miércoles, abril 30, 2025

O BIERZO NAS RELACIOIS BÉLICAS CON PORTUGAL

libro El Bierzo provincial  


O BIERZO NAS RELACIOIS BÉLICAS CON PORTUGAL,

Por Xabier Lago Mestre.

O Bierzo tivo unas peculiares relaciois militares con Portugal que son descoñecidas pola meirande parte dos cidadaos. Nesta ocasión faremos uns apuntamentos sobre eses contactos entre O Bierzo e Portugal dende o punto de vista bélico. Principiamos a nosa viaxe histórica no século XVII, no comezo da Guerra de Secesión, “Aclamaçao ou Restauraçao”, principiada en 1640, tempo en que tamén se rebelou Catalunya contra Castela.

Por mor da documentación atopada polo historiador José Diego R. Cubero, sabemos dos medos dos bercianos a unha invasión portuguesa. A cercanía da provincia do Bierzo á fronteira facilita o protagonismo militar da nosa rexión. En 1642 varios xefes militares foráneos demandan soldados bercianos (marqués de Tarazona coma gobernador del distrito de Monterrei e o marqués de Valparaiso), ademáis da Sarxentía maior do reino de León. O curioso do caso é que tamén dende lonxanas terras pediron soldados bercianos para o exército de Estremadura. En 1658 houbo un chamamento militar ao correxidor de Ponferrada de máis homes, “los que menos falta hicieren, condenados campaña y destierro, la gente mal entretenida y los que han recibido sueldo real”. Todo valía para carne de canón bélico!.  



Ponferrada resístese a eses sucesivos recrutamentos, e alega que está “Portugal diez leguas por tierra abierta e indefensa. Y si el enemigo la ocupase sería cortar el paso para los Reinos de Castilla, León y Galicia”. A vila do Sil remesa a un representante á Corte para que consiga reais cédulas que fundamenten “la defensa del castillo y fortaleza que está tan propincua para alguna invasión el enemigo por la cercanía con el Reino de Portugal”. Posiblemente o país luso non atacou O Bierzo por estar lonxe, orografía montañosa (serras da Cabreira e Aguilanos) e os malos camiños.

                Os portugueses non invadiron a provincia do Bierzo. Mais os portugueses atacaron A Pobra de Seabra e pasaron á Cabreira, onde incendiaron a localidade da Baña, supoñemos que tamén se levaron o seu gando. Estas cabalgadas portuguesas non buscaban asentarse senón a pillaxe para levarse o que podían (todo tipo de gando e alimentos, ademáis de xoias e moedas). Tratábase do chamado dereito de guerra ou botín de guerra. Por suposto, o mesmo fixeron os españois cando invadiron ocasionalmente a regiao de Tras os Montes. Foi o caso do gobernador de Seabra, Juan de Benavides, que penetrou en Portugal, habiendo “quemado al rebelde ocho lugares, los más ricos grandes de toda la tierra de Bragança” (1643). Pola súa banda, o noso coñecido, conde de Alba de Aliste, atacou Miranda do Douro (1641), e o marqués de Viana (Rodrigo Pimentel de Benavente), fixo o mesmo con Monçao (1658).



                A provincia do Bierzo pertencia a efeitos militares á Sarxentía de milicias de León. Entre as obrigas militares estaban a de remesar milicias á Pobra de Seabra, concretamente dos partidos de Astorga, Bembibre, Vilafranca, Saldaña, Cea e As Omañas. O resto de partidos destinaban as súas milicias para a guerra de Catalunya. Mais acontecía que cada vez era máis difícil o recrutamento dos 600 homes dese tercio do reino de León.  Por iso en 1649 houbo a sustitución por un pago de 12.000 ducados, que logo subíu a 15.000 (1657). Posteriormente a Coroa pide 1.300 hombres aos partidos de León, Asturias e Ponferrada (1694). A política internacional da Coroa provoca unha grande sangría na demografía berciana. 

                Os bercianos estaban fartos de tanto gasto militar. Non soamente foron os recrutamentos forzosos que deixaban as localidades sen homes para traballar as terras. Guerras internacionais que foron continuas (Holanda, Francia, Portugal, Catalunya, etc). Ademais existía unha derivada, chamadas as bagaxes. Tratábase das obrigas militares do paso dos exércitos pola provincia do Bierzo. Entre esas variadas obrigas bélicas, poner carros e bestas (bois, cabalos e mulas) para transportes militares, aloxamentos de soldados e xefaturas, alimentación de militares, poner combustible (leñas), alimento para a cabalería (cereais e herba), etc. Por suposto, tódalas localidades afectadas, situadas nos principais camiños reais, resistíronse a satisfacer esas demandas militares, sobre todo as consideradas cuarteis (Bembibre, Ponferrada, Vilafranca e maila Ponte Domingo Flórez).  



                No século XVIII nova guerra pola Sucesión na Coroa de España. No Bierzo houbo novas queixas polos aloxamentos militares, e continuaron as demandas de soldados dende León. O adversario portugués toma A Pobra de Seabra e tamén Alcañices en 1711. Recordemos que as tropas borbonas tiñan a súa principal fronte de batalla nas terras da Coroa de Aragón, o que facilitou a invasión portuguesa polo oeste. Como un servizo militar máis intentouse crear un cuartel en Ponferrada (1757). Na organización militar O Bierzo continuou coma un partido máis. Así nos repartos de quintas de España, xorden “León y El Bierzo” (casos documentados en 1770, 1787 e 1800).   

