jueves, junio 05, 2025

POLO NOSO ARQUIVO REXIONAL BERCIANO.

libro El Bierzo provincial

`

POLO NOSO ARQUIVO BERCIANO,

Por Xabier Lago Mestre.

Todos temos amplas bibliotecas particulares nas nosas moradas. Seguimos mercando libros e xa non sabemos onde metelos. Hai tempo que muitos exercemos o bo costume da doazón de libros para as bibliotecas públicas da rexión do Bierzo. Incluso hai herdeiros que botan os libros vellos para os contedores de lixo. Todo isto vén a conta de que recentemente quixen facer outra doazón de libros a unha biblioteca de Ponferrada e dixeron que xa non recibían máis por falta de espazo para gardalos.

                Cavilando nesta problemática cultural cheguei a unha conclusión. Estaría ben que o Consello comarcal do Bierzo tomara o protagonismo neste tema sobrandeiro. Quero dicir que entre as súas competencias está a materia cultural, onde se poden incluir o tema das bibliotecas e arquivo histórico. O Bierzo necesita un novo centro cultural que inclúa unha biblioteca, un arquivo e un museo. Por suposto, a mellor localización para este centro sería Vilafranca do Bierzo. Incluso hai un edificio tan especial coma san Nicolás o real, sede da antiga Deputación provincial do Bierzo. Dicimos todo isto porque pensamos que a futura biblioteca de Gil y Carrasco, ademáis das bibliotecas da Casa da cultura de Ponferrada e do Instituto de estudos bercianos axiña estarán ateigadas de libros.



                A proposta de novo centro cultural do Bierzo ben podería dar preferencia aos temas locais. Este é o caso da ampla bibliografía berciana (historia, filoloxía, etnográfia, medio natural, mineiría, etc). Ademais de ter un arquivo fotográfico froito da doazón das familias bercianas que herdan dos seus parentes falecidos. Polo que toca ao arquivo, os historiadores bercianos contamos con abundante documentación foránea. Para a realización de libros e artigos históricos temos estudado diversa documentación atopada en lonxanos arquivos (León, Simancas, Valladolid, Sevilla, Madrid, etc). Toda esta documentación consultada non se pode estragar, mellor estaría conservada no dito arquivo berciano. Qué podemos dicir da documentación das vellas minas do Bierzo que hai que recompilar e conservar no futuro arquivo. Outro tanto acontece cos xornais antiguos do Bierzo, un patrimonio documental privado muy valioso, que mellor estaría protexido no dito arquivo berciano.

                Coma exemplo de todo isto temos o caso do “Archiu Istoric Generau d´Aran” que xa ben conserva o seu patrimonio documental. Porque en Catalunya está presente a creación de arquivos comarcais pola súa Lei 10/2001. Todo o contrario acontece en Castela e León, onde non se regula a creación de arquivos comarcais na súa lexislación. Iso si, permiten arquivos centrais, territoriais, provinciais e locais. Por suposto, a Lei da Comarca do Bierzo non recoñece expresamente entre as súas competencias a materia de bibliotecas e arquivos (art. 4). A autonomía do Bierzo sempre ben recortada


.

                A rexión do Bierzo ben merece ter un centro cultural amplo que recolla noso variado patrimonio histórico. Ben sabemos do valor que teñen eses documentos vellos para coñecer noso pasado identitario (bercianismo, linguas, comunidades rurais…) e institucional (provincias, señoríos, mosteiros, xuntas veciñais…). Oxalá os políticos locais entendesen desta importante tarefa cultural, porque dos políticos foráneos pouco podemos agardar. Ainda resta muito daquelas vellas dinámicas de levar todo para a cidade de León. Recordamos cando, aproveitando a desamortización monástica, levaron para o museo de León libros e documentos de Carracedo e san Pedro de Montes (1842). Que pregunten onde está o roubado Calvario de Corullón, en León claro!. E centos de pezas relixiosas do Bierzo están pechadas no museo dos Camiños de Astorga.

                Por todo o dito, O Bierzo necesita ter o seu centro cultural propio sen dependencias alleas. Un centro con biblioteca, arquivo histórico e museo. Non queremos un contedor de pezas soltas senón algo dinámico que fomente a nosa cultura berciana no século XXI. Capaz de xerar debate plural e tamén interlingüístico. Porque o idioma galego debe ter a presenza que outras instituciois, propias e foráneas, sempre lle negan. Convén un centro cultural capaz de rachar coas fronteiras mentais e políticas que nos afastan dos nosos veciños da Galiza.



                Non pasamos por alto da dificultade de acadar ese centro cultural por fata de cartos públicos. Recordemos que aínda o Consello comarcal non ten sede propia e lastra os pagos dos alugueres. Mais into non quita a reclamación popular dun centro cultural berciano que se debería demandar ás instituciois foráneas (Deputación, Junta de Castela e León e Estado). León ten o seu museo e biblioteca provinciais sen embargo ao Bierzo non se lle negan iguais dereitos por mor do centralismo secular. Oxalá non nos pase coma na veciña Valdeorras onde levan décadas pedindo un museo para o seu patrimonio comarcal e seguen a agardar un mellor tempo político.

O Bierzo, xuño de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es