lunes, marzo 16, 2026

35 ANIVERSARIO DA COMARCA DO BIERZO.

libreriacajondesastre.com


35 ANOS DA COMARCA DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Pola Lei autonómica de 14 de marzo de 1991 creouse a Comarca do Bierzo, logo hogano cumpre 35 anos de existencia. Estas décadas pasadas non ten sido doadas. Recordamos os rexeitos dos presidentes da Deputación de León. O Agustín Turiel declaraba que se inhibía na posta en macha da Comarca (agosto de 1991), e o seu sucesor, José Antonio Diez dixo non querer transferir e abogaba incluso pola supresión del Consello comarcal (agosto de 1999). Tamén tivemos que aturar co lento proceso de descentralización da Junta de Castela e León. Velaí a supeditación do funcionamento do Consello Comarcal á sinatura dos convenios de colaboación coa dita Junta, dos cais xa van tres en vigor.

            Os problemas continúan neste ano 2026. Seguimos sen unha sede axeitada que dignifique nosa institución berciana. Temos unha financiación condicionada, primeiro da Junta e logo da Deputación provincial. Estas dúas instituciois foráneas ben saben que quen controla os cartos fixa relaciois xerárquicas coa Comarca. Sabemoss que nin a lexislación estatal nin a autonómica favorecen o desenvolvemento das comarcas no Estado español. O que se protexe son as provincias porque son parte da administración estatal e autonomica.



            Non son bos tempos para a descentralización territorial. Hai novos partidos que pretenden desmantelar o estado autonómico, partidos de esqueda que pasan xa da comarcalización xeral e cunha dereita que fracasou na creación daquelas unidades funcionais. Ante esta mala conxuntura política, O Bierzo está ben protexido. Recordemos que a nosa Comarca ten un recoñecemento mediante lei orgánica no Estatuto de Autonomía de Castela e León (art. 46.3). Logo nas Cortes autonómicas non poder suprimir dita Comarca, nin a Junta de Castela e León pode pasar de apoiar o Consello Comarcal por obriga legal.

            No caso da Deputación provincial fai a mínima descentralización na Bierzo. Ten unha subsede da Deputación en Ponferrada, e cedeu parte das pequenas obras das pedanías, o asesoramento a municipios e o banco de terras. Sen embargo temos que aturar que o seu Instituto Leonés de Cultura xestione e conceda as subvenciois sobre a lingua galega. É dicir, dende León dan cartos para fomentar o galego no Bierzo. Leoneses que non saben galego deciden o futuro do noso idioma. Mellor exemplo de centralismo cazurro imposible!.



            Resulta lóxico que aproveitando este 35 aniversario da Comarca do Bierzo propongamos a reforma da Lei autonómica correspondente. Así sería xusto recoñecer na Exposición de motivos a referencia expresa á traxetoria institucional do Bierzo, caso das dúas provincias históricas, a do Antigo Réxime (1486), a liberal de Vilafranca (1821) e mailos partidos administrativo e fiscal de Ponferrada (XIX). Este pasado provincialista non pode ser ignorado á hora de fixar a nova institucionalización do Bierzo no século XXI xa que se basean en aspiraciois sociais e singularidades históricas.

            Xa no tema do articulado, hai que fixar un maior respeito á demarcación territorial do Bierzo. Este espacio está recoñecido polas leis orgánica (2007) e autonómica (1991) e debe de ser protexido polas outras instituciois, casos da Junta de CyL e Deputación provincial. Calquera nova ordenación territorial (provincial, turística, xeográfica, etc) ten de respeitar a presenza previa da Comarca do Bierzo. En relación con este tema da territorialidade hai unha derivada. Referímonos ao recoñecemento da circunscrición eleitoral berciana por mor da singularidade territorial, histórica e legal. Baste recordar que outras comunidades autónomas si admiten distritos internos, exemplos de Murcia e Asturias.   

Pola outra banda, se no Bierzo está recoñecida a comarcalización será por algo. Logo calquera servicio comarcalizado, da Junta e da Deputación, deberían por principio estar descentralizados na nosa Comarca. Os principios de subsidiaridade e da administración máis próxima ao cidadao deben primar a prol do Consello Comarcal. Isto debe aplicarse para as competencias coma parques de bombeiros, lumes forestais, recollida do lixo, reciclaxe, xestión urbanística, recadación de tributos locais, etc.



Hai outras demandas competenciais que teñen a súa lóxica dende O Bierzo. Temos o caso da lingua galega. Non se entende que este tema de singularidade cultural non se xestione  polo Consello Comarcal pola falta de financiamento. Hai que crear un servizo lingüístico comarcal de apoio aos entes locais (concellos e pedanías). As competencias culturais da Junta e da Deputación deben ser transferidas para poder fomentar o galego axeitadamente. Igualmente fai falla recoñecer a capacidade de fixar unha ación exterior, de fixar convenios culturais con instituciois de Galicia. O fomento do galego non é unha cuestión illada do Bierzo, necesitamos a cooperación estreita de Galicia neste tema sobrandeiro.

Neste apartado cultural xa vai sendo a hora de cavilar na creación dun arquivo e biblioteca rexional do Bierzo. Somos muitos os bercianos que temos documentación histórica valiosa que queremos doar a ese arquivo berciano. E o mesmo podemos dicir de libros, fotografías, xornais, etc. Necesitamos ese arquivo para ter memoria do noso pasado e que sirva de experiencia coletiva para as xeraciois que veñen. Por suposto, propoñemos que a súa localización futura sexa en Vilafranca, a capital cultural do Bierzo.   



Outro tema sobrandeiro é acadar a capacidade de iniciativa lexislativa para a nosa Comarca. Se os concellos teñen recoñecida esta competencia, o Consello berciano tamén debería ter esa intervención política ante as Cortes de Castela e León. Hai que permitir esta iniciativa política ao Bierzo para formular propostas de lei, proxetos, informes, memorias, etc. Certas singularidades do Bierzo, territoriais, culturais, lingüísticas, etc precisan deste instrumento de actuación política para ter visibilidade foránea.

Vimos dunhas eleciois autonómicas onde o debate territorial e autonomista do Bierzo pasou de longo, salvo para o bercianismo. Alguis partidos cren que coa concesión da Comarca xa teñen o traballo feito. Diso nada, hai que desenvolver a Lei da Comarca a nivel competencial e incluso modificala para dar cabida ao recoñecemento pleno das singularidades que temos. Ninguén pode entender que nosa simboloxía berciana, plenamente consolidada estea agochada no texto legal, ou que non se faga case que nada polo galego a nivel administrativo. Por iso os bercianos non permitiremos que se consuma paseniño a comarcalización baixo os mínimos que fixaron os políticos de Valladolid e León.

O Bierzo, marzo de 2026.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es