martes, mayo 26, 2015

OS ESFORZOS REALIZADOS PARA A PROMOCIÓN DO GALEGO NO BIERZO.


Os esforzos realizados para a promoción do idioma galego no Bierzo,
por Manuel González Prieto.

Cómpre botar a vista atrás e lembrarmos o esforzo realizado para a promoción do idioma galego no Bierzo. Velaquí  algunhas datas destacadas pola súa singularidade e importancia:

1983-1985. Nace a revista A Curuxa. Revista bilingüe ideada polo profesorado da Escola primaria pública de Corullón.

1989. Posta en marcha da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo.

1990. Nace a Mesa pola Defensa do Galego no Bierzo.

1998. Constitución do Colectivo Fala Ceibe, impulsor de actividades culturais, premios escolares, campañas de concienciación respecto da promoción do galego nas escolas e desenvolvemento de accións reivindicativas.


2001 (Inverno). Constitúese  a Comisión Cultural Martín Sarmiento co obxectivo de achegar as letras galegas ao Bierzo e lograr un acordo para a reconstrución da casa natal do Frei Martiño Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo.

No Blog O mego da Escola  lemos a cotío achegas sobre o material, propostas, xornadas e actividades culturais relacionadas co galego e coas letras galegas.

2001 (18 de xullo).  Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo (2001-2005), asinado entre a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León. Este acordo permite que os estudantes de certos niveis do ensino obrigatorio non só poidan cursar a materia de lingua galega, senón que poidan optar por un módulo en lingua galega para o estudo doutras materias que tratan aspectos históricos e culturais.

2002-2003 (Curso académico). Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada pódese estudar galego.


2002 (Mes de maio). O señor Herrera e o señor Fraga Iribarne, representantes da Xunta de Castela e León e da Xunta de Galicia respectivamente, asinan un convenio para a reconstrución da Casa Sarmiento en Vilafranca do Bierzo. Hoxe topamos o espazo en total estado de abandono.

2002 (17 de maio). Vilafranca do Bierzo acolle o Día das Letras Galegas.  A Real Academia Galega escolle figura senlleira das letras galegas a Frei Martiño Sarmiento.

2004 (Primeiro de maio). Nace a revista Labieira. Revista do Departamento de Galego da EOI de Ponferrada, lanzando neste primeiro número unha serie de argumentos sobre as vantaxes que ten o poder estudar o idioma galego no Bierzo.

2005. Constitúese a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta, conformada por alumnas e profesorado de galego no Bierzo, coa finalidade de defender, protexer e divulgar a lingua galega falada no Bierzo. Ve a luz unha fermosa revista editada en galego Xarmenta. Revista da Asociación Berciana da Lingua Xarmenta.


2007 (5 de xullo).  Os Institutos de Educación Secundaria dos territorios limítrofes con Galicia que desenvolven o Programa para a promoción do idioma galego en Castela e León poden ofertar aos alumnos de Bacharelato a materia optativa de Lingua e Cultura Galega. Un pacto entre comunidades permite ao alumnado cursar unha vía de estudo no Bacharelato que abre unha pequena ventá a Galiza e ao galego.

1959. A estas iniciativas aínda hai que sumar o traballo do Instituto de Estudos Bercianos, cuxas orixes se remontan ao ano 1959, e que impulsa actos e actividades sobre a personalidade e idiosincrasia do Bierzo.

O BIERZO, MAIO DE 2015.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es