lunes, octubre 10, 2011

RELATORIOS NA ESCOLA PERMANENTE FERMÍN PENZOL (1ª PARTE)




6ª ESCOLA PERMANENTE FERMÍN PENZOL NO BIERZO (1ª parte),
Por Xabier Lago Mestre.





Un ano máis vén de celebrar a Escola Fermín Penzol no Bierzo. Nesta ocasión adicada ao escritor berciano Antonio Fernández e Morales que elaborou “Ensaios poéticos en dialecto berciano”, obra de 1861. Este traballo recolle numerosos escritos na lingua galega, na súa variedade berciana. Por parte da minoría lingüística galego-berciana trátase de dignificar a este autor e maila obra xa que se podería incluir a súa actividade literaria dentro do chamado Rexurdimento Galego do século XIX.



A primeira Xornada desenvolveuse en Cacabelos, o venres 7 de outubro no novo Museo arqueolóxico. Polo que se refire aos relatorios da tardiña contaron coa intervención do historiador local José Antonio Balboa de Paz. Fíxose un repaso pola traxectoria vital e histórica de Antonio Fernández e Morales. Achegou o dato novidoso da presenza do escritor en Vilafranca do Bierzo onde coñeceu ao seu mentor catalán Mariano Cubí e Soler, que foi a persoa que lle animou a recompilar os seus escritos na lingua galega. Como dicimos o escritor berciano estivo máis relacionado do que se presumía con Vilafranca durante a década dos trinta do século XIX. O seu pai Tomás incluso tivo casa alí, e incluso sinou una carta municipal a prol da recuperación da Provincia do Bierzo. Pola súa parte, posteriormente Héctor Silveiro tamén nos indicou que Antonio Fernández figurou como socio honorario do teatro vilafranquino no ano 1843.



Ademáis, todo parece indicar que o noso escritor berciano tivo vinculacióis con Galiza. Morales estivo en Tui, de 1842-1845, onde puido ter a influencia dos precursores intelectuais d chamado Rexurdimento, isto se concreta no uso da normativa lingüística galega na súa obra literaria. O movemento reivindicativo da recuperación cultural e política de Galicia tamén puido influir noutros literatos bercianos como Francisco Llano e Ovalle, Isidro Andrés Ovalle ou José Bálgoma Suárez. Morales tamén tivo que recorrer a publicaciois de fóra do Bierzo, caso da revista El Esla, para publicar os seus escritos en galego. Dicimos isto porque en pleno século XXI aínda está vetado o uso da nosa nosa outra lingua berciana nos medios de comunicación desta rexión.



A VISIÓN FILOLÓXICA DA NORMATIVIZACIÓN.
Dentro da minoría cultural galega do Bierzo hai certo conflito social polo debate entre normativa e dialectismo. O catedrático galego, Franciso Fernández Rei, disertou sobre “O Galego do Bierzo e galego estándar”. Comentou que o chamado galego oficial é unha mestura de variedades dialectais do galego no noroeste peninsular. Esa sensación dalgúns falantes locais de que falan chapurreau non é unha peculiaridad berciana. Francisco truxo a colación os casos semellantes que se dan noutras zonas de España, casos do dialectismo da Galiza ou dos falantes da faixa catalá de Aragón, onde chapurreau é un concepto pexorativo, propio e alleo, da lingua minorizada ante a maiorítaria.



O dito conferenciante fixo un repaso polo contido gramatical, morfolóxico e léxico da normativa do galego de hoxe. Tratábase de facer un galego estándar sen esquecer a súa base etimolóxica e variedade dialectal de hoxe. Pero a norma galega tivo que enfrontarse á forte influenza da lingua castelá, tamén do portugués, ou a maior presenza da poboación galega no occidente peninsular fronte aos menores falantes no medio rural oriental. Salientou a dificultade de conciliar tanta variedade dialectal e local na normativa do galego moderno. Pero non perdamos de vista que variedade dialectal non é o mesmo que dialectos territoriais. Así no Bierzo non hai un dialecto galego propio senón que a nosa fala insírese claramente na área do galego occidental, compartindo características lingüística tanto co galego do Navia-Eo coma con Seabra, Valdeorras ou O Courel. Neste contexto pensamos que resultaría un grave erro crear unha normativa territorial específica do galego do Bierzo segundo o feito polos falantes do Navia-Eo. No Bierzo apostamos pola andaina común con Galiza no tema dunha normativa única para todos os falantes, sen perder de vista o horizonte da Lusofonía.





O Bierzo, outubro de 2011.