miércoles, mayo 28, 2025

A TOPONIMIA HÍDRICA DO BIERZO



A TOPONIMIA HÍDRICA DO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

A rexión natural do Bierzo ten unha ampla rede hidrolóxica ben diferenciada da conca fluvial da chaira de Castela e León. Nesta ocasión faremos mención á toponimia hídrica do noso territorio. De seguro que muitos van abraiarse do que se pode dicir deste tema. Principiamos polo grande río Sil. Este artella o resto da rede fluvial xa que todos lle tributan as súas augas. Máis curioso é dicir que o río Sil sempre está a medrar en lonxitude. Referímonos a que as súas augas están erosionando as terras chairegas, casos de Alto Sil, Boeza e Cabreira. Ao circular o río Sil por cotas máis baixas cás da chaira castelá hai un proceso paseniño de escarvar en terras lindeiras e foráneas.

                Outro dato curioso é que cando chegaron os romanos ao Bierzo para luitar cos astures de seguro que o río principal da zona era o Sile, así escriturado nos documentos medievais máis antiguos. Posiblemente, coa constitución da capital de “Lucus augusti” o nome do río principal de Gallaecia foi o Miño que curiosamente pasa pola cidade de Lugo. Mais sabemos de sempre que “O Sil leva a auga e o Miño a fama”. Ben coñecemos do protagonismo do Bierzo, de Valdeorras, Quiroga e da Ribeira Sacra, sempre irmanás co noso río Sil.



                Non podemos pasar por alto a importancia dos otros ríos, o Boeza, o Cúa, o Ancares, o Burbia, o Valcarce, o Selmo, o Cabreira, ademais doutros menores. Concas fluviais particulares que deron lugar a territorios con especificidades, políticas e institucionais. Recordemos o señorío de Bembibre no Boeza, o señorío de san Pedro de Montes en Valdoza, gobernación da Cabreira no marquesado, meirindades de Aguiar e Valcarce, abadía de Compludo, real val de Ancares, etc. Porque as ditas concas hídricas están delimitadas por serras e cordais que favorecen a súa diferenciación cos territorios veciños. Velaí a importancia das ditas xurisdiciois locais devanditas sobre o provincialismo berciano na Idade moderna. Un veciño sentíase máis do Valcarce, de Bembibre, de Ancares ca da provincia do Bierzo. Mais coa reforma provincial e municipal do liberalismo decimonónico todo iso foi a desaparecer.

                Voltamos á toponimia hídrica para recordar a importancia das pontes no desenvolvemento e localidades. Temos Ponferrada, coa súa ponte ferrada e tributaria,  Pomboeza, san Andrés das Pontes ou A Ponte de Domingo Flórez co seu protagonismo persoal. Compre ter en conta outras pontes de importantes vías de comunicación, en san Román, Cubelos, Cacabelos, Vilafranca. Cando non se cobraba polo seu paso, de persoas, gando ou mercadorías, había que pagar pola súa reparación dende lonxanas terras, casos das ciudades galegas e castelás.



                Os ríos tiñan outras pontes menos salientables. Son os pontelos e pontigos de madeira de muitas localidades rurais bercianas. Feitas polo traballo comunal da veciñanza servían para paso de persoas, gandos e carroaxes. Algún pontelo tamén tiña funciois de acuedutos para levar augas á outra vertente, caso dos lameiros e pradoiros de pasto.  E xa que falamos do transporte de auga, foi esencial nos meses cálidos a faceira comunal dos canles. Consistía en limpar o traxeto das vellas canles de auga dende as fontes e mananciais, e levala até as localidades para o consumo humano.

                Os ríos eran ben traballados para evitar as enchentas e regular os regos comunais. Por iso a veciñanza facía banzaos naturais coa mestura de troncos, ramaxe, pedras e terras. Cos banzaos e encoros podía estancarse a auga fluvial e desviala para as canles de rego. Os concellos rurais fixaban as quendas cos seus tempos de rego de cada veciño. No Bierzo chairego houbo   comunidades de regantes, casos de Vilafranca, Ponferrada, Cacabelos, etc. Outras canles ian para os muíños comunais (de herdeiros) ou particulares, onde tamén había veceiras para a moenda dos cereais. Velaí o desfrute dos tempos de espera coas muiñeiras, eses bailes que chegan até hoxe con grande vitalidade.



                Nos diversos ríos, regueiros, arroios, canles, etc existían peculiares ecosistemas sen igual, cos salgueiros, freixos, umeiros, loureios, sabugueiros, etc que establecían colonias vexetais formando galería, e que creaban topónimos hídricos. Mentres no interior dos ríos existían as pozas onde se bañaba a rapazada nos meses estivais. Pozas que eran nomeadas polos veciños, en Vilafranca, O Cabalo, A Burra de Pelao, san Quintín, O Sapo, As Veigas, A pena Rachada, etc.

