O GALEGO NO BIERZO: UNHA LINGUA MINORIZADA ( I )
O GALEGO NO BIERZO: UNHA LINGUA MINORIZADA (I),
por Marcelino B. Taboada.
Ao meu entender o idioma galego na nosa contorna responde ás
connotacións ou apuntamentos tópicos que definen e acoutan unha lingua
minorizada calquera. E esta precisión vén a conto co fin de establecer as diverxencias
fronte ás chamadas minoritarias. É dicir, que a pesar de non atoparse na
situación eventual de acoller un número de falantes de xeito residual ‒xa que, como pouco, se cifran nuns 40.000 os seus hipotéticos
usuarios, unha porcentaxe (en proporción ao censo de tódolos residentes actuais
que viven na comarca) a non desprezar‒, a súa presenza podería aínda
incrementarse en áreas vencelladas coas relacións humanas correntes, básicas
e/ou familiares nas que antano era un elemento de obrigada asistencia. E,
ademais, hai ámbitos relativos ao coñecemento, ciencia e dominios específicos ‒cunha
gran capacidade de desenvolvemento‒ nos que parece estar condenada ao
esquecemento pero sempre a causa da desidia e indolencia propias, ancestrais
e/ou modernas.
Fóra destas eivas ‒que sen dúbida proveñen dunha multiplicidade
de axentes e condicionamentos‒, o seu afastamento dun concepto de
marxinalidade é patente, pois tampouco se dan as circunstancias negativas
necesarias que coadxuven intencionalmente na procura de fixar unha estratexia
tendente a acadar un obxectivo excluínte: que se produza un rexeitamento
salientable e permanente pola banda da burguesía e intelectualidade local con
certo prestixio, e nomeadamente das clases sociais pertencentes neste senso a
un sistema ideolóxico único, acaparador e coincidente.
Agora ben, cales son as notas que concorren no intre de ter que
definir e catalogar o galego coma lingua minorizada no noso país? Segundo o meu
xuízo, estes trazos insírense nunha categoría ampla que contén todo un conxunto
de factores singulares e que se manifestan asemade no terreo social, cultural e
económico. Dito como cómpre expresalo nunha perspectiva sociolóxica: “algúns de
nós tamén desempeñamos neste asunto un rol de pasividade e desentendemento, porque
así ‒entre os moitos concernidos‒ non nos sentimos tan responsables”.
Volvendo ao fío concreto das circunstancias que determinan a pouca
consideración da segunda fala do Bierzo, convén botar tan sequera unha sinxela
ollada ás notas indispensables a incluír na esquemática análise a debullar
deseguido, e no seo de ámbitos esenciais: o académico ou escolar, o
administrativo ou político, o mediático e divulgativo e polo que atinxe ao eido
dos colectivos a implicar (coñecidos co termo laxo de “sociedade civil”).
No primeiro destes epígrafes a glosar (o educativo, por mor de
constituír unha materia regrada) ‒o máis exitoso e de gabar dos devanditos
factores influíntes‒ hase ponderar a súa evolución recente, que
provoca que o uso do idioma neste recanto estea a recuncar paseniñamente. Isto
é tan notorio que a súa avaliación vén conseguindo nos últimos tempos unha
cualificación case óptima e exemplar, pese a acumular aínda súa curta
singladura. Trala sinatura dos acordos entre as dúas Administracións autonómicas
en cuestión (comezando a seu percorrido real, neste contexto, no curso
2001/02), a medra nas cifras totais de alumnos inscritos non deixou de manterse
á alza (ata ser considerada extraordinaria, por enriba das previsións máis
esperanzadoras naquelas datas): 844 estudantes no ano lectivo 2005/06, pasando
a superar o milleiro no 2008/09 (engadindo neste rexistro os datos aportados
pola zona de As Portelas, en Zamora), chegando a unos 980 no 2016/17 na nosa
exclusiva área estremeira. Esta dinámica crecente vaise consolidando consonte
as derradeiras informacións, que falan dunha fita notable acadada, plasmada nos
datos (que conforman novamente outro récord na actualidade, practicamente
impensable no 2017/18): máis de 1.100 alumnos no global, oficiais e libres (sen
sumar os candidatos que se examinan acolléndose ás convocatorias da proba
propia dos Certificados a outorgar pola Xunta: os CELGA, liderados polo CELGA
4).
