lunes, mayo 14, 2018

O GALEGO DO BIERZO NO 2018.


O GALEGO NO BIERZO NO 2018,
Por Javier Lago Mestre.
Coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Celebramos o Día das Letras Galegas. Nesta data sobranceira convén ter en conta a existencia de galegofalantes afastados no noroeste peninsular. Referímonos ás minorías estremeiras, do Eo-Navia, As Portelas e O Bierzo. 

O galego do Bierzo vén da Idade Media segundo os tumbos dos nosos mosteiros. Posteriormente, a derrota do conde de Lemos en Ponferrada (1486), fronte os Reis Católicos, facilitou a chega de oficiais e maila burocracia castelá. Os Séculos Escuros favoreceron a institucionalización do castelán. O noso galego quedou restrinxido aos eidos familiar, veciñal e rurais. 



Hoxe a minoría galegofalante do Bierzo resiste ante as discriminacioes lingüísticas derivadas da falta de cooficialidade do galego. Certo é que o galego ten presenza parcial no ensino regrado nos centros escolares do Bierzo ocidental. Mais o resto de administracioes non recoñecen dereitos lingüísticos aos galegofalantes. 

O movemento reivindicativo acadou o recoñecemento legal para o galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León (1999), “gozará de respeito e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (art. 5). Depois reclamamos o recoñecemento do galego no Consello Comarcal do Bierzo. Finalmente o galego foi incluído na Ley autonómica pola que se creou esta institución comarcal (2010).


Agora, de novo os galegofalantes do Bierzo temos de movilizarnos. Resulta que o Goberno estatal vén de aprobar un R. Decreto 128/2018 que obriga á presenza de funcionarios de habilitación nacional nos chamados entes locais menores. Estas institucioes locais teñen a súa orixe nos concellos rurais medievais. O seu proceso histórico de institucionalización, co Estatuto Municipal de 1924, acadou categoría de entes locais menores. Así, cada localidade do Bierzo ten recoñecemento administrativo peculiar.

No Bierzo ocidental o galego oral sempre estivo presente na actividade política dos concellos rurais de localidades, barrios e aldeas. Pola outra banda, nos concellos municipais, a presenza de funcionarios estatais obrigaba ao uso do castelán polos políticos e veciñanza, ante o mandato legal da oficialidade lingüística. 


Co comentado Decreto estatal os concellos rurais, dos ditos entes locais menores, non poderán usar a lingua galega da súa veciñanza. A presenza de funcionarios de habilitación nacional nos entes locais menores obriga a utilizar únicamente polos veciños o castelán, oral ou escrito, para ser comprendidos polos funcionarios-secretarios que deberán elaborar as actas correspondentes. Os funcionarios foráneos non teñen a obriga legal de coñecer o galego no Bierzo e, polo tanto, de compréndelo e usalo. Só deben usar o oficial castelán. O galego xa non posuira funcionalidade ningunha, nin política nin administativa, no seo dos entes locais menores.

Non se pode negar esta dinámica política e institucional antigalega en Castela e León. Así acontece tamén coa Lei autonómica do réxime local (1998) que obriga á “denominación dos municipios haberá de ser en lingua castelá” (art. 24). E o ben subvencionado “Instituto castellano y leonés de la lengua” ignora o galego do Bierzo. Por iso Galiza debería profundar nas relacioes coas minorías estremeiras para asegurar o futuro do galego que nos une.

O BIERZO, MAIO DE 2018.

TEXTO PUBLICADO TAMÉN EN XORNAL GALEGO:
http://praza.gal/opinion/4624/o-galego-no-bierzo/
www.facebook.com/javierlagomestre


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

Etiquetas: , , , ,

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home