                Comeza o século XIX coa chamada Guerra das Laranxas (1801) entre tropas angloportuguesas e francoespañolas que rexistra os ataques a Monterrei e A Pobra de Seabra (1808). Por suposto, coa Invasión napoleónica, as alianzas trocan de bando, para formar a fronte militar anglolusoespañola. Outra alianza foi a que tiveron as raíñas liberais veciñas, a rexente María Cristina de España e María de Portugal, durante a primeira guerra carlista (1836-37). Eiquí tropas lusas foron autorizadas para penetrar en España e perseguir as partidas carlistas. O maior protagonismo tívoo Vilafranca do Bierzo. Segundo os xornais da época, 3.000 portugueses estiveron pola vila do Burbia, “punto el más a propósito para obrar como más convenga” (El Eco del comercio, xullo de 1836).



                Non podemos rematar sen recordar a guerra de propaganda ideolóxica de tipo bélico que houbo entre Portugal e España. Lóuvanse as vitorias e néganse as derrotas mútuas nos sermones relixiosos, panfletos populares, obras de corráis de comedias, pasquines anónimos, cancioneiros, etc. Por iso queremos traer a colación exemplos da literatura lusa. “Portugal e mais Castella/ nunca fueron bien casados/ agora estao apartados/ dizem que sem querer ella”. De máis sona é, “de Espanha nem bom vento, nim bom casamento”, supoñemos que se refería aos efeitos negativos dos casamentos reais entre as dúas Coroas. Por sorte, as guerras restan mui atrás e o futuro tende pontes cordiais acotío entre os dous veciños seculares.

 

O Bierzo, maio de 2025.


martes, abril 29, 2025

25 ANIVERSARIO DA BANDEIRA CRUCEIRA DO BIERZO.

Libro El Bierzo provincial


NOVA XORNADA COMARCAL DE DEBATE,

Por Xabier Lago Mestre.

Por mor da celebración do 25 aniversario da creación da bandeira do Bierzo tivo lugar unha xornada comarcal recentemente. O acto comezou coa intervención de diversos políticos que fixeron as súas reflexiois sobre a nosa Comarca. No caso da coordinadora da Junta de Castela e León en Ponferrada salientou que a institución comarcal era “la voz de El Bierzo” e o compromiso da Junta autonómica coa proteción do patrimonio e a tradición histórica. Por suposto non faltou a mención ao vindeiro Acordo marco entre ámbalas dúas instituciois que está a piques de sinarse.

                Tamén falou o subdelegado do Goberno central sobre que O Bierzo se sente “orgulloso de su identidad” e dese “sentimiento de pertenencia”, suliñando que é unha Comarca con aspiraciones. O presidente da Depùtación marcou esa falla de financiamento axeitado da Comarca, e eses debes pendentes, casos do parque micolóxico e a fixación da sede institucional. Na defesa da súa Deputación, velaí o banco de terras e o servizo de asistencia a municipios. Dixo que o Consello berciano podería ter a xestión da auga e unha participación nos tributos do Estado. Case que nada!. Pola súa banda, o alcalde de Ponferrada pediu “no conformarse con lo logado y más ambición”. Tamén reclamou “construir Comarca de abajo a arriba”, así como “fortalecer la identidad berciana” contra crear unha comunidade autónoma de León. O rexidor amosouse a prol de preservar a cultura, coas variedades lingüísticas.



A seguir, Jesús Esteban disertou sobre a creación da bandeira Cruceira. Sinalou as dúas posturas iniciais de debate, a saber, a bandeira aspada máis histórica e a branquiazul, a popular e do bercianismo político. A desputa era política, entre a azul, galeguista, bercianista e da dereita, e a colorada, identificada coa esquerda. Velaí o intento do psoe ponferradino de crear unha bandeira branquicolorada que fracasara. A solución foi a bandeira de consenso, a Cruceira mestura da branquiazul e aspada. Fundamental foi a axuda do bercianismo político na súa difusión social. Até o punto de que Jesús Esteban recoñeceu a sorpresa da súa consolidación social.

As mesas de debate foron dúas, a primeira con funcionarios e a segunda con xornalistas. Da primeira apoiaron a existencia dun espazo propio, incluso dixeron que noutras comarcas naturais non se ten formulado comarcas institucionais e que a bandeira é asumida por todos e todas con naturalidade. Tamén estiveron a prol de novas competencias, casos de basuras, augas, cultura, etc. E pouco máis deu esta mesa na que faltou dar a voz ao público asistente.


A segunda mesa, cos xornalistas de diversos medios de comunicación (xornais, dixitais, radio e televisión) estivo máis interesante porque eles son xeradores de opinión pública. Deixaron caer que hai descoñecemento social do Consello comarcal, razón? que as súas escasas competencias non afectan á vida acotío dos bercianos. O director de elbierzodigital comentou o que muitos xa sabiamos, que certos mandamases políticos de Valladolid querían recoñecer a Comarca coma feito político incuestionable, mentres que esa institución non é valorada pola clase política en xeral. Dende León sempre din que a Comarca divide a provincia e mailo leonesismo, e o certo é que os políticos de fóra non pudieron coa presión social e política berciana, polo que tiveron que conceder a autonomía comarcal.

