miércoles, octubre 15, 2014

AS FIADEIRAS POR MANUEL GONZÁLEZ PRIETO.


Achegámonos a coñecer un pouco máis das fiadeiras? 

por Manuel González Prieto,

No poema “O Fiandón da aldea”, o Fernández y Morales axúdanos a entender certas claves para coñecer as intencións escondidas tras das fiadas.

Mais si direin qu' ó fiandón,
á casa do tío Antón,
déume de ir a loucura
alumado dun fachón
nunha noite mui escura.

Un bon pedazo falaron
aínda de cousiliñas,
mais logo qu' arremataron,
elas ás rocas tornaron;
eles ó leite das viñas.

E tanto ailí se envestiron,
qu' a luz do candil mataron
i hasta o lume escagallaron;
elas entonces fuxiron,
i eles tras delas brincaron.


As fías, fiadas, fiandóns e/ou fiadeiros son espazos de reunión en pobos e vilas.
Espazos comunitarios nos que as participantes traballan á vez que rin, cantan e bailan contra a noite.
En ocasións están elas nas fías e noutras eles suman e participan con cánticos, bailes e xogos populares.
A troula e o moceo sucede nas fías, noutras coma colofón, unha vez rematado o traballo.
Como ben recolle Marcial Valladares, en ocasións os fiandóns teñen lugar na casa da rúa respectiva dona, coa única recompensa para as fiandeiras dunha cea.
A elas acostuman acudir gran número de mozas; tamén se suman os mozos en compaña de gaitas e outros instrumentos garantes da repichoca.


Coñecemos estes termos vinculados ás fías?
Fiar: Reducir a fío o liño, la, seda, algodón, cáñamo,...
Fiadeira, fiandeira: Muller que se dedica a fiar.
Roca: Pau delgado cun extremo convexo onde se enrola a la, o liño,... que se vai fiar.
Fuso: Instrumento, xeralmente de madeira, de forma arredondada e alongada, que se estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra.
Estopa. Parte basta que queda do liño despois de limpalo co restrelo.
Novelos. Bola de fío enrolado.

E sobre o nobre oficio das tecedeiras?
Coñecemos como tecedeiras, tecedoras ou tecelás a aquelas mulleres que teñen por oficio tecer ou facer tecidos para pezas de roupa.
Mariquiña tecedeira
namorada dun galán.
Ten o pé na premedeira
e a lanzadeira na man.



Sobre o nobre oficio de tecedeira e/ou tecelá, temos que coñecer unha serie de termos para coñecer o gremio.Vexamos algún:
Tear. Aparello ou máquina para tecer.
Tea. Tecido feito cos fíos do liño, algodón, la,...
Urdir. Dispor lonxitudinalmente [os fíos da urda] para a confección dunha tea.
Urdideira e/ou urdidoira. Instrumento do tear empregado para preparar os fíos do urdido.
Caneleiro, caneleira e/ou mazorgueiro. Peza do tear na que se suxeitan as canelas para enrolar o fío.
Espalladeira e/ou espalladoira. Peza do tear que consiste nun anaco de madeira con buratos por onde pasan os fíos para urdir.
Lizos: Cada un dos catro paus horizontais e móbiles que, no tear, sosteñen os fíos grosos do urdido.
Peite: Peza do tear cunha serie de pugas polas que pasan os fíos do urdido.
Premedeira. Pedal do tear que fai subir e baixar alternativamente os lizos.
Lanzadeira ou nezcre: Peza do tear de forma alongada onde se coloca unha canela na que se envolve o fío, e que se emprega para pasar a trama por entre o urdido
Flocos, farrapos e/ou teardos, Conxunto de fíos ou cordóns que, a modo de adorno, colgan dun tecido.

Outubro de 2014.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es