O GALEGO NO BIERZO: UNHA LINGUA MINORIZADA (2)
O GALEGO NO BIERZO: UNHA LINGUA
MINORIZADA. (II)
por Marcelino B..Taboada.
Un idioma goza de máis o menos
proxección consonte a un sistema de axudas e subvencións ‒directas ou deferidas‒
pero, na meirande parte das ocasións, a predisposición administrativa inflúe
decisivamente na andaina e rumbo, en perspectiva cualitativa e cuantitativa,
das creacións escritas: adxudicación de publicidade institucional, apoio e
fornecemento de medios a prol do financiamento a emprendementos editoriais,
mantemento da prensa e dos xornais e revistas cunha porcentaxe apreciable dos
seus contidos na lingua minorada nas áreas periféricas (en papel ou
dixitais,…),... A contradición (da que semellan os sucesivos representantes
cidadáns non terse decatado) entre as manifestacións tópicas ao uso e os ulteriores
froitos materiais, no seo dunha normalización que non está a acadar apenas as
metas propostas coma prioritarias, é flagrante. Un expoñente claro é que non se
artellaran ata o de agora (nunca se pensou nilo) unhas liñas de soporte, ben
dotadas e que proveran de folgos ao galego estremeiro, v.g un orzamento
que cubrira as necesidades dun programa de fomento difusor e que contemplase
logo unha solución viable aos atrancos e problemas engadidos nas zonas
bilingües (O Bierzo, A Seabra ou a franxa asturiana contida entre o Eo e o
Navia).
Convén neste intre, ao mesmo tempo
que se pondera con xusteza os apartados onde hai trazos positivos a denotar,
facer unha alusión á parte preceptiva ou administrativa do asunto a referir. Na
nosa comarca, normativamente, o idioma galego ten unha consideración elevada:
“digno de respecto e protección”. En outras verbas explicativas: “non é
cooficial mais si se lle adxudica unha posición relevante e senlleira”. Isto
comporta na práctica unhas limitacións e precisións en canto á súa aplicación
burocrática e nos servizos e institucións públicas, seica tolerada no eido da
oralidade das propostas a vehicular nos concellos e cuxo emprego é frecuente,
pese a que formalmente sen valor oficial por razóns lóxicas. De calquera
maneira poderíase espallar o seu emprego e utilidade en certos sectores,
aproveitando a boa dispoñibilidade política e o acougo co que xeralmente o
acolle o conxunto da poboación. Neste campo, unha das demandas ‒xa de antano,
por recorrente, e ata a xeito de elemento enxebre‒ ten moito que ver coa
aconsellable dotación polo Consello comarcal dunha Oficina de apoio
lingüístico. Pois ben, sendo de supoñer que as relacións entre este Organismo e
a próxima Galicia (e incluso Portugal) se incrementarán no porvir, e asemade se
multiplicarán as achegas respectivas nos vindeiros tempos, faría falla unha
adaptación neste senso específico. Neste fío de propostas, xa pugnando nesta
teima, cómpre establecer unha previsión: trátase do destino ad hoc de
tan siquera un par de funcionarios cuxa función sería triple (informar e
participar na negociación dos convenios nun marco interrexional e
transfronteirizo, procurar a tradución correcta daqueles documentos precisos e
proporcionar ás nosas autoridades intervenientes un asesoramento técnico nas
materias concretas a acordar), circunstancia que melloraría e daría un pulo
identitario e de apertura á nosa comunidade (na actualidade de configuración
nomeadamente local).
Nesta mesma parcela de
transcendencia pública, hai que facer mención deseguido á tradicional
utilización da lingua propia e particular da rexión galaica. É sabido o réxime
de permisividade de sempre na franxa do amplo limiar fronteirizo, raiano co
castelán (coa colaboración pasiva das autoridades tardofranquistas), que chegou
a dar excepcionalmente enceto a unha traxectoria de oralidade enxeñosa
(nomeadamente no eido campesiño ou labrego). Traducíase este estado de cousas
nas xuntanzas parroquiais ou veciñais, que se levaban a termo servíndose da
fala ou dialecto típico do país. Emporiso, os novos aires modernos, que tentan
rematar con esta realidade adaptada estreitamente ao contorno circundante,
agroman na súa contra (arreo e en algures), pretextando a escusa manida da
globalización. De feito, na galaxia das novas tecnoloxías a uniformidade é a
moeda corrente que pretenden impoñernos os magos do futuro.
Unha arela tradicional a encher
cunha relativa urxencia ‒cos seus desenvolvementos subseguintes e indisolublemente
vencellados ás denominacións ancestrais dos sitios, e ademais aínda pendentes
de realizar coma unha carencia a remediar e proveniente dos nosos devanceiros‒
subsúmese na falta dun estudo sistemático e académico da singular toponimia do
Bierzo occidental e as súas connotacións antropolóxicas, feitos anecdóticos,
curiosidades arqueolóxicas, xeoloxía, accidentes xeográficos e historia. Por
conseguinte, a terminoloxía a conservar e as identificacións dos lugares e
enclaves específicos esixe unha planificación coidada de seu. Ao remate deste
labor o beneficio, no dominio ligado a unha pluralidade cultural colectiva
diversa e ao resto de compoñentes consuetudinarios compartidos con outros
pobos, posibilitaría a transmisión dun abondoso legado ás xeracións futuras. E
no seu caso, co complemento engadido acumulado a través dos primixenios nomes distintivos
e remotas referencias procedentes da área asturiano-leonesa (e, máis polo
miúdo, na de fala patsueza), ampliaríase o catálogo dirixido á recuperación do
nomenclátor primitivo e xenuíno.
Antes de debullar outras
consideracións no ámbito privado, é preciso sinalar unhas peculiaridades
básicas que se aprecian aínda na comarca berciana: “a permeabilidade,
pluriculturalidade e apertura”. Acontecementos históricos salientables e
perdurables, tales como o Camiño de Santiago, a romanización ou a continuidade
de costumes compartidas con outras bisbarras exerciron o papel de liame entre o
noso territorio e todo o resto de espazos circundantes (xunguidos, ás veces, a
través de montañas ou ao longo de hábitats agrogandeiros rexidos por normas ou
regras consensuadas e non escritas). Así mesmo, fenómenos ou citas habituais e
periódicas ‒festas, feiras e xuntanzas case familiares en agradecemento e
pagamento pola participación na boa consecución das colleitas (mallas, produtos
comúns e aproveitamentos diversos do monte, vendimas,…)‒ ou ritos anuais e
estacionais (matanza, magostos, celebracións de raíz gandeira ou artesanal,
fiandóns,…), ou os eventos bélicos, foron creando unha sociedade solidaria,
porosa, nalgúns casos teimuda e celosa
da súa orixe.
Por outra banda, co gallo de
acometer o peche deste sinxelo resumo que xira sobre o eixo das eivas
principais do galego estremeiro ou irredento, é de rigor aludir á implicación
social que se albisca aínda nos nosos lares. A autenticidade e necesidade deste
cativo relatorio debe xustificarse en principio nas analoxías ou semellanzas da
cultura tradicional e das conmemoracións, fitos do imaxinario colectivo e
festividades, traballos no rural e ata no caso de institucións pedáneas e
veciñais de cadansúa das beiras das serras dos Ancares e do Courel. Polo tanto,
o que se pretende plasmar neste recanto é que existe unha interconexión,
coincidencia e continuidade remarcables e constatables, un feixe delas dende
hai séculos, que responden a un idéntico modo de vida e valores herdados dos
nosos antergos.
Porén, noutros terreos e ao respecto
de artellar outros acontecementos literarios a subliñar, o certo é que as
iniciativas e proxectos non abondan. Se ben a música, as manifestacións
históricas, gastronómicas ou lúdico-festivas ou as tarefas estacionais e
hábitos coinciden “aquí e acolá” e alcanzan unha sona resaltable, as
actividades artísticas adicionais e alternativas prográmanse fundamentalmente
espalladas e de maneira esporádica, en datas taxadas. O Centro Galicia de
Ponferrada agarima baixo a súa éxida unha morea afouta de xentes con morriña ou
soidade da comunidade irmá (sexa a causa de motivacións de tipo xenealóxico, por
atracción ou ben aguilloadas por preferencias de afección), a Comisión Martín
Sarmiento ‒co soporte insubstutuíble e axeitado da Xunta, en eventos de tipo
escolar, expositivo ou artístico (teatro e espectáculos coa intervención de
alumnos e intérpretes e a oferta de posta en escena de obras didácticas,
adaptadas ao auditorio e a título altruísta), por mor das reunións de
avaliación e irmandade‒, na procura de consolidar o Programa de Ensino, mailos
intercambios de alumnos (visitas ou semanas de viaxes en grupo),... desenvolve
un rol decisivo na orientación do ensino e a práctica docente. Tampouco hai que
esquecer o xurdimento providencial ‒hai preto dun trienio‒ do autodenominado
Grupo As Médulas, que leva a cabo unha intensa traballo a gabar (adoitando a
transitar por uns vieiros culturais de relativa excelencia) e que recentemente
adquiriu un dinamismo especial. Este movimento asociativo (co amparo da
editorial Edicións Positivas) tenta aportar un impulso adicional, coa creación
do Premio que pretender poñer en valor e prestixiar a figura do escritor
cacabelense Antonio Fernández Morales. Neste ámbito, convén lembrar varios
antecedentes e persoeiros que contribuíron con anterioridade ao fin de que non
devecera nin se esvaecera o rastro da súa memoria: D. José Antonio Balboa,
filólogos e investigadores da específica dialectoloxía berciana (en confluencia
con outras variantes da lingua do oriente, centrados ante todo nas
problemáticas privativas dos amplos limiares de transición) ou do léxico
ancarés, como Anxo Angueira, a Fundación Penzol da cidade olívica (Vigo),…
(Continuará noutro capítulo, o que
se corresponde co epílogo)
O BIERZO, MAIO DE 2018.
WWW.ELECODELBIERZO.ES
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home