Outro representante dun xornal de León indicou que é a única Comarca de Castela e León, e que “necesita una voz más allá del Manzanal”, non quedou claro se quería decir, que precisaba do leonesismo político ou que ten que estar nas Cortes rexionais. Cando non hai oportunidade de preguntar dende o público restan dúbidas sen resolución. No tema do espazo propio da Comarca, unha xornalista do Bierzo apostou pola descentralización da Deputación e Junta. Elbierzodigital dixo que a Junta sempre está atenta á demanda social berciana porque intranquiliza aos políticos do PP. Recordemos que hai votos en xogo na luita política que poden consolidar gobernos locais e contrapesos para o leonesismo. Velaí o intento político foráneo de darmos confianza social ao Bierzo coas promesas políticas, mais sen ofrecer muita autonomía ao Consello comarcal. Dende a Tvlocal se comentou que a descentralización trae desenvolvemento económico territorial, mentres que o centralismo non. Muita verdade hai nestas verba. O capitalismo tende a concentrar o dito desenvolvemento nas ciudades (ver Usa, Europa, China e África) mentres que o rural cada vez está máis abandonado.



Outro locutor de radio local dixo que a Lei da Comarca é un traxe estreito, por iso apostou pola reforma desta Lei coa eleción direta. Ademais, indicou que non será doada a cesión de competencias municipais porque persiste o caciquismo que fomenta a contratación de traballadores locais que serán posibles votantes dos alcaldes. As novas competencias foron obxeto de discusión. Elbierzodigital reclamou que os concellos deleguen as súas competencias, e a supresión das mancomundidades de hoxe. Ben dito, mais a Junta de Castela e León creou a Comarca e ten a máxima responsabilidade no desenvolvemento competencial polo seu protagonismo político e financeiro. Tvlocal amosouse a prol de máis competencias (hoxe son 18), pola necesaria descentralización, e porque o medio rural vai necesitar máis axuda co despoboamento e mailo envellecemento (caso servizos sociais). Para un xornal capitalino falta o Instituto estadístico comarcal para ter unha información clarexa do Bierzo. Outra xornalista en León teimou na cercanía das competencias dos concellos aos cidadaos, por iso haberá resistencia á agrupación de municipios.

Locutora de emisora local formulou o problema territorial, hai que expor qué quere O Bierzo, con Galicia ou con León?, un debate sen resolver, e que hai certo cansazo de reivindicar polas promesas incumpridas. De novo Elbierzodigital comentou cómo era visto O Bierzo dende fóra. Resulta que sempre lle dicían en Valladolid que “ya están quejándose los de las montañas”, porque por unha ou outra cuestión, sempre nos facemos notar os bercianos. A isto engadíu Tvlocal que temos de reclamar á Deputación e maila Junta CeL un marco competencial máis amplo, pola “vía beligerante” ou coa “imaxinación”, exemplo do Banco de terras.     



No fondo quedou a idea de que as instituciois superiores non queren ceder competencias ao Consello berciano. Por iso a necesidade de seguir coa vindicación autonomista, ademáis da necesaria negociación política. Así pode acontecer nos Acordos marcos e na nova reforma da Lei da Comarca. No ano 2026 cúmprense 35 anos da Comarca, unha boa conxuntura política para demandar a reforma legal. Quen pode entender que na Lei de 1991 non se recoñeza a simboloxía berciana, casos da bandeira Cruceira, o escudo, o Diazo do Bierzo, a capitalidade, lingua galega, etc. Outro tanto acontece coa iniciativa lexislativa comarcal, o dereito de participación na elaboración e debate dos proxetos e planes para O Bierzo, a eleción directa de representates, o financiamento incondicionado, etc.

O Bierzo, maio de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, abril 14, 2025

POLO BIERZO NO FUTURO PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE GALICIA

libro El Bierzo provincial


POLO BIERZO NO FUTURO PLAN DE

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE GALICIA.

                No Bierzo temos novas da reforma do Plan de normalización lingüística de Galicia. Sabemos da constitución de diversas comisiois de traballo, entre elas a de Proxeción exterior do galego. Por suposto, entendemos que a problemática do galego no Bierzo ten de estar presente nese novo Plan de normalización. Por iso, queremos facer algunhas propostas a prol da promoción do noso idioma territorial.

                1. TERRITORIALIDADE. A Lei autonómica de Nomalización lingüística de Galicia de 1983 fai referencia ao chamado galego exterior. Esta denominación pode ser aplicada ao galego da emigración mais non para ás comunidades galegofalantes veciñas do Eonavia, O Bierzo e As Portelas. Neste último caso debería denominarse coma galego estremeiro. Nestas tres comarcas hai unha clarexa continuidade territorial e cultural coa Galiza, polo tanto nada dese “galego exterior”. A actual fronteira administrativa que divide as ditas comunidades lingüísticas non pode condicionar a nosa identidade cultural global e coletiva para nada. A dita Lei de Nomalización lingüística establece que “protexer a lingua galega hablada en territorios limítrofes coa Comunidade autónoma” (artigo 21.2). Expresamente lemos territorios limítrofes, logo digamos xa galego lindeiro ou estremeiro.



                2.ENSINO. No tema do ensino no Bierzo, podemos estudar galego de xeito voluntario en diversos niveis educativos. Agora ben, reclamamos que o ensino do galego sexa de oferta obrigatoria para os centros escolares situados na área galegofalante histórica e voluntario para o seu alunado. Hai lexitimidade histórica e cultural para ofertar ensino galego en tódolos colexios do Bierzo ocidental. As viaxes escolares de bercianos a Galicia deberían fomentarse, asi coma a colaboración educativa con centros de Valdeorras pola súa proximidade.

                3. USOS ADMINISTRATIVOS. Falta uso administrativo do galego. O Consello comarcal do Bierzo ben pode principiar ese uso administrativo. Por iso cómpre demandar un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, Junta de Castela e León e Consello comarcal sobre uso do galego nos entes locais.  A Lei da Comarca de 2010 establece “a participación da Comarca do Bierzo nas actuaciois que realice para a promoción da lingua galega” (art. 1.4). O Consello comarcal ben pode crear un Servizo lingüístico con dito apoio institucional tripartito mediante un convenio ou protocolo. Ese servicio lingüístico pode impartir cursos de galego, facer documentación bilingüe, fomento do galego nos concellos e pedanías, etc.



                4. TOPONIMIA. Hai unha necesidade de recuperar a nosa toponimia tradicional na nosa lingua galega. Convén un acordo entre instituciois galegas (Comisión de toponimia e universidades galegas) e Consello comarcal para facer estudos toponímicos, publicaciois de investigaciois e colocación de nova sinalización toponímica axeitada.

                5. MEDIOS DE COMUNICACIÓN. Todos sabemos da sintonización da TVGalega por muitos bercianos e bercianas.  Mais botamos de menos unha mellor atención informativa da nosa rexión, máis contidos locais, establecemento de correspondente profesional, mellora técnica do repetidor de Corullón, convenio de colaboración informativa coa TVCYL en Ponferrada, etc. Ademais, habería que axudar aos xornais dixitais do Bierzo para que tiveran aceso ás subvenciois en materia de uso da lingua galega.



                5. CULTURA. En materia cultural, pódese fomentar o uso do galego en publicaciois do Consello comarcal, do Instituto de estudos bercianos e da Universidade leonesa no seu campus de Ponferrada. As universidades galegas poden establecer colaboraciois con estas instituciois do Bierzo en relación con futuros estudos históricos, xeogáficos, filolóxicos, etc. Valdeorras e O Bierzo teñen Institutos de estudios respectivos que poden colaborar no fomento mútuo do galego, recompilación toponímica e de léxico das falas locais, así coma a creación de revistas dixitais conxuntas.

                6.OUTRAS INTERVENCIOIS SOCIOCULTURAIS. Certas actuaciois culturais de Galicia poden ser compartidas no Bierzo. Son os casos do Día das letras galegas que debería conceder unha atención especial cos galegofalantes estremeiros e non tanto a persoeiros destas comarcas. Hai que continuar coa colaboración da Xunta de Galicia na celebración do Día do galego no Bierzo (9 de marzo), cos seus actos escolares. Non pasamos por alto a necesidade de prover de libros en galego de balde ás bibliotecas municipais e escolares do Bierzo. Certas exposiciois culturais de Galicia ben poderían viaxar tamén prá nosa rexión. A festa de Correlingua ten de chegar ao Bierzo algún día coa axuda dos organizadores de Galicia. Campañas de fomento do galego no ensino non poden pasar por alto O Bierzo.

O Bierzo, abril de 2025


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

viernes, abril 11, 2025

FRANCISCO DE QUEVEDO E VILAFRANCA DO BIERZO.

libro El Bierzo provincial.



FRANCISCO DE QUEVEDO E VILAFRANCA,

Por Xabier Lago Mestre.

Recentemente os medios de comunicación informan de que apareceron certas críticas do Francisco de Quevedo ao conde duque de Olivares no século de ouro. Dito poeta escribiu “Desvelos de los dichosos para que se conozcan los peligros de serlo y sepan prevenirlos” (1633). Nesta obra, atopada nos arquivos nacionais de Francia, ataca a política do valido Olivares. Así acusa ao político, “desdichada sierpe eres” ou “la venganza es como la abeja que, por dar una picadura que se quita con el lodo, se da la muerte”. Esta revirada crítica barroca serve para atacar o goberno de Olivares.

                O curioso é que a devandita obra literaria de Quevedo está dedicada a Fadrique de Toledo Osorio, marqués de Villanueva de Valdueza, irmao do VI marqués de Vilafranca do Bierzo, García de Toledo Osorio. O dito Fadrique foi capitán da armada do Océano. Como tal militar gañou impotantes batallas, casos de san Salvador de Bahía (Brasil), contra holandeses en el canal de la Mancha, ataques a berberiscos do norte de África, etc. Os problemas persoais con Olivares provocaron o pedimento de Fadrique dunha licencia militar. En 1633 o Goberno reclama o seu reingreso aos navíos, mais o almirante se nega. Olivares ordena a súa prisión por desobediencia, pouco despois morre (1635).



