O DISTRITO BERCIANO APARTE
O DