miércoles, junio 15, 2011

¿TOURAL OU TORAL DE LOS VADOS?



¿TOURAL DOS VAOS OU TORAL DE LOS VADOS?,
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo Fala Ceibe do Bierzo.







A denominación dos concellos bercianos resulta conflictiva cando se ten en conta a presencia da lingua galega nos seus territorios. A legalidade fixou oficialidade ïdiomática obriga a adoptar unha denominación, a castelá, e a rexeitar a outra, a galega. Pouco ou nada importa que a súa poboación sexa galegofalante porque carece de dereitos lingüísticos recoñecidos. Así temos o exemplo de Toral de los Vados. ¿Quen se pode atrever a dicir Toural dos Vaos?.




O nome alternativo de Toural dos Vaos xa non é maioritario, popular nin legal, por suposto. Pero esa denominación galegoberciana foi tal no pasado. Se revisamos a historia comprobamos que o termo topográfico Toural si tivo uso na Idade Media. O Libro da Montería do rei Afonso XI fai referencia aos montes onde había mellor caza. Pois ben, atopamos nas súas páxinas a referencia á Torre de Toural, vinculado ao nosa actual vila de Toural dos Vaos. Esa Torre de Toural xorde ao carón doutras paraxes coñecidos da súa contorna. Son os casos do monte de Alva, Castañar de Gallegos, Castro Ferreyra, Os Mariños (monte de enciñas ao oeste de Requeixo), Vallina (A Valiña) e Coya ou Coyña (Coiña, ao norte do convento de Cabeza, souto entre Oteiro e Toural).



Un documento do mosteiro galego de Samos, de datas 1020-1056, ofrece unha venda en Vilela, “in loco peredicto sub carrale que discurrit ad villam Longam de termino de Citi Doneliz usque in terminum de Munio Frominiz, et usque in Taurale, et inde prolendos, et inde per términos Mazo, et inde per Burvia (…)”. Esa Taurale ben podería ser a referencia do actual Toural dos Vaos. Máis adiante, no ano 1091, de novo o mosteiro dito conserva outro documento referido a Toural, “et alias terras in Bergido, que iacent in Villela ad sanctam Martham, villa Taureli, que fuit de Ordoni Alvanit et de suas mulieres (…)”. Outro documento, datado en 1122, tamén de Samos, indica que “et per términos de Parandones, et per términos de valle Toili usque in términos de illa villa de Burbia (…)”.




TOURAL DOS VAOS PARA O MOSTEIRO DE CARRACEDO.
O mosteiro berciano de Carracedo, a través do seu Cartulario documental, lemos outra referencia histórica a Toural de 1274-1276, “vendemos a vos don Payo, abade de Carracedo, e al convento, toda la nosa heredade en a vila de Toural su signo de san Xriptovao en o lugar que dicen prado (…)”. Outro instrumento indícanos que “eu, donna María Fernández, muller que foe de García Rodríguez de Valcarce, que Dios perdone, me quito, y me partió para sempre jamays de la villa de Toural, con todo o seu señorio que nos deu el rey don Sancho (…)”. Por suposto que non podemos negar que tamén hai outros documentos nos que xorde a denominación Toral. A castelanización do Bierzo xa principiara na Idade Media e iso concretouse no uso escrito do idioma alleo a estas terras bercianas polas nosas institucióis relixiosas e civís.



A título informativo comentamos que o escudo do concello de Toural dos Vaos ten a imaxe dun touro. Este emblema local foi a proposta do historiador José Antonio Balboa de Paz. En galego distínguese entre touro e toro. Sendo Touro o animal de lidia, mentres que Toro é un tronco de árbore serrado e limpo de pólas. Toural dos Vaos é unha vila situada entre varios ríos, Burbia e Cúa, onde hai moitas árbores de ribeira, e polo tanto tamén atopamos os ditos toros. Pola outra banda, vao en galego é un lugar pouco profundo onde se pode atravesar un río. Os vaos son numerosos no concello de Toural por mor dos ditos ríos e ser lugar de paso de varias rotas históricas cara ao Bierzo oeste e Galiza.




Polo tanto, parcialmente de queda demostrado o uso da denominación galegoberciana de Toural dos Vaos. Recoñecendo tamén que o uso de Toral de los Vados resulta xa máis popular, froito das dinámicas castelanizadoras durante os séculos pretéritos.


O Bierzo, xuño de 2011.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/







Links to this post:

Crear un enlace

<< Home