martes, junio 13, 2017

A TOPONIMIA TRADICIONAL DA PERIFERIA DO BIERZO.


A TOPONIMIA PERIFÉRICA DA REXIÓN DO BIERZO,
 Por Xavier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

A rexión do Bierzo é un territorio con tres linguas en contacto. Referímonos ao castelán, o galego e mailo leonés. Hoxe veremos a singular problemática toponímica que ofrece nos seus lindeiros territoriais.  Non podemos esquecer que o diferente estatus xurídico das linguas fomenta condiciois discriminatorias para as dúas minoritarias. Así acontece coa falta de repeito oficial pola toponimia tradicional fronte á crecente castelanización.

NA COMPARTIDA SERRA DA ENCIÑA DA LASTRA.

Principiamos este percorrido dende o monte Montouto (1542 m), na estrema máis ocidental desta rexión berciana. Esta serra da Encina da Lastra pérdese polo sul en Valdeorras, nas serriñas da Agulla e do Goladón, decaídas cara ao río Sil.No seu norte paga a pena deterse nos chamados penedos de Oulego. Pero máis inesquecibel será a contemplación do atardecer solar dende o estreito de Covas.
Cruzamos o río Sil para seguir o seu curso coa compaña dos encoros de Penarrubia e Pumares. Pola outra ribeira temos os altos do porto do Corvo (886 m) e Cerezais (559 m). Detrás deles xorden as coñecidas Médulas e o val do río Cabreira. Xa estamos nas localidades viciñas de Quereño, coa súa estación ferroviaria, e A Ponte Domingo Flórez. Dende eiquí agatuñamos polos montes mineiros de Cabreceiras e Lousadelo que afastan O Bierzo do val da Carballeda. Estas montañas eran a serra da Lardeira nun plano histórico elaborado polos canónigos da Colexiata de Vilafranca do Bierzo (1798).


ALDEA DE LANDOIRO E LONXE VILAFRANCA

Dende o pico das Eguas (1893 m) baixamos ao sul para as penas Longas e o porto da Fonte da Cova (1800 m). Perto anda o monte Pedrafita na Cabreira. Máis adiante pena Trevinca, de onde parten tres serras, a saber, a do Eixe para Valdeorras, a Segundeira para o sul e maila Cabreira baixa para o leste que afasta esta bisbarra da Seabra zamorá.

POLOS MONTES AQUILANOS-AQUILIANOS.

Voltamos para O Bierzo na procura dos montes Aquilanos. No seu estremo temos As Médulas, logo as penas de Ferradelo, o campo das Danzas e mailo pico da Guiana (1850 m). Máis para o leste os altos do Morredeiro (1762 m) e Llano de las Ovejas (1950 m), para seguir pola serra do Teleno (2188 m) que baixa para León. Montañas do Teleno e da Cabreira onde pastaron miles de ovellas meirinas durante séculos.


ROMARÍA DA VIRXE DO VAL NA CABREIRA.

AS MONTAÑAS BERCIANAS ORIENTAIS.

Nosoutros retomamos o camín para o norte polas montañas bercianas orientais, tamén chamadas montes de León. Primeiro delimitamos a Tebaida berciana coa procura dos montes de Compludo. A seguir o porto de Foncebadón (1500 m). Nos documentos históricos do medievo hai referencias a monte Irago e tamén nos mapas a Fuencebadón. Por eiquí anda Cruz de Ferro ou Fierro en leonés. No oeste estivo o chamado préstamo de Tabladillo (Folgoso, Las Tejedas…), e no leste temos a comarca da Somoza maragata, antano xurisdición de Lucillo integrada na nosa provincia do Bierzo.

Os montes de Fonfría lévannos ao porto de Manzanal (1230 m). As localidades bercianas deste territorio foron dependentes do cabido de Astorga (Torre, Poibueno, S. Facundo…). Subimos para o norte polos montes carboníferos de Tremor até chegar á mineira Espina de Tremor. Limita esta localidade polo monte de La Granda. Dende eiquí viramos para o oeste seguindo a cadea montañosa que amosa distintas denominaciois, Vizbueno, Fragadales, La Rebeza, presididas polo impoñente Catoute (2111 m). Debaixo del as localidades máis ameazadas pola despoboación de Colinas e Montes. Aínda no oeste, a serra da Trapella, na súa ladeira atopamos Salentinos. Outras pequenas bercianas serras desta contorna son La Carranca e Los Nóculos que linda con Igueña.


