martes, abril 29, 2014

CAMINS HISTÓRICOS POLOS MONTES AQUILANOS DA REXIÓN DO BIERZO.


OS CAMIÑOS HISTÓRICOS ENTRE A CABREIRA E MAILO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A ampla rexión do Bierzo está illada por numerosas serras dos territorios lindeiros. Estes atrancos xeográficos non impediron as relaciois humanas, relixiosas e comerciais viciñais. Nesta ocasión queremos pescudar nas relaciois entre A Cabreira e mailo Bierzo. Para isto faremos un pequeño percorrido polos camíns históricos entre estes dous territorios.

Salientamos que cada pobo cabreirés, nas faldras dos montes Aquilanos, tiña o seu camín cara a rexión do Bierzo. Do mantemento destes variados camíns estaban encargadas as xuntas veciñais mediante as servidumes coletivas derivadas das facedeiras comunais. Coa emigración dos habitantes este sistema de mantemento das infraestruturas ten desaparecido e, polo tanto, eses camíns corren o risco de perder parte da súa funcionalidade agropecuaria. Aínda ben se poden aproveitar para as rotas de sendeirismo medioambiental e de aproximación ás canles romanas recuperadas do complexo aurífero das Médulas.

CAMIÑO REAL DE PONFERRADA PARA A PONTE DOMINGO FLÓREZ.

Quizais este sexa vía de comunicación máis coñecida das que analizaremos. A súa categoría de Camiño real dálle máis importancia cás demais. Sabemos que saía dende a vila realenga de Ponferrada, para seguir pola faldra do monte Paxariel até Toral de Meraio. Dende eiquí continuaba para Vilalibre da xurisdición, Priaranza, Santalla, Borreis, As Médulas e finlamente chega á Ponte de Domingo Flórez. Perto de Borreis está As Ventas de San Xoán que continuaba camín para o pobo de Carucedo e despois para Penarrubia, As Salas da Ribeira e A Ponte de Domingo Flórez. Este trazado alternativo pola ribeira do Sil se denominou finalmente como estrada nacional 120 para Valdeorras,  Monforte e Ourense.



A Ponte de Domingo Flórez foi favorecida pola súa situación estratéxica, na saída natural do val do río Cabreira, e polas boas comunicaciois con Valdeorras e mailo Bierzo. Ademais, ten moi perto a estación do ferrocarril de Quereño, o que favoreceu a saída de traballadores cabreireses para Hispanoamérica, a través dos portos galegos, e despois para os centros urbanos de Galiza, Catalunya, Madrid, Euskadi ou emigrar a Europa. A vila da Ponte aproveitou todas estas circunstancias históricas para desenvolver unhas importantes feiras. Referímonos ás que tiveron lugar do 1 ao 12 de xuño de cada ano, con gran comercio de grans, e tamén o día 4 de cada mes, adicados aos grans e lenzos do Bierzo. Eiquí acudían numerosos viciños dos pobos da Cabreira Baixa e da meridandade de Aguiar principalmente. 



Dende A Ponte podemos agatuñar a costa para San Pedro de Trois. Despois de 3,5 quilómetros de forte suba atopamos a ermida da Virxe da Estrela, con sona de milagreira. Eiquí acudían na procura dos seus favores centos de labregos cabreireses e tamén dos viciños Lardeira e Casaio, na bisbarra galega da Carballeda. O curto casarío de San Pedro de Trois sorprende cos seus 10 barrios que paga a pena nomear. A Cruz, Acebreiro, Pandela, Penelas, Carballal, Outeiro, Chao de San Miguel, A Torre, O Poulo e O Souto. E rematamos esta estadía lembrando as súas festas do Corpus e San Pedro.

CAMÍNS ENTRE IERES E CASTROQUILAME.

Abandonamos A Ponte para subir o cauce do río Cabreira e adentrarnos neste bisbarra viciña. A catro quilómetros por diante temos Veiga de Ieres, os seus primeiros barrios son Muíño, Os Balcois e A Portela, para seguir polos do Souto e A Carballa. As súas festas patronais son as de Nosa Señora da Expectación e San Bartolo.



Na saída do dito barrio da Carballa temos o desvío para Ieres. Hai unha de seguida suba ata o seu casarío. Numerosos restos de castaños queimados por fogos estivais no val do regueiro Boqueirón. Á dereita atopamos o camín das Labradas, referencia clara a terreos comunais explotados por rozadas. Chegamos ao pobo de Ieres, tralos seus 2.5 quilómetros. Contén tamén de numerosos barrios, a saber, As Eras coa súa igrexa, praza e bolera, O Val, A Capela e maila Barriada polo leste, e polo oeste, O Penedo, Os Corrais e Vaumundo. Que fain un total de 7 barrios para un pequeño e despoboado casarío. Polo ponente hai camín de terra para o pobo das Médulas, pero antes de chegar paga a pena desfrutar das chamadas Medulillas de Ieres.



Retomamos a estrada principal polo val do Cabreira para continuar a Castroquilame, sito a 7 quilómetros da Ponte de Domingo Flórez. Estamos nun alongado pobo, as primeiras barriadas son A Devesa, Fondolugar, A Corralada e O Penedo. Xa no centro do casarío, Os Nogueiros e mailo Foxo. E na saída temos Cruz, Outeiro e A Pedreira. As súas festas son A Madalena e San Ildefonso que é o titular da capela, sita nas aforas, a un quilómetro do núcleo principal.

Dende Castroquilame, o camín histórico de suba para OBierzo vai polo cordal montañoso entre os regueiros Val Grande e Val. A costa vai para a loma de Chao de Ferreiro e logo para o cume do Placias (1012 metros).  Logo baixa para os pobos bercianos de Orellán e A Chana, ata chegar a Borreis. Eiquí houbo importantes feiras gandeiras, cada 25 de marzo, onde ben poderían vender os seus gandos cabreireses.

O Bierzo, maio de 2014.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home