sábado, diciembre 18, 2010

HOMENAXE A DON VALENTÍN GARCÍA YEBRA.


HOMENAXE A DON VALENTÍN GARCÍA YEBRA ANTE O SEU PASAMENTO,
Por Xabier Lago Mestre.



Vén de morrer o académico berciano Valentín García Yebra. Este importante filógogo tivo a honra a súa orixe berciana. Convén traer a colación o seu estudo sobre o galego-leonés, en colaboración Dámaso Alonso. Este estudo, feito na década dos 50 do século pasado, abranguía a recompilación de vocabulario propio de Ancares. O noso persoeiro sempre tivo clara a existencia da lingua galega no Bierzo occidental. Curiosamente, o colexio berciano que leva o seu nome foi o primeiro de Ponferrada onde prendeu a chama a prol da aprendizaxe do idioma galego.

Nestas breves verbas de homenaxe queremos retomar, con todo o respecto debido, a vella polémica sobre a denominación Consejo Comarcal DEL BIERZO ou DE EL BIERZO, na que don Valentín tomou claro partido pola contración preposicional. Somos deses bercianos que apostamos por non contraer. Entendemos que a postura do académico fose a máis ortodoxa posible, pois formou parte da Real Academia Española, e non lle era doado defender a excepción territorial e popular que reclamamos.

Pensamos que hai nomes propios con artigo EL que non deben ser contraídos coa preposición DE. Temos o caso do xornal español de El País. Cando o artigo determinado ten unha relación tan clara e vinculeira co nome propio, debe manterse sen contraer, exemplo de Consejo Comarcal DE EL BIERZO. Esa falta de contración DE EL na lingua escrita é compatible coa contración ou non que se fai na fala, na pronuncia popular.

Teimamos en que a falta de contración reforza o vincallo entre o seu artigo determinado e mailo substantivo, EL BIERZO, e evita a perda futura do seu artigo. Históricamente, atopamos unha sucesión de referencias territoriais escritas sen artigo, Vergidum, Bergida, Bergio, Berizo… pero o pobo foi facendo seu o topónimo, poñéndolle o dito artigo, chegando así ata a actualidade. A isto hai que unir a influencia da outra lingua do Bierzo, a galega, que tamén insiste no uso do artigo. Os topónimos galego-bercianos, de carácter comarcal, tenden a determinarse, O Valcarce, A Cabreira, A Somoza, Os Ancares, O Bierzo…


Logo temos EL BIERZO/O BIERZO sen contraer. Trátase de reforzar a presencia dos dous topónimos bilingües. Porque o artigo determinado afectiviza o nome territorial propio pola poboación, facéndoo máis noso e asumible por todos e todas. Resulta unha forma de posesionalo e, á vez, de reafirmación territorial.


Agardemos que o Consello Comarcal de O Bierzo dea marcha atrás no seu uso contraído do topónimo territorial. E aproveite a ocasión para recuperar a denominación da institución berciana, tamén en idioma galego, como lle obriga a recente aprobación da reforma da Lei da Comarca de O Bierzo polas Cortes de Castela e León.

O Bierzo, decembro de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.blogoteca.com/obierzoxa



Links to this post:

Crear un enlace

<< Home