O BIERZO FERROVIARIO.
O BIERZO FERROVIARIO,
Por Xabier Lago Mestre.
Chegan ao Bierzo novas promesas
políticas de estudos técnicos sobre un novo trazado ferroviario ao chamado Lazo
de Brañuelas. Non nos queda outra que confiar nesas propostas de futuro. Agora
ben, mentres agardamos con muito acougo que veñan trens de alta velocidade e
novas vías por Torre do Bierzo ou Foncebadón, podemos facer un chisco de
historia ferroviaria.
Sabemos
polo Real dccreto de 3 de novembro de 1858 do primeiro intento de traer o
ferrocarril ao Bierzo. Curioso foi o primeiro percorrido proxetado. A saber,
desde a cidade de León para Quintanilla del Monte, Sueros, Balbuena, Brañuelas.
Logo quedaba sen vías Astorga, para continuar por Montealegre, San Andrés de
las Puentes, Matachana, Calamocos e Ponferrada. Por supusto, a burguesía
maragata soubo reacionar para conseguir a súa parada de comboios en Astorga,
alongando así o trazado ferroviario máis curto.
Muito
máis tempo tardou en chegar o ferrocarril ao Bierzo polos problemas de
financiamento, difícil orografía montañosa e rexeito ás expropiaciois nos
concellos. O trazado Brañuelas a Ponferrada funcionou en 1880, depois
circularon trens entre Ponferrada e Toural dos Vaos (1883). Convén recordar os
múltiples acidentes ferroviarios que houbo neste territorio montañoso (Torre,
san Miguel de las Dueñas e Valdeorras) con numerosos mortos.
As
numerosas minas de carbón favoreceron o asentamento do capitalismo na rexión do
Bierzo. O problema foi o transporte dese mineral para as industrias locais e
foráneas. Velaí a intervención do ministerio de Fomento español no apoio
político e financeiro estatal ao ferrocarril Ponferrada a Villablino (1918).
Este ferrocarril foi medrando no século XX con novos ramais. Son os casos das
centrais térmicas de Compostilla I e II, térmica MSP, barrio da Placa en
Ponferrada (tres cargadeiros de carbón), Caboalles (en 1921 de 8 km.) e
Villaseca (7 km.). Tamén intentouse sacar o carbón berciano por Asturias. Para
iso houbo o proxeto ferroviario entre Pravia e Cangas de Narcea (1940) e Cangas
e Villablino (1945), que necesitaba longos túneis (Degaña de 4 km. e Cerredo de
3 km). Por suposto o alto custo económico fixo inviable este trazado montañoso
que levaría o carbón ao porto de san Estaban de Pravia (xornal La
Correspondencia de España, 1920).
Na
rexión berciana non faltaron outros proxetos ferroviarios para sacar os
minerais aos mercados estatal e internacional. Todos sabemos da reivindicación
de Vilafranca do ferrocarril para Ribadeo polo val de Valcarce, Pedrafita,
Becerreá, Ribeira de Piquín, A Pontenova, polos vales de Neira e Eo. Incluso xa
en 1879 a Deputación de Lugo e o concello de Vilafranca demandaron o
ferrocarril alternativo para a capital luguesa por Baralla. Muito depois unha
comisión vilafranquina foi a Lugo para unha entrevista co poderoso xeral
Berenguer para tratar este tema ferroviario (xornal El Siglo Futuro, 1930).
A
potente conca carbonífera de Fabeiro sempre tivo problemas para sacar o seu
mineral para fóra. Velaí as súas dúas liñas de baldes para buscar o ferrocarril
da Minero Siderúxica de Ponferrada. En Santa Cruz houbo apartadeiros das
empresas de Diego Pérez e Antracitas de Fabeiro. Incluso trazouse a estrada de
Santa Eulalia de Oscos para transportar o carbón faberense polo Sur. Neste
senso, un proxeto fallido foi o ferrocarril entre Vilafranca a Ponferrada por
Cacabelos para levar carbón de Fabeiro.
Polo
que se refire a Toreno, tivo un pequeño ferrocarril en Alinos, nas explotaciois
de Antracitas de Gaiztarro (Caleyo e Escandal). Alinos contou con lavadeiro,
cinta transportadora que cruzaba o río Sil e cargadeiro nos trens da MSP. Outra
zona de pequenos trens mineiros foi Torre do Bierzo. Eiquí o carbón local era
cargado nos trens que subían desde Ponferrada e Bembibre tirados polas máquinas
400. Logo se formaban outros comboios carboníferos con máquinas máis potentes
para subir as ramplas de Brañuelas.
Xa
en Brañuelas, comentar que neste centro mineiro converxían varias liñas de
baldes que traían carbón. Houbo un proxeto de ferrocarril que pretendía levar
mineral para o norte, polo val do río Tremor até Murias de Paredes e
Villablino. Para iso había que construir un longo túnel de 1.000 metros para
pasar ao Val Gordo da comarca das Omañas. Muito traballo e maior custo
económico remataron con esta utópica liña ferroviaria.
Julio
Lazúrtegui tivo grandes proxetos industriais para O Bierzo, caso da siderurxia
en Ponferrrada. Pois ben, do seu optimismo económico xurdiron na súa mente novas
liñas ferroviarias, casos do ferrocarril para Braganza en Portugal polas
comarcas da Cabreira e Seabra. Tamén se referiu a un novo tren mineiro de
Toreno para La Robla (revista Mercado, 1920), para conectar cos centros
industriais de Asturias e Euskadi. Lazúrtegui pretendía un Bierzo ben
comunicado por ferrocarrís para exportar os produtos mineiros, forestais e
agrícolas fóra do Bierzo.
Outro
fito ferroviario da nosa rexión aconteceu na década de 1950. Trátase da eletrificación
da liña de Brañuelas. As ramplas montañosas eran un perigo constante (acidente
de Torre en 1944), as vellas máquinas de vapor non podían coas pechadas curvas,
nin tiñan potencia suficiente nas subas. A eletrificación trouxo potencia nas
novas máquinas inglesas e seguridade co moderno sistema de sinalización. Xa non
había problema para sacar os minerais, carbón para as cidades castelás e ferro dos coutos Wagner e Vivaldi para os
embarcadoiros de Vigo e Inglaterra.
A
chegada do ferrocarril no Bierzo trouxo grandes cambios. Atrás quedaban os
tempos dos miles de seitadores galegos que pasaban pola nosa rexión (de Ancares,
Pedrafita, O Courel e Valdeorras) para os campos de Castela. Tamén
desapareceron os arrieiros maragatos coas súas recuas de mulos que viaxaban
para Galiza con variadas mercadorías. Tampouco compensaba levar os rabaños de
meiriñas castelás e estremeñas para as brañas do Bierzo. As pequenas estaciois
e apeadeiros atoparon novos viaxeiros de localidades rurais, Vilafranca do val
do Valcarce, Toural dos Vaos do val do Selmo, Quereño da Cabreira, etc. O
ferrocarril facilitou a emigración para os novos centros industriais e urbanos
ben lonxanos.
Oxalá
o novo ferrocarril volte á rexión do Bierzo para traer desenvolvemento
económico coma antano. Agora non temos a vantaxe da cercanía a Galicia, pola
competencia ferroviaria da Seabra. O poderío tecnolóxico ten máis doado rematar
co vello lazo ferroviario sen máis problemas. Só falta a decisión política para
destinar os recursos económicos estatais a esta rexión illada e periférica que
ben merece máis investimento público neste século XXI.
O Bierzo, xuño de 2024.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home