                Onde non había pontes existían vaos, eses lugares de pouca profundidade e que permitían o paso de persoas, gandos e carros. O de máis sona é Toural dos Vaos, onde se mesturan as augas do Burbia e Cúa. Mais tamén houbo en Ponferrada nas ribeiras do Sil e Boeza, viables nos meses de estío.

libro El Bierzo provincial

                Sen pontes habían de recorrer a barcas, casos da zona de san Blas en Ponferrada, barca que era arrendada mediante concurso público para o paso do Boeza no século XVIII. No Barco de Valdeorras tamén tiñan porto e barca para pasar o Sil até Viloira. Convén eiquí traer a colación que o topónimo O Barco non ten relación coa existencia da dita barca. Na conca do Sil é mui común o topónimo Barco é semellante a Bárcena do Río (localidade asolagada polo encoro), Bárcena da Abadía, etc. Todos eles fan referencia a val con río entre montañas.

                Unha derivada dos topónimos hídricos son os regueiros e fontes. A súa presenza era necesarias para a vida de humanos e animais. Loxicamente deron orixe a localidades rurais, casos de Rodrigatos das Regueiras, Pobradura das Regueiras, Fonte de Oliva, Fombasalá, Campo da Auga, A Lagoa xunta Galicia, etc. Non podemos rematar sen recodar as ferrarías do Bierzo. Nelas quentaban mineral de ferro que podía vir de lonxe, en carros de bois dende Formigueiros do Courel. Logo se moldeaba o metal para facer utensilios varios (apeiros, ferramentas…). As ferrarías bercianas necesitaban dos caudais dos ríos e localizábanse no ocidente do Bierzo, salvo as de Valdoza, Cabreira e Compludo. Aínda temos o topónimo As Ferrarías de Valcarce. A industrialización posterior foi unha dura competencia económica que trouxo a crise para estas pequenas ferrarías rexionais.

 

O Bierzo, maio de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, mayo 19, 2025

O BIERZOGAL DIXITAL

 Libro El Bierzo provincial.


O BIERZOGAL DIXITAL,

Por Xabier Lago Mestre.

O idioma galego tivo un uso maioritario no Bierzo. Os seus falantes usaron esta lingua no medio rural, nas aldeas e vilas, nas familias e veciñanzas. Mais houbo certos feitos políticos que trocaron estas dinámicas lingüísticas. Así, trala derrota do conde de Lemos en 1486, fronte os Reis católicos, principiou un proceso de castelanización, fomentado pola chegada de oficiais castelaos (correxidores, rexidores, escribáns, notarios, etc). Xa no século XX, hai que salientar o desenvolvemento do capitalismo industrial no Bierzo. A oferta de empregos, públicos e privados, foi a chamada para muitos traballadores de Galicia, Asturias e Andalucía que poboaron os novos centros mineiros. Estes procesos favoreceron o medre do castelán de xeito progresivo até o día de hoxe.

                Xa no século XXI vivimos con normalidade a dixitalización da sociedade, administración, educación, etc. Por suposto, os diversos poderes (políticos, económicos, etc) fomentan as linguas de maior número de falantes (español, inglés…), para favorecer a súa expansión e a redución de costos de comunicación. Mentres tanto as outras linguas son minorizadas. Este é o caso do noso idioma galego do Bierzo. Abraia que os políticos valoren máis protexer unha ermida, unha grande árbore ou un tañido de campás, mais non queren saber case que nada da lingua tradicional dos galegofalantes do Bierzo.



                Hai unha falta de proteción legal axeitada do idioma galego. Non é abondo a mención parcial desta lingua no Estatuto de autonomía de Castela e León. Segue haber discriminación cos galegofalantes do Bierzo por non recoñecer maiores dereitos lingüísticos. Velaí a reación dos propios falantes para manter viva a nosa lingua discriminada. Un exemplo disto sería o seu uso lingüístico coa dixitalización. De todos é sabido que os medios de comunicación tradicionais (xornais en papel, radios e televisión) non favorecen o uso do galego. Por iso, internet abre a porta para as linguas minorizadas. Hoxe varios dixitais bercianos permiten o uso do galego, feito que favorece unha maior liberdade de expresión dos seus leitores.

                As variadas redes sociais son unha alternativa aos medios de comunicación tradicionais para atopar información polos internautas. Os galegofalantes estamos nas variadas redes sociais dando protagonismo ao noso idioma acotío. Con total normalidade compartimos comunicación nun contexto bilingüe (castelao/galego) para enriquecer a cultura plural do Bierzo. O galego xorde nos videos, fotos, memes, comentarios, etc. Esta dinámica de uso bilingüe favorece a convivencia cultural e a sociabilidade con total normalidade. Atrás restan aqueles rexeitos iniciais porque un internauta se expresaba en galego cando a maioría facía os seus comentarios en castelao.