Polo que se refire ao seu irmao, García de Toledo Osorio, tivo un destino semellante. Este foi tamén militar, coma capitán general de Galeras (1623).  En tal cargo defendeu Cádiz contra os ingleses (1625), vitoria contra os franceses en santa Margarita (1636), loitou na revolta catalá (1640), etc. Olivares criticou que non rematase coa escadra naval francesa do Mediterráneo cando puido. Máis grave foi a acusación penal polos 115 cargos formulados contra o VI marqués de Vilafranca. Entre éstes relataron “adueñarse de las tres quintas partes de las pesas de mar y tierra”, concretados en 40.000 escudos, e maila acusación de morte a 16 encausados e executados, sentenciados sen requisitos procesais. Todos estes problemas con Olivares levárono á cadea coma o seu irmao Fadrique. Cando caeu o conde duque, en 1643, o noso marqués é reposto no mando das galeras de España, aínda que morre pouco despois (1649). 

Os dous irmaos vencellados co marquesado de Vilafranca formaron parte da camada guerreira da Corte española do Século de ouro, a cal tamén integrara ao duque de Osuna. Esta política belicista quedou clarexa nas diversas guerras internacionais. Salientamos que García de Toledo Osorio era contrario ao pactismo real con Catalunya (1640), e demandaba man dura sempre contra os rebeldes, porque se puede estender “a todos los reinos de su Majestad” y provocar la pérdida “de España toda”. Ademáis teimaba taxante en que “jamás me convendré en ningún acuerdo con Cataluña”. Outro tanto acontecerá, xa muito antes, coa revolta de Venecia (1618), onde o duque de Osuna aliouse co marqués de Vilafranca e gobernador de Milán, Pedro de Toledo Osorio. Venecia competía con España pola dominación do mar Adriático, e os castelaos utilizaron a súa política máis rastreira (guerra, espionaxe, corsarios, redes clientelares, subornos, etc) para acadar a hexemonía marítima.



Voltamos a Francisco de Quevedo quen, como temos dito, louvou o noso Fadrique, marqués de Villanueva de Valdueza, por ser un gran militar con numerosas vitorias navais fronte aos inimigos do imperio español (franceses, holandeses, berberiscos, etc). O poeta español era belicista, velai as súas verbas ante a decadencia militar, “pensar que en el mundo no ha de haber guerra, es entender que no ha de haber hombres”. Detrás deste pensamento está a cultura cabaleira da época. Coas intervenciois militares hai novos honores nas batallas, gañadas ou estragadas, e mailas mercedes da Coroa (cargos, privilexios, salarios, botins, etc).

Curioso tamén resulta o vasalaxe de Quevedo aos grandes señores territoriais, caso dos marqueses de Vilafranca ou duques de Osuna, mentres mira con desdén ao pobo sometido. Porque nos intelectuais do Século de ouro había muito elitismo. Temos os exemplos dos escritos literarios de Quevedo. Con relación a Galicia, indica “tierra, que en España es tenida aun de los mismos españoles en desprezio por ruda, pobre, bárbara i remota, poco faborezida de naturaleza, fea, con montes i áspera” (España defendida… 1609). Na súa obra, Parnaso español (1648), continúa cos ataques antigalegos, “con gran polvareda/ perdimos a don Beltrán./ Y porque paró en Galicia/ se teme que paró en mal”. E das mulleres galegas, como bo machista da época, comenta “muy grotescas de facciones y de pelo muy espin, virginidades monteses, aman a lo jabalí”. Este madrileño tivo o mecenádego financeiro do 7º conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, iso si, muito respeito polo seu señor e nada para os vasalos galegos.

O Bierzo, abril de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

martes, abril 08, 2025

A EXENTA COLEXIATA DE VILAFRANCA DO BIERZO.

libro El Bierzo Provincial


A EXENTA COLEXIATA DE VILAFRANCA,

 Por Xabier Lago Mestre.

Ao longo da historia os poderes institucionais sempre se aliaron para exercer o seu poder sobre os dependentes. Foi o caso dos reis sobre os súbditos, dos mosteiros e señores laicos cos seus vasalos. Eses poderosos necesitaban vivir a costa dos otros. Para acadar este sometemento coletivo, os ditos dirixentes negociaron diversos sistemas xurídicos beneficiosos sempre para eles, con mercedes e privilexios, control dos poderes lexislativo, xudicial, militar e relixioso.

Nesta ocasión veremos o caso dos marqueses de Vilafranca. Trala concesión do dito marquesado (1486) non pararon de acumular poderes de todo tipo sobre os seus vasalos bercianos coa axuda da Coroa. Esta soubo premiar os servizos prestados co goberno en Nápoles e otros cargos militares en Catalunya ou nos diversos mares. Por suposto exerceron un control absoluto no seu marquesado, cos seus poderes señorial, xudicial, policial, etc. Hoxe pescudaremos no seu poder relixioso, concretado coa colexiata de Vilafranca.



Na vila do Burbia existía dende a época medieval un pequeno mosteiro cruñego, da orde do cruni. Pero este centro foi decaendo até se conver en sinxelo priorato. A estadía de don Pedro de Toledo en Italia favoreceu a concesión papal para converter ese priorato en igrexa colexial (1529). Por certo, a política matrimonial tamén axudou, cando se casan un sobriño do pontífice e a filla dos marqueses (1533). Os marqueses conseguiron a merced real (Carlos V, 1528) de maiorazgo para protexer xurídicamente as súas propiedades territoriais fronte a posibles acredores. Mais os marqueses tiveron o problema de que dito priorato tiña unha encomenda previa, xestionada por Fernando Mudarra, pois nada houbo que dirixirse ao Papa para suprimilo, e poder convertelo en igrexa colexial secular baixo a súa dependencia señorial. Depois a colocar aos seus partidarios, trala nova concesión papal, prior, chantre, mestreescola, arcediano, etc. todos ao servizo dos intereses relixiosos dos marqueses.

