jueves, mayo 09, 2024

ESA CULTURA PROVINCIAL LEONESA

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


ESA CULTURA PROVINCIAL LEONESA,

Por Xabier Lago Mestre.

            A Deputación de León vén realizar unha política cultural desde a súa creación en 1833. Esta longa historia provincial ten graves carencias para muitos. Referímonos a que esa atividade cultural secular pasa muito da presenza de todo o referido ao  galego do Bierzo. Case que podemos ben dicir que ignora a cultura galega da parte da cidadanía provincial. Cantos actos culturais, organizados pola Deputación, teñen sido en galego desde 1833? Cantos libros foron editados en galego? Cantos artigos en galego xorden nas súas revistas, casos de Tierras de León e Feje?.

            Seguimos a agardar a edición dos cadernos pedagóxicos para escolares, do Instituto leonés de cultura, sobre a presenza secular do idioma galego no Bierzo. Iso si, que non volten a falarmos da confusa terminoloxía ideoloxizada, casos de galegoleonés, berciano ou diversas falas locais segundo os diversos vales veciños. Non queremos que nos fagan igual que en Asturias, que sempre que poden negan o galegoasturiano para falar do eonaviego máis localista. Porque non van confundirnos máis, os bercianos temos claro que falamos lingua galega, a mesma que na Galiza, asumindo a dialetización territorial secular e a normativización de hoxe. Que saiban  que nesta réxión estudamos sen problemas tanto galego coma portugués (Bembibre, Villablino e Ponferrada), idiomas irmaos de grande presenza internacional. Que para nada queremos illarnos por mor dunha política cultural foránea de restauración de falas locales.



            Non se entende que a Deputación de León teña unha atitude histórica tan pasiva coa lingua galega do Bierzo. Só podemos dicir que hai unha clara política cultural antigalega que chega até hoxe. Salvo o Día do galego no Bierzo (9 de marzo), cando un representante do dito Instituto leonés diserta en galego para demostrar o seu apoio á nosa cultura berciana, por iso financia parte dese acto cultural (premios escolares Antonio Fernández y Morales). Xa sabedes! Vén ao Bierzo a facerse a foto para publicala na súa rede social X, coma xustificación da súa persoal política.

            De cando en vez imos para León a visitar a nova biblioteca do Instituto leonés de cultura. Na última ocasión fixemos doazón do libro “El Bierzo provincial”. Pois ben, depois dun mes desde a entrega, comprobamos que aínda non consta no catálogo eletrónico dos seus libros. Por pura lóxica, chamamos á dita biblioteca para saber de tal ausencia. A información que nos dan é que non hai espazo para amosar dito libro ao público. Curioso! Entón, para qué reformaron o edificio do Instituto leonés de cultura?. Agora resulta que non teñen espazo físico tralo importante gasto de modificación do centro cultural. O máis abraiante é que tampouco consta a presenza do libro “El Bierzo provincia”, de Miguel García González. Será que non contan con presuposto abondo para mercar libros bercianos provincialistas?. En fin o provincialismo berciano non ten cabida aínda no dito centro provincial leonés. Non vexamos mala intencionalidade política.



            Aínda recordamos cando na década dos noventa do século XX doamos libros en galego para o bibliobus da Deputación de León que percorría as localidades do Bierzo. Daquela, o funcionario que recolleu a nosa doazón de libros en galego para escolares amosou certa sorpresa por aqueles raros exemplares. Non sabemos se por estar escritos en galego ou polo noso altruista xesto. O certo é que aquel bibliobús non tiña anteriormente nin un libro en galego, a lingua familiar e tradicional de muitos dos seus leitores do Bierzo ocidental. Non debería a Deputación leonesa mercar libros en galego para as bibliotecas municipais do Bierzo?.  

            Neste século XXI non se pode entender que os galegofalantes do Bierzo teñamos que agardar as migallas económicas que nos ofrecen a Deputación de León e Junta de Castela e León para a promoción do noso idioma. Quen pode cavilar en que as políticas culturais destas instituciois van promocionar a nosa lingua. Esas dúas administraciois miran polas súas linguas, castelán e leonés, por pura lóxica política rexionalista. Para eles o galego non representa un compromiso político sentido, só unha obriga legal foránea, polo mandato do Estatuto de autonomía de Castela e León (artigo 5). Mais a xustiza política vai por outro vieiro. Debería ser o Consello comarcal do Bierzo quen detentase a competencia de fomento do galego, sen intervenciois alleas (nin Deputación nin Junta). O Consello comarcal é a administración máis cercana (principio de subsidiaridade), en contacto direto cos cidadaos galegofalantes. Qué pintan xerarcas de León e Valladolid facendo política cultural a prol do galego? Executemos a lóxica política fronte a imposiciois alleas.

O Bierzo, maio de 2024.  



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es