sábado, junio 29, 2024

AS LEONESADAS POLÍTICAS CONTRA O BIERZO

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


AS LEONESADAS POLÍTICAS,

Por Xabier Lago Mestre.

Recentemente a Deputación de León ten aprobada unha moción a prol da autonomía da rexión leonesa e da segregación da Comunidade autónoma de Castela e León. Todos sabemos ben que a resolución saíu adiante pola alianza conxuntural entre leonesistas e socialistas. Sí, estes últimos apoiaron a moción para conseguir manter o goberno de coalición na Deputación. Nada novo baixo o sol! noutros gobernos institucionais acontece o mesmo entre partidos de ideoloxías ben diverxentes.

            O curioso de todo este proceso de segregación territorial é a falta de claridade. O leonesismo político ten falado da súa autonomía para só a provincia leonesa. Agora se refiren á rexión leonesa composta de tres provincias. Agora ben, nin Zamora nin Salamanca teñen dito nada sobre o particular, nin súas institutuciois nin os eleitores. León dirixe a demanda política sen contar cos outros veciños. Mais a problemática segregacionista medra pois o alcalde de León declara que sería mellor a unión política entre León e Asturias. En fin, muito oportunismo político dos leonesistas que só queren un chisco de protagonismo mediático e certa mobilización da súa militancia.



            Por outra parte, O Bierzo non ten protagonismo para o leonesismo. Convén dicir que o leonesismo político non ten audiencia na nosa rexión, con mínima representación institucional e escaso apoio sociolóxico ante o bercianismo popular. Velaí que non se conte coas instituciois bercianas, caso del Consejo comarcal, concello de Ponferrada e principais vilas. O leonesismo político case que nada ofrece ao Bierzo en materia de descentralización até hoxe. Unicamente a vella promesa de creación dun hipotético distrito berciano fronte á recuperación da desexada provincia.

            O leonesismo político defende o seu historicismo, fundamentado no antigo reino medieval. Calquera outra institución carece de sentido para eles. Por iso negan a importancia do provincialismo histórico berciano. Ignoran a antiga provincia creada polos Reis católicos en 1486, e devalúan a provincia de Vilafranca do Trienio liberal de 1821. Tampouco interesa estudar o partido administrativo de Ponferrada do século XIX. Muchos recordamos as resistencias leonesas cando se aprobou a Lei da Comarca (1991) porque ameazaba a unidade territorial da súa provincia, idea maliciosa que aínda hoxe se divulga sen xeito.



            Outro tanto pasou co recoñecemento do ensino do idioma galego (1997 y 2000), con acusaciois de nova colonización cultural e imposición lingüística foráneas. Eses ataques leonesistas son exemplos das súas reacionarias políticas. Por certo, convén ter en conta que en Asturias hai rexeito contra o idioma galego da comarca Eonaviega, baséandose en que para os asturianistas só é unha sinxela fala local. No Bierzo temos abondo co asoballamento do Instituto leonés de Cultura, dependente da Deputación, que pasa do fomento do idioma galego do Bierzo, máis aló dunha mínima subvención.

            O leonesismo político só recoñece comarcas naturais, condenadas á despoboación e subdesenvolvemento, que teñen grande valor etnolóxico e patrimonial. O proxeto leonesista de comarcalización é turístico e pouco máis. Nada de descentralización comarcal, velaí o rexeito do novo poder institucional berciano coa nosa Comarca. O Bierzo reclama descentralización á Junta de Castela e León, que se concreta periódicamente na sinatura de novos convenios de colaboración que fixa o financiamento das competencias xestionadas. Outro tema é a descentralización da Deputación leonesa. Si, cedeu ao Consello comarcal o servicio de asistencia municipal e o Banco de terras rurais. Agora ben, isto resulta un balance político mui escaso.



            A Deputación de León é tacaña e acaparadora no Bierzo. A súa sede de Ponferrada debería ser do Consello comarcal para evitar duplicidades administrativas e eficiencia no gasto público. Outro tanto acontece coa materia de cultural, que debe ser xestionada pola Comarca, e non polo Instituto leonés de cultural. Outros departamentos a delegar son os parques de bombeiros, promoción turística, mantemento de estradas comarcais, recadación de tributos, etc. Ademais hai que establecer unha representación direta do Consello comarcal ante a Deputación, para evitar a carencia destas dúas instituciois elixidas de xeito indireto, que negocie as políticas provinciais na Comarca. Porque a Lei autonómica da Comarca e o Estatuto de autonomía de Castela e León recoñecen unha representación territorial ao Bierzo que non se pode pasar por alto e debe ser respeitada polas outras instituciois.

            Este comentado contexto institucional e político do Bierzo resulta ignorado polo leonesismo político que non aceita esta Comarca legal aínda como debería. A lexitimidade dos bercianos a reclamar maior descentralización non ten interese político para o dito leonesismo. Desde a creación da provincia leonesa, en 1833, a cidade máis beneficiada, demográfica e económicamente, ten sido León. Velaí a razón da forza do leonesismo político en León e maila súa contorna, fronte á debilidade do resto de comarcas rurais. Esta dinámica política demostra a debilidade do discurso segregacionista do leonesismo no Bierzo. Sen embargo, os seus dirixentes seguirán a declarar que o problema é a forzada división da provincia leonesa en dous territorios.

 

O Bierzo, xullo de 2024.  



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es