Para manter esta abadía colexial houbo novas mercedes papais en 1531 e 1532. O máis salientable é que este novo centro relixioso foi eximido da xurisdición e visita dos bispos de Astorga. Un tema chave foi o seu financiamento, por iso se incorporaron diversos beneficios de diversas freguesías do Bierzo e Ourense, mediante sucesivas cartas de anexión á colexiata. Como sempre nestes casos, os señores achegan cartos, mais son os vasalos e fregueses os que máis sufren este tipo de novidades institucionais. Velaí a conflitividade derivada destas relaciois sociais desiguais.



A colexiata ten asignados territorios propios. Este é o caso da terra da Somoza, onde o cabido xeral da colexiata é señor xuridicional. Por iso nomea os seus meirinos que executan a xustiza señorial. Mentres que os cargos locais (rexidores e pedáneos) son elixidos polos concellos rurais. Tamén na localidade de Pradela tiña fortes intereses económicos segundo a documentación histórica. En 1557 denunciou un roubo de pan e centeo, destinado a pagar diezmos, dos hórreos señoiais por parte de veciños de Pradela. Isto non empece que a dita colexiata se alie cos seus veciños na desputa polos lindeiros con Perexe, dependente do hospital do Cebreiro (1676).

A colexita de Vilafranca tiña importantes ingresos dos foros agrarios. O cobro destes deu orixe a frecuentes conflitos sociais. Sonado foi o preito entre veciños de Arganza e a colexiata por impago de certo foro do casal dos escudeiros. Incluso a colexiata recusou ao correxidor de Ponferrada, na execución da sentenza, porque opinaba que tiña amizade coa outra parte (1591).  Tamén houbo que procurar o abeiro da xustiza para recuperar términos ocupados en Teixeira (1588). Os diezmos cobrados aos fregueses bercianos eran mui cobizosos polos poderosos. O cabido da colexiata desputa co arcediano do Bierzo polos de Pradela e Soutelo, reclamando a súa propiedade (1554).


    

Por suposto, Astorga non aceitou ben esta exención eclesial forzada dende Vilafranca (nullius diocesis) no seo do seu bispado. Os problemas territoriais comezaron de inmediato, velaí o intento de visita do bispo e a posterior concordia de 1538. No século XVII continúan os preitos, o que obriga a intervir ao propio correxidor de Ponferrada (1665), representante real na provincia do Bierzo, xa que o alcalde maior de Vilafranca e o abade da colexitata se negaron a entregar executoiais gañados no tribunal da Rota, e incluso meten na cadea ao fiscal de Astorga demandante dos papeis.

Os problemas xudiciais entre ámbalas instituciois continúan no XVIII, segundo Memorial do preito datado en 1776. Do seu contido salientamos o alegato astorgano, “estando como está la dicha villa de Villafranca en medio de este obispado, si se segregase y apartase del, sería de gran confusión y hacer un refujio de todos los eclesiásticos díscolos, con quien no se puede valer el obispo para corregirlos y enmendarlos, porque todos se recojerían a la nueba diócesis de Villafranca y en conclusión fue destruir este obispado, erigiendo allí una Babilonia” (rvta. Bierzo, 2000). Coma en todos os longos preitos da Idade moderna, o Decreto da Cámara real non chegaría até 1795 para pacificar temporalmente a situación.



As reformas liberais do século XIX afectaron tamén á Igrexa. Houbo debates políticos sobre a supresión de instituciois eclesiais menores. Por iso o concello de Vilafranca protestou ante Cortes sobre o ruxerruxe de supresión da súa colexiata. Así, “el ayuntamiento recordaba también la necesidad de restablecer la provincia de Villafranca del Vierzo, como lo acordado por las Cortes en 27 de diciembre de 1822, en cuyo caso debería erigirse allí silla episcopal, haciéndose por lo tanto indispensable la conservación de dicha colegiata, y pedía a las Cortes se sirvieses acordala” (Diario de sesiois, xullo de 1837).

Por desgraza, o Concordato de 1851 fixou a supresión das colexiatas en España. A de Vilafranca pasou a ser sinxela igrexa parroquial, coma aconteceu coas de Toro e Ribadeo. Depois a bula Quae Diversas (1873) estableceu que as freguesías bercianas de Lugo e da antiga colexiata se integrasen na diócese de Astorga. Así anexionaron as parroquias da Somoza, Valcarce, Barxas, Valboa, val do Selmo, A Cabreira e otras de Valdeorras. As freguesías bercianas dependentes de Santiago de Compostela tamén foron segregadas en 1895, a saber, Busmaior, Trabadelo, Parada de Souto e Soutoparada. Esta política eclesial afectou negativamente ao uso institucional da lingua galega dos fregueses que foron castelanizados. Ademais resulta grave comprobar que hoxe poucos coñecen esta peculiar historia eclesial do Bierzo que non consta nin nas páxinas web dos concellos afectados.

O Bierzo, maio de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, abril 02, 2025

A VIAXE POLAS RIBEIRAS DO SIL PARA OURENSE

libro El Bierzo provincial 


A VIAXE POLAS RIBEIRAS DO SIL,

Por Xabier Lago Mestre.

