PEDALEANDO POLAS RIBEIRAS DO BAIXO SIL.
PEDALEANDO POLAS RIBEIRAS DO BAIXO SIL,
Por Xabier Lago Mestre.
Por Xabier Lago Mestre.
Madrugón para coller o tren rexional para Galiza. Subimos a bici no último vagón e comezamos a viaxe ferroviaria. Trala ventá desperta o rural berciano. Pasamos rápidos polos apeadeiros de Posada e Viladepaos, ata chegar á estación de Toural dos Vaos. Descendemos ao baleiro andén. A festa patronal de S. Cristobal xa rematara, lonxe escoitamos as voces dos últimos festivaleiros que procuran as súas reparadoras camas.
Comezamos a correr coa nosa bici. En fronte, o monte Sufreiral, co seu casarío de Penedelo. Metros adiante atravesamos o barrio da Veiga. Pola súa rúa principal atopamos floridos corredores. Á esqueda, cara ao río Sil, os labradíos das cortiñas. Tras atravesar as vías, comezamos a subir para Paradela do río. Curioso resulta comprobar que este pobo non está xunta o río, a pesar do seu nome, aínda que serve para se diferenciar da poboación homónima de Paradela, no concello de Trabadelo. A dura costa remata con nós, pé a terra e a empurrar a bici. Chegados a Paradela do río, recíbenos o máis madrugador, un pequeno can, que fuxe asustado tras respostar ameazantes aos seus continuados ladridos. Pequena ermida á entrada do pobo, tamén unha casa onde luce un decorativo hórreo galego de pedra. Non seguimos para diante, polo antigo camín de seitadores galegos que baixaban dende a comarca do Courel, como fito disto resta o cerro Galegos (818 m.).
Deixámonos levar pola bici, agora costa abaixo, á esquerda o pago de Meiriña. Con moito coidado e protexidos polos seguros freos, ata atopar a estrada nacional para Valdeorras. Pedaleando de contino, cruza o asfalto unha cría de corzo, ante o perigo dos veloces autos. A toponimia que atravesamos non deixa lugar a dúbidas sobre o idioma territorial, as penas de Vilarín, A coutada, As Barreiras… ata chegar ao Requeixo. Sen embargo o sinal da parada do bus nos alerta das imposicióis oficiais, Requejo de Aguiar. Queda moito que reclamar a nosa dignidade lingüística.
Seguimos baixando pola estrada, coa compaña do río Sil. As cortiñas ben traballadas, dos veciños de Requeixo, en O Trave, O Pedrón e A Liñarella na montaña, antiga zona productora de textil vexetal, e máis aló, cara a Frieira, A Devesa. O cartel castelanizado de O Carril avísanos do necesario desvío na nosa rota. Baixamos para esta poboación, onde unha camada de silandeiors gatos invade a praza do pozo. Na entrada do pobo atopamos, agochada pola abundante vexetación, a igrexa, arrodeada das tumbas do cemiterio, onde lemos os nomes e apelidos galegos dos seus titulares.
De novo, volta atrás, en dirección ascendente das augas do Sil. Subimos para o casarío de A Valiña. Polas faldras do Momao, que dá nome á ponte do ferrocarril a Galiza, e maila pena do Gato. Na zona do Cabalón atopamos o terrádego das leiras de A Valiña. Seguimos andaina pola corredoira da devesa de Valiña que anuncia a presencia de abundantes árbores e, no alto, o pico da Devesa (766 m.). O murmurio vivo das augas do Sil fai máis doado o cansino andar. Tralo Freital e Ladeira, o casarío de Peón, clara referencia aos seus caminantes históricos. Xunta o río Sil os pagos de O Marquesado e Cortiña. As terras dos Marqueses chegaban ata este territorio.
A ponte permítenos cruzar o río Sil, deixando detrás a zona montañosa para entrar na chaira berciana. Pallarín, Codesaes, A Devesiña, novos pagos antes de entrar nos barrios de Viladepaos, e despois Barreiro, a Leira, Cerezaliña, O Fabeirín, a pesar dos intentos de castelanizar o seus artigos galegos. Máis adiante as bicis circulan mellor polo asfalto para Vilaverde da Abadía, por suposto do medieval mosteiro de Carracedo, e o antigo San Pedro de Devesas, no concello de Ponferrada. Xa estamos de volta camiño da gran cidade berciana.
<< Home