sábado, junio 03, 2017

POR OUTRO PULO GALEGO-BERCIANO.


POR OUTRO PULO GALEGO-BERCIANO.
por Xabier Lago Mestre,
do coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
falaceibe@yahoo.es

Dende a Idade Media a lingua galega ten o seu protagonismo no Bierzo occidental. Pero o seu devir histórico mudou co desenvolvemento do sistema económico capitalista. Os desprazamentos de poboación, a atración dos centros mineiros, o crecemento de Ponferrada, a crise agrogandeira, etc. remataron coas bases económicas do Bierzo rural. Por suposto estas novidades provocaron cambios na presenza social do idioma galego.

Pola outra banda, as sucesivas políticas lingüísticas dos gobernos centrais a prol do castelao restrinxiron o noso galego aos eidos veciñal e familiar. Hoxe, en pleno século XXI as instituciois públicas pouco teñen feito pola nosa lingua, agás no ensino, favorecendo así as dinámicas culturais uniformizadoras.


Neste contexto non resulta doado traballar pola dignificación do galego. A minoría  galegofalante do Bierzo loita acotío por sobrevivir coa nosa lingua. Este coletivo cultural non consegue o respeito da maioría castelaofalante. Ademais os bercianos estamos forzados ao illamento do resto dos falantes do noroeste peninsular, por mor dos lindeiros administrativos e mailas políticas lingüísticas alleas.

Dende esta posición de minoría facemos o pouco que nos deixan os poderes políticos e culturais foráneos. Así os nosos problemas derivan da falta de recoñecemento legal dos nosos dereitos lingüísticos, como si conseguiron outros territorios bilingües. Amais o poder político non quere fomentar o galego no Bierzo por medo a competir coas outras identidades castelá e leonesa.


A nosa minoría galegofalante ten que reacionar e modernizarse. Habería que deixar de mirar tanto para o noso pasado. Isto acontece coas celebraciois dos persoeiros, casos de Martín Sarmiento (século XVIII) ou A. Fernández y Morales (s. XIX), ademais das xornadas de estudos filolóxicos ou etnográficos. Debemos facer presente en galego. Faltan ideas capaces de atualizar o noso galego, fornecendo de recursos lingüísticos axeitados.

A mocidade non virá cara ao galego senón atopa unha lingua atrativa e funcional. Estúdase galego na escola mais nas rúas non hai un contexto galegueiro. Velaí a necesidade social de recurrir a internet. Eiquí podemos ofrecer recursos lingüísticos abraiantes para todas as xeraciois. 


Visualizar o galego na internet non é pouco cando escasea tanto no Bierzo. Resulta un medio de comunicación maioritario, direto e imediato. A información ten que ser amosada dun xeito atrativo (brevidade, imaxe, audio…). Desta forma podemos prestixiar o galego entre a cidadanía. O seguimento deste idioma na internet, polos galegofalantes ou non, tamén favorece a participación a través das redes sociais. Divulgar temática galegoberciana serve para coñecer máis a nosa terra e para a súa mellor asimilación social.

A información, o coñecemento e a aprendizaxe do galego polos intenautas son complementarias. Como resulta fundamental demostrar a funcionalidade deste idioma coa súa internacionalización co portugués ou o brasileiro. Convén amosar a evolución lóxica do dialetismo berciano, pasando pola normativización, até chegar ao internacionalismo galegoportugués. Executemos dinámicas lingüísticas atrativas e autóctonas, sen a influencia dos prexuízos políticos ou culturais que temos que combater nesta aldeia global.

O Bierzo, xuño de 2017.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es