Na estación do ferrocarril de Ponferrada hai movemento. Dous trens agardan a partida, un para Castela e outro a Galicia. O moderno para Madrid, o vello rexional para Ourense. Escasos viaxeiros esta mañá primaveral e fría principian ilusionantes viaxes. Partimos cara ao oeste pola chaira do Bierzo, mentres a ámbolos lados xorden as plantaciois de maceiras. Xa en Viladepaos e Toural dos Vaos se sente a humidade dos seus ríos, Cúa e Burbia. Non para no apeadoiro da Barosa, saída da veciñanza da terra de Aguiar. Baixamos para o estreito de Covas, entre túneis e pontes, mentres rachamos a serra da Enciña da Lastra. A parada de Quereño é tamén a da Ponte Domingo Flórez e foi da emigración de tódala baixa Cabreira.

                Xa na Galicia xorden os encoros de Pumares e Casoio. A Carballeda ao sul e Rubiá para o norte. Sobradelo louxeiro recíbenos. A seguir, O Barco de Valdeorras, a nova capital xa que a anterior foi O Castro no perto outeiro. Eíquí baixan e suben viaxeiros con ganas de sonos rotos. A aldea de Valencia do Sil lémbranos a máis lonxana Valencia do Minho en Portugal. Xa estamos na estación da Rúa. Cara a Petín atopamos a vella ponte da Cigarrosa, aquela que lindaba a fin da antiga provincia de Vilafranca do Bierzo. Mágoa do encoro de san Martiño que asolagou as terras máis produtivas por mor do progreso foráneo.



                Montefurado cuxo nome xa o di todo. Onde os romanos explotaron o seu ouro depois de trocar o cauce do río Sil. Entre estreito val ribeiro seguimos para Soldón onde atopamos o encoro de Sequeiros. Uns quilómetros aló, a localidade de Quiroga, capital desta comarca ben montañosa do Courel. A estación está en Soldón e alonxada a dita vila que garda un bo museo etnográfico. Nesta parada as vellas locomotoras a vapor fornecíanse de auga e carbón para o resto do duro camiño de ferro tan costo.

                Axiña deixamos a ribeira do Sil, onde chaman Augas mestas, para agatuñar polo río Lor en direción norte, polo val limitado pola serra da Auga levada. Polas ladeiras pequeñas aldeas sobreviven, Quinta de Lor, Vilar de Lor e Barxa de Lor. A estrada N120 e o ferrocarril compiten paralelos polo mellor treito até A Pobra de Brollón. Agradecemos a chaira de Lemos, depois de tanta alta montaña e angostos vales. Monforte é antiguo nudo ferroviario de grandiosa estación. Nesta capital comarcal paga a pena baixar para desfrutar da súa zona vella, o castelo, o escorial galego ou colexio dos escolapios, o museo do ferrocarril, etc. Mais non temos tempo, o xusto para que o condutor do tren mude de cabeceira motora, xa que agora imos para Ourense dende a cola.



                Retomamos a marcha e veloz corremos pola ribeira do Cabe até atopar o encontro de novo co poderoso río Sil en santo Estevo do Sil. Os montes de san Paio afastan as paralelas ribeiras do Cabe e do Miño. Na locaidade dos Peares xorde o enfrontamento histórico entre os ríos Sil e Miño. Os bercianos recordamos o dito popular, “O Sil leva a auga e o Miño a fama”. Ámbalas correntes contrarias baten con forza alí abaixo para demostrar as súas forzas hídricas.

                Maís adiante atopamos un río Miño cada vez máis largo e aberto. As súas ladeiras están cheas de fermosiñas aldeas penduladas, Viñoás, Carracedo, Caballeira, Meliás a ambolos dous lados (san Miguel e santa María), Vilariño e Velle. Os primeiros barrios de Ourense xa están eiquí. A cidade das burgas, polos seus mananciais de auga quente, sempre ten sido mirada con envexa polo Bierzo. Todo porque acadou o tren de alta velocidade que pasou de longo da nosa rexión.



A cidade do ouro ou das pontes porque dende logo non lle faltan. Dá gosto pasear polas súas verdes ribeiras e cruzar a ponte romana. Ao lonxe a ponte do Milenio coma símbolo da modernidade do século XXI. Velaí as letras turísticas de OU para a túa foto publicitaria. Percorremos a burguesa rúa do Progreso para acadar a sede da Deputación, a Alameda do Concello, o mercado de abastos e mailas Burgas. Logo subir para a praza do Concello e maila catedral de san Martiño. Mais tamén nos gusta o modernismo de hoxe, polo leste da cidade. Ver o complexo cultural do arquivo provincial, a biblioteca provincial Nós e mailo auditorio coa estación do AVE, na zona da avenida Trevinca.

Se tomamos cara ao norte, atopamos o campus universitario da Auga, á beira da estrada OU-536, cheo de zonas verdes, facultades e instalaciois deportivas. Dende eiquí de novo para o centro de Ourense, na busca da súa avenida da Habana. Repouso no parque de san Lázaro, e tirar unha foto co satírico moneco do Carrabuxo. No xantar que sexan bos alimentos naturais de Galicia. Non hai tempo para máis, collemos a ponte nova camiño da vella estación de Renfe, onde nos recibe unha antiga locomotora de vapor que resiste o paso do tempo. Que boa idea xuntar as dúas estaciois, ferroviaria e de autobuses, tan a man. De volta para o noso Bierzo que lonxe agarda collemos o rexional da tarde.