                Certa clase intelectual e cultural non ten sabido defender o idioma galego do Bierzo. Tamén instituciois culturais e universitarias pasan do galego. Estas dinámicas ben poderían ser cualificalas como antibercianas e antigalegas. Sen embargo, os falantes toman o protagonismo cando usan o seu idioma nos medios de comunicación coma as redes sociais. Bastante ten isto de resistencia cultural e protesta social por parte dunha minoría lingüística asoballada. Aquelas ditas instituciois non se interesan pola historia, a filoloxía ou a etnografía cando ten relación co idioma galego do Bierzo, tan foráneo para a defesa dos seus intereses ideolóxicos.

                Tamén hai que dicir que a nosa lingua galega ten boas posibilidades de futuro. Primeiro, a conciencia bilingüe medra na sociedade porque coñecer idiomas favorece a educación, atopar traballo, a comunicación, etc. Segundo, o galego tradicional do Bierzo ten continuidade lingüística en Galicia e Portugal. Estes usos idiomáticos foráneos favorecen a aprendizaxe do galego no Bierzo. Non cabe dúbida que a funcionalidade lingüística é básica para o futuro idiomático. Así caen as fronteiras administrativas, fixadas por algúns políticos foráneos no Cebreiro e Covas, e que tratan de impoñermos. Internet achéganos ao galego e portugués de novo tras séculos de illamanto forzado. Galicia e Portugal supoñen o prestixio para a nosa lingua tradicional. Ben o sabemos cando viaxamos a Galicia e falamos galego, ou cando visitamos o país luso e comprendemos tan ben a súa lingua escrita. En ámbalas dúas zonas sentímonos coma na nosa casa por mor do noso idioma común. Así se combaten os complexos de inferioridade secular dos galegofalantes, coa galeguidade peninsular e maila internacionalidade da lusofonía. Mentres outros nos censuran idiomáticamente, na internet temos un novo espazo para exercer a nosa liberdade de expresión.  

O Bierzo, maio de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, mayo 12, 2025

A CONFLITIVA CIDADE DO DOLAR

Tu libro EL BIERZO PROVINCIAL  


A CONFLITIVA CIDADE DO DÓLAR,

Por Xabier Lago Mestre.

Inténtase recuperar a memoria coletiva da vella Cidade do dólar, así coñecida durante as décadas de mediados do século XX, por mor do desenvolvemento mineiro e industrial de Ponferrada. Todos ben sabemos do crecemento urbano da zona centro, tamén dos barrios periféricos, casos de Flores del Sil, Columbrianos, Compostilla, estación Renfe, poblados mineiros de Msp, etc. A cidade tivo de golpe que enfrontarse con novas situaciois de todo tipo que provocaron problemas económicos, de vivienda, urbanismo, de salubridad, ecolóxicos, sociais, etc. Así pois, non todo foi positivo na chamada Cidade do dólar.

Comezamos por enriba coas cuestiois políticas. O réxime da ditadura mandaba con man de ferro sobre os cidadaos. Polo tanto a sociedade berciana non estaba articulada en organizaciois diversas (veciñais, culturais…), capaces de representar e defender intereses coletivos. Seguía moi presente a división interna entre os vencedores da guerra civil e os vencidos, sen capacidade de diálogo político.  Os primeiros controlaban os escasos medios de opinión pública, Proa de León, Promesa e radio Juventud de Ponferrada.



A ampla oferta de traballo, trala instalación do capitalismo industrial e mineiro na rexión do Bierzo, favoreceu a chegada masiva de xente de fóra (galegos, andaluces, asturianos…). Estes tiveron o problema de aloxamentos axeitados. A toda présa houbo que facer vivendas en Ponferrada e nos barrios periféricos. A alta demanda de vivendas provocou a alza dos seus prezos, tanto de compra coma de alugueres. A isto hai que engadir a falta de urbanización axeitada dos novos barrios obreiros, sen saneamento, nin alumbrado ou pavimentación. Así pois, todo isto foi caldo de cultivo para as protestas veciñais sempre soterradas que evitaban problemas políticos. Tampouco faltou a competividade entre traballadores nos cantares populares, “mineiros toupeiros, ferroviarios viaxeiros” que procuraban dignificar unhas profesiois fronte a outras.