Neste campo de actuación tan alentador e cobizoso o resultado do
labor feito é sobresaínte e, aínda que resten algúns aspectos salientables a
mellorar (a mingua notable polo que fai ao paso ou transición entre os
diferentes niveis de estudos a percorrer e, ante todo, no non acollemento do
galego ‒coma materia optativa‒ no bacharelato, a non concesión de ningún
certificado CELGA ao remate da Primaria, a excesiva porcentaxe de candidatos
aos CELGA en comparación coa excesiva inscrición na modalidade libre na Escola
de Idiomas de Ponferrada, as tendencias lusistas e integracionistas que afastan
o pretendido modelo dos dialectos “vilarego ou ancarés” ou da variedade que se
chama tradicionalmente “chapurreao”, a carenza de posibilidades de adaptación
na aplicación dos contidos ao entorno,…
De todos os xeitos, estas queixas teñen fácil arranxo e non
inflúen apenas (só tanxencial e incidentalmente) nas eivas constatadas que imos
debullar de contado:
Destacada a nota máis complacente co gallo de procurar un
reforzamento e bo porvir ‒dende o punto de vista sociolóxico‒
desta lingua presente no Bierzo (que conta, tal como se adiantou con
anterioridade, cunha cifra remarcable duns 40.000 residentes que a coñecen por
diversas consideracións: afinidade, orixe, vencellos familiares, sociais,…), é
indispensable referir a morea de atrancos que contenden na súa contra. Desta
maneira, no campo normativizador e académico, o galego non é moi aprezado nin
goza do recoñecemento ou prestixio que debería. A circunstancia que coadxuva
decisivamente, neste ámbito esencialmente cualitativo, enxertase na parcela
divulgadora, e nomeadamente na súa cativeira presenza “a cotío” nos medios de
comunicación social. Nos xornais é unha anecdota, saldada co emprego de cando
en vez, e a súa plasmación reducida amosa a súa situación de subordinada:
esporadicamente utilizada, v.g no Bierzo comarca, no Eco do Bierzo e máis a
miúdo na páxina web coñecida como “o Bierzo ceibe” (a devanceira das
conservadas, cuxa continuidade e traxectoria supera dabondo ás doutras
denominacións precedentes desaparecidas). No mesmo senso, o sitio web na rede ‒correspondente
ao Grupo As Médulas‒ evidencia certamente, na súa filosofía
primixenia, unha vocación un chisco elitista mais culto e disposto a darlle un
pulo importante ás actividades a levar a termo. Agora ben, a perspectiva deste
sector editorial de excelencia (aínda que o número de obras publicadas sexa só
testimonial) pódese considerar que entraña unha marxe de espallamento folgada.
A pesar de recuar cuantitavamente, a causa da globalidade do inglés e dinamismo
do castelán, esta debilidade vese mitigada pola concorrencia das competitivas
ofertas das canles audiovisuais públicas galegas: a TVG. O éxito obtido ‒durante
decenios‒ do programa infantil “Xabarín club”, ademáis do atractivo
alcanzado por outros espazos senlleiros (Luar, Land Rober Tunai Show e algunhas
series de entretemento ou programas destinados ao tempo de lecer). Ou sexa, no
noso país (nas zonas lindeiras coa rexión veciña) a audiencia da televisión
autonómica é, en xeral, semellante á rexional autóctona. E asemade, no canto
que atinxe aos deportes federativos en contacto, é apreciable e constante
(nomeadamente no caso de acontecementos nos que se enfrontan equipos
sobranceiros de ambas dúas bandas que comparten idéntico limiar).
Marcelino
B. Taboada
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home