O Bierzo, abril de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

O DIAZO DA BANDEIRA DO BIERZO.

libro El Bierzo provincial


DÍAZO DA BANDEIRA DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Cada 14 de abril celebramos o Diazo da bandeira do Bierzo, chamada popularmente Cruceira. Recordamos que foi nesa data do ano 2000 cando o Consello comarcal aprobou de maneira oficial o deseño da nosa bandeira territorial. Os políticos por fin decidiron institucionalizar un símbolo do sentimento coletivo berciano. Recordamos que ese fito do recoñecemento político tivo un longo proceso de identificación social progresivo e de negociación previa.

                Por suposto que na historia do Bierzo houbo antecedentes dos chamados pendois. Entre eles salientamos os dos templarios, os grandes señores (Lemos, Vilafranca, Bembibre, etc) outro tanto cos eclesiásticos (bispados, mosteiros, freguesíase e confrarías), ademáis dos das vilas, gremiais e comunais de centos de localidades. A título de exemplo, o escritor Balbino Alvarez de Toledo escribiu sobre os pendois de Vilafranca (1747), de san Sebastian, da Somoza (1714) e Valcarce, xa desaparecidos.



                A provincia do Bierzo, durante o Antigo réxime, tivo a representación do pendón real. Esta enseña tiña os escudos da Coroa e de Ponferrada en ámbolos dous lados. O cargo local de alférez maior era quen levaba este pendón nos actos oficiais, onde destacaba a promulgación dos novos reis, coma no caso do berro coletivo a prol de “Ponferrada, Ponferrada y su provincia por don Fernando VI (1746). Este acto popular era a forma de amosar a aceptación do novo rei polo Bierzo, representado pola vila reguenga de Ponferrada.

                O chamado pendón de Ponferrada ou de lanzas (coa cruz de san Andrés) foi recuperado. Os historiadores levan a súa orixe até as guerras napoleónicas (1812). Existe este pendón antiguo no museo do Exército cunha estampa na que podemos ler “en la villa de Ponferrada venera por su patrona la provincia del Bierzo con el título de la Encina”. Incluso a tradición popular berciana, através do romance de María Manuela, nos recorda “del antiguo arcón de sándalo sacaré el Pendón de Lanzas, con la cruz de san Andrés, en los bordes estampada que ondeará puesta en un mástil a los vientos tremolada, porque vea Bonaparte”. Semella que daquela guerra invasora se reforzara o bercianismo patriótico.



                No tempo da provincia de Vilafranca non houbo tempo de debater sobre a bandeira cando había tantos problemas (militares, políticos económicos, etc). Por iso tivemos que  agardar até a chega da democracia para que voltara a necesidade de representación berciana coa nosa bandeira. A branquiazul tivo diversos adeptos entre os deportivistas, políticos independentes e bercianistas. Agora ben, esta bandeira bicolor non tivo o apoio debido por parte dos partidos de esquerda porque simbolizaba xa o bercianismo político co cal competía eleitoralmente. Velaí que o psoe de Ponferrada intentara promocionar sen éxito esa bandeira bicolor mais colorada (1981).

                Pasaban as décadas e a bandeira branquiazul seguía cosolidándose a nivel deportivo, nas pintadas anónimas, sinais de tráfico, etc. O Consello comarcal tivo que tomar a decisión definitiva coa bandeira do Bierzo. Foi en 2000 cando o pleno comarcal aprobou a nova bandeira oficial. O deseño definitivo e de consenso consistía na branquiazul popular coa aspa colorada. En fin a mestura entre a bercianista e a histórica (san Andrés). Así todos ledos, os partidos de esquerda tiñan a súa cor colorada, coma o leonesismo, a dereita mantén o azul, coma os bercianistas e galeguistas.



                A declaración de bandeira oficial ten sido o pulo definitivo para a súa divulgación social e política. Podemos ben dicir que non hai outra bandeira comarcal que conseguira tanta aceptación social en España. Hai bandeiras provinciais que só se ven nos balcois das súas deputaciois mais que os cidadaos non usan para nada. Incluso a Cruceira compite coa bandeira de León en difusión, a leonesa no Bierzo non se ve por ningures. Non pasa o mesmo coa nosa bandeira Cruceira tan presente nas manifestaciois de todo tipo (mineiras, sanitarias, económicas, ferroviarias, educativas…) e deportivas (fútbol, baloncesto, hocquei…). Todo tipo de coletivos, empresas, asociaciois, clubes, etc utilizan a bandeira para demostrar súa identificación co Bierzo.

                A bandeira Cruceira é o maior símbolo de integración social máis aló das diferenzas políticas ou localistas. Ademais vén ser unha marca territorial que nos identifica fronte a otras rexiois veciñas (León, Galicia e Asturias). Mentres que outras comarcas lindeiras quedan agochadas paseniño, casos de Valdeorras, Laciana, Maragatería… O Bierzo cada día é máis coñecido e distinguido. A isto tamén contribúe a Cruceira, símbolo social, territorial, turístico e dixital. Si, nas redes dixitais a nosa bandeira viaxa por todo o mundo adiante. Xa se sabe, quen non se ve na internet non existe!.

O Bierzo, abril de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es