A industrialización trouxo tamén consecuencias negativas. Contaminación atmosférica polas centrais térmicas de Msp e Compostilla I. Ademais os ríos baixaban negros polos efeitos nefastos do lavado dos carbones e de botar os chamados estériles ou menudos. Contaminación mineira imposible de permitir na actualidade coa mentalidade coletiva ecoloxista. Os veciños máis vellos do barrio da Placa de Ponferrada aínda recordan outro grave problema. Trátase de rotura das grandes balsas negras que había na zona das vías de Renfe, xunto aos cargadeiros de carbón e mailas industrias de elaboración de produtos derivados dos carbois. Pois ben, cando había fortes chuvieiras neses terreos, as augas baixaban pola pendente, desbordaban as balsas carboneiras, cruzaban as vías do tren, e arrastraban as augas negras para as rúas e vivendas da Placa. Ano tras ano houbo protestas mais os intereses industriais sempre prevaleceron sobre os da sufrida veciñanza.



Cidade do dólar pola cantidade de diñeiro circulante. Houbo muito esforzado traballo e ganas de desfrutar da vida gastando os sufridos cartos dos salarios. O centro da cidade estaba cheo de lugares onde pasalo moi ben. Tendas de roupa, bares, hoteis, cabarets, etc. O réxime político tiña de facer a vista gorda ante certos comportamentos sociais pouco morais. Desnudos nos cabarets, estafas nos xogos de mesa, perdas desmesuradas coas chapas, etc. Como é lóxico había diferenzas sociais que se manifestaban nos centros de lecer. Velaí o Casino da rúa Reloxo (da burguesía e comerciantes) e a Sociedade de socorros mútuos (dos obreiros), na zona vella da cidade. Mentres tanto a mocidade procuraba a súa diversión. Os da zona alta botaban pedras, dende a esplanada do Moclín, aos de abaixo, que se situaban na beira do río Sil en Navaliegos. Tratábase das dúas bandas xuvenís, coñecidas coma merengues (polo branco da súa ropa limpa) contra os hebreos ou xudeos pobres do barrio da Pobra.

A contorna de Ponferrada tamén tivo conflitos coa capital industrial. As localidades veciñas sufriron os efeitos do seu centralismo político e económico. A urbe necesitaba dos abastecementos alimentarios de fóra. Mais había que pagar taxas para meter produtos rurais polos chamados fielatos. Na ponte de Ferro, no Plantío e na ponte Boeza estaban os postos de control. Por iso era fácil escuitar as coplas do cancioneiro, “Ponferrada, alto! paga o fielato”. Mentres tanto os labregos e gandeiros sorteaban os vaos do Sil e Boeza cos amanceres, para evitar os gravosos pagos desas taxas municipais.



As localidades veciñas tiveron que competir en desvantaxe con Ponferrada porque pasenino os seus habitantes querían traballar e vivir na urbe e abandonaban o medio rural. Atrás quedaban aqueles intentos de Columbrianos e Toural de Meraio de ser municipios independentes (fines do século XIX). Agora Los Barrios de Salas e san Esteban de Valdueza luitaban por sobrevivir, por desgraza máis tarde perderían a súa independencia institucional.

Coa nova Cidade do dólar non se podía competir. As diferencias históricas entre Vilafranca e Ponferrada quedaban mui atrás. Agora a capitalidade de Ponferrada era incuestionable co desenvolvemento industrial, mineiro e urbano. A vila do Burbia só podía ofrecer a súa oferta vinícola, froiteira e madereira. Velaí a copliña antiga, “Vilafranca marquesal, Ponferrada máis real”, onde se enfrontan ámbolos dous pasados históricos, mais onde prima a realidade da Cidade do dólar. Outro tanto acontecía coa vila de Bembibre, “Bembibre está triste, Ponferrada que gozada”, non sabemos se esta derivada vén da rivalidade entre o Atlético de Bembibre e maila Ponferradina. Máis coñecida era a cantiga, “Ponferrada se quema, Molina llora porque no se quema la villa toda”. A superioridade dos ponferradinos manifestábase en “xa están encima as festas da Encina, xa veñen os tontos de todos os pobos”.



Para rematar, non podemos pasar por alto o poder da Igrexa, vella aliada do poder político franquista. A catolización de Ponferrada trata de impoñerse nos sectores mineiros e obreiros para apaciguar as súas demandas sociais e laborais. Así refórzase a imaxe da Igrexa coas súas novas construciois nos barrios de san Pedro e san Ignacio, cuxo campanario semella competir cos tañidos da mesma basílica da Encina. Outra manifestación do poder eclesial é a supresión dos mercados tradicionais dos domingos que pasaron por mandato municipal aos sábados coma hoxe.  A Igrexa local soubo fomentar a festa da patrona da Comarca co seu Diazo do Bierzo, o 8 de setembro. Dende logo que esta celebración era secular mais agora conseguía un novo sentido político sen igual para a formación da conciencia coletiva rexional.

O Bierzo, maio de 2025.  


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es