lunes, marzo 19, 2018

DEMANDAS BERCIANAS ANTE O PARLAMENTO EUROPEO.


A PROBLEMÁTICA DA LINGUA
 GALEGA DO BIERZO
NO PARLAMENTO EUROPEO.

O Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo informa ao Parlamento Europeo sobre a problemática da nosa lingua galega no Bierzo (Comunidade Autónoma de Castela e León, España). Neste sentido, O Bierzo é un territorio, lindeiro con Galiza, que dende a Idad Media conta con habitantes galegofalantes. Sen embargo, as dinámicas seculares castelanizantes (ensino, política, administracioes públicas, etc) minorizan a presenza dos galegofalantes até hoxe.

A recuperación do Estado de Democrático y de de Dereito favoreceu a creación das Comunidades Autónomas. Estas fixeron un recoñecemento dos dereitos lingüísticos das súas minorías idiomáticas de España. Mais a Comunidade Autónoma de Castela e León non fixo o mesmo coa súa minoría galegofalante do Bierzo. Eiquí soamente se ten feito un recoñecemento parcial da presenza do ensino do galego nos centros escolares do Bierzo e na Alta Seabra, nas provincias de León e Zamora respetivamente.


RECOÑECEMENTO ESTATUTARIO DO GALEGO.

Dende o punto de vista legal temos acadado un recoñecemento xurídico no Estatuto de Autonomía da Comunidade Autómoma de Castela e León (Lei orgánica 11/1994). Así, no seu artigo 5.3, lemos que “gozará de respeito e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice”. Contodo, apesar deste recoñecemento idiomático restrinxido, a mala praxe política permite outras ilóxicas legais. Este é o caso da Lei autonómica do Réxime Local de Castela e León (Lei 1/1991, de 4 de xuño). No seu correspondente artigo 24.1 indícase que “a denominación dos concellos  haberá de ser en lingua castellana, respeitando as denominacioes existentes á entrada en vigor de este Lei (…)”.

As Cortes de Castela e León tamén aprobaron a Lei de modificación parcial da Lei rexional pola que se crea e regula a Comarca do Bierzo (Lei 17/2010, de 20 de decembro) que recoñeceu “na Comarca do Bierzo gozará de respeito e protección a lingua galega nos lugares nos que habitualmente se utilice” (artigo 1.4). Apesar desta declaración legal conseguida o dito Consejo Comarcal do Bierzo non ten feito nada ao respeito.



PROTECIÓN EUROPEA DAS LINGUAS NON OFICIAIS.

Pola outra banda, o Reino de España ratificou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, cuxo instrumento de ratificación foi publicado no BOE. 15 de setembro de 2001. Este instrumento tamén se aplica ás linguas non oficiais, caso do idioma galego do Bierzo, segundo se indica no preámbulo, “España declara, aos mesmos efeitos, que tamén se entenden por linguas rexionais ou minoritarias as que os Estatutos de Autonomía protexen e amparan nos territorios onde tradicionalmente se falan”.

O dito instrumento de ratificación teima na súa aplicación para as linguas non oficiais, “ás linguas citadas no párrafo segundo se aplicarán todas aquelas disposicioes da parte III da Carta que poidan razonablemente aplicarse en consonancia cos obxetivos e principios establecios no artigo 7”.
A Junta de Castela e León cumpre só parcialmente co artigo 8 da Carta Europea, no que se refire ao ensino do galego nos centros escolares do Bierzo. Agora ben, nada se ten feito pola execución do contido do artigo 10, referido a “autoridades administrativas e servizos públicos”. Así, hai un total incumprimento do estipulado polo artigo 10.2, para as autoridades administrativas locais e rexionais que non empregan a lingua galega, os cidadaos non podemos presentar solicitudes orais ou escritas en galego, os textos oficiais non teñen edicioes bilingües, nos debates das asembleas locais non se emprega o galego, e non se permiten as formas tradicionais e correctas dos topónimos en galego ou versión bilingüe.


Por todo o comentado, dirixímonos ao Parlamento Europeo para que teña a ben facer algunha declaración a prol dun maior cumplimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias por parte da Junta de Castela e León e mailas administracioes locais do Bierzo (Consello Comarcal, concellos e pedanías).

O Bierzo, 19 marzo de 2018.
www.facebook.com/javierlagomestre

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es