PENDOIS POLA SAÍDA DO SANTO DE BEMBIBRE.

Máis ao norte visualizamos a serra do Couto, co pico do Nevadín (2052 m), e continúa cos cordais de Las Vallas e Bardera. Montañas que afastan o val das localidades de Valseco e Salientes das de Palacios del Sil e Villablino. A meirande parte desta bisbarra foi vasallática durante séculos do condado de Luna.

Cruzamos o río Sil para chegar ao val de Fornela, Forniella en leonés. En Asturias xorden as serras de Degaña e Rañadoiro. No Bierzo máis norteño temos os portos de Valdeprado (1343 m) e Traxecto (1702 m). Fornela polo sul linda con lomas dos Cueros Altos e a serra do Padrón. No senso norte-sul baixa a loma das Llamas. 


A POLÉMICA SERRA DOS ANCARES.
A toponimia resulta conflitiva cando hai linguas en contacto que son utilizadas polos seus poderosos falantes para procurar o dominio social e territorial. Ancares refírese a un val berciano co seu río. Foi xurisdición reguenga  co nome de Real Valle de Ancares. Pero no século XX xorden a reserva nacional de Los Ancares e algunha empresa madereira que divulgou o nome dos Ancares. Ademais, a serra de Cervantes pasou a chamarse serra dos Ancares.  

Así pois, un topónimo local como Ancares, propio dun val e río, convértese en comarcal como Os Ancares. Isto provoca a polémica social porque perde parte do seu sentido orixinario e tradicional. Agora ben, un pequeño topónimo local pasa a ter un carácter comarcal que afecta a un territorio moito máis amplo, de Galiza e O Bierzo. Deste xeito Ancares é máis compartido, por territorios e poboaciois, e promocionado por varias instituciois vecinas (Estado, Galiza, León e O Bierzo). Así hoxe existen dúas reservas da Biosfera Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá e Los Ancares Leoneses. 


Na parte más norteña da serra dos Ancares temos as serras do Mingatón e da Corredoira que empechan as localidades de Balouta e Suárbol. Da dita serra dos Ancares saen diversos cordais, cara a Galiza e cara ao Bierzo. Polo que toca á nosa rexión, o val de Ancares está delimitado polo cordal de Chana Grande, o cal se prolonga no pico Mostellar (1924 m) en Galiza coa serra de Villous. Mentres que o cordal de Campo Longo cerca os vales de Burbia e Finolledo, alcanza a máxima altura en Tres Bispos (1798 m), para avanzar por Galiza coa serra de Maseiras. 

O cordal das Lagunas delimita o val de Porcarizas polo sul. Estamos na antiga xuridición da Somoza, dependente da colexiata de Vilafranca. As serras das Matas Cimeiras, Penas do Rastro, Páramo e Pradela lindan o val de Teixeira. Valboa xorde entre as serras da Granda Longa e de Arango. O val da localidade da Braña está cercado polo Chao dos Cousos, mentres que o río Valcarce o está por Chao da Serra que o separa da localidade da Faba no camín de Santiago. Este prolóngase en Galiza entre as serras do Piornal e Rañadoiro.


POLAS SERRAS DOS CABALOS E DO COUREL.

Chegamos ás serras do Courel, ao norte, e Os Cabalos ao sul. No plano do ano 1798, elaborado polos canónigos da colexiata de Vilafranca, xorde o chamado Páramo xunta  Dragonte. Hoxe esta peculiar zona abrangue as serras da Escrita e Paredes, ao norte do val de Barxas, co destacado monte Capeloso (1603 m). Pola outra banda, a serras Cova da Vella e da Bimbreira chegan até a coñecida pena do Seo (1560 m) e cercan o río Selmo. Val da xurisdición antiga chamada meirindade de Aguiar e que se espallaba polo norte de Valdeorras coa denominación do marquesado.

O faial de Busmaior comparte interese vexetal coas devesas galegas de Fonteformosa, Riocereixa e do Faro na bisbarra lindeira do Courel. Outro tanto acontece coa devesa do Rebolo de Xestoso e mailas galegas viciñas do Cervo, Mazales e Montouto na serra dos Cabalos. 


HORREO DO CONCELLO DE BARXAS. 

Damos fin a este percorrido de novo nas serras da Aciñeira e da Enciña da Lastra, esta última forma o atual parque natural.  Ámbalas dúas prolónganse en Galiza polas serras da Serrada, do Cabreiro e do Cereixido cara á bisbarra de Quiroga.

 O Bierzo, xuño de 2017. 


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es