A HISTORIA INCONCLUSA POR MANUEL GONZÁLEZ PRIETO.
A
HISTORIA INCONCLUSA,
por Manuel González Prieto.
Posúe o don da espontaneidade, conseguiu
perdurar ao paso do tempo e ninguén é capaz de reproducila na súa totalidade.
Ten xénero? Supoño que si, que sei eu.
.
A través de dúas fontes sen conexión algunha e coincidencias máis ben
poucas, coñecín da súa existencia.
Unha señora duns oitenta anos de idade nunha
pequena vila falangueira, non direi en cal por non desvelar tan cobizado
segredo, diríxese a quen quixer escoitar e comeza tal que así:
-
Recordo que...
-
Dixo a miña avoa que …
A señora fica en silencio. Pasan uns escasos
segundos e baixo a mirada atónita das ouvintes, nun ataque de histeria contra
si mesma, berra en voz alta:
-
Non recordo como comeza a
historia!
Reflexiona un intre, refrega na cabeza e,
falando como para si, di:
-
Ese día en cuestión non me portei
moi ben; supoño que a miña avoa, que se caracterizou sempre por abrir a boca en
veces contadas e por empregar as palabras xustas, mandoume chamar. Por que
faría tal cousa? Supoño que algo faría eu ...
Ninguén moveu un dedo nin dixo un chío naquel
momento e ante a quietude das presentes, a vella, concentrada no duro proceso
de recordar o seu pasado, prosegue na súa disquisición persoal.
-
Recordo que era un día de chuvia,
moita chuvia!
A vella levanta o cu da cadeira e marcha do
lugar coma se nada pasase, coma se estivese soa no mundo e ninguén do seu redor
existise.
As presentes mirámonos sorprendidas en
profundo silencio até que alguén arrincou a falar:
-
Sería unha reprimenda, unha
historia ilustrativa, un consello, un exemplo de como non se deben facer as
cousas... Quen sabe!
Eu decidín marchar do lugar e non sei ben que
puido pasar a partir daquel intre.
A máis de seiscentos quilómetros de distancia
e uns dez anos despois, a señora estaba a perder a cabeza por mor do estado
avanzado do alzhéimer que estaba padecendo e repetía unha e outra vez,
constantemente.
-
María, esta historia non a debes
esquecer nunca, arremecaghonodemo!
Non pode caer no
esquecemento.
Cóntalla ás netas.
-
María, esta historia non a debes
esquecer nunca, arremecaghonodemo!
Non pode caer no
esquecemento.
Cóntalla ás netas.
(...)
Tanto foron repetidas esas palabras que non as
puido esquecer. Está máis viva ca nunca no recordo de María e de cando en vez
maniféstase de forma aberta na súa cabeza, provocando un estado de loucura
mental temporal transitoria.
Cando o seu círculo próximo fala de historias
pasadas, María non pode evitar reproducir estas tres frases. Ao pronuncialas
parece saír fóra de si, coma se sufrise unha transmutación do seu estado
natural.
Perde a
noción do espazo e tempo e pode botar horas repetindo aquelas palabras da súa
avoa.
Cando isto acontece a xente lisca por medo a
que María non volva saír dese estado e non esperte xamais.
------------------------------------
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://www.facebook.com/xabierlagomestre
www.twitter.com/obierzoxa
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://obierzoceibe.wordpress.com
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.ponferrada.org
www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home