno museo ferroviario. Chaves estivo unida polo ferrocarril métrico de 97 kilómetros coa estación de Peso da Régua no val do río Douro. Estación que comunicaba coa cidade do Porto polo oeste e Barca de Alba polo leste con Salamanca. Outra cousa que abraia é ver a importancia que dan ás juntas de freguesías, nosoutros localizamos as sedes de santa María Maior (no centro) e Madalena nas aforas. Xa sabemos que esas feligresías son coma as nosas pedanías bercianas coas xuntas veciñais.

                Baixamos para os almacens ou lojas onde nos esperan os compañeiros do Bierzo. Todos máis cheos de bolsas de roupas, menaxes, viños e bacallau. No aparcadoiro vemos que hai outro autobús do Bierzo, logo non somos os únicos viaxeiros do norte. Sempre en novembro son muitos os que viaxamos para Chaves, por mor da feira dos Santos ou polos seus mercados semanas. Ademais din que o mellor bacallau se come en novembro sempre. Está mui ben viaxar a Portugal para darmos de conta da importancia de ter un idioma común que nos axuda na comunicación co noso galego. Quizais a fonética sexa diferente mais a escrita é máis doada se sabemos galego sen dúbida. Xa no bus, a escuridade da noite arroupa aos dormintes, mentres outros desfrutan dunha película do cómico Paco Martínez Soria. No vindeiro ano voltamos se a saúde acompaña.

O Bierzo, novembro de 2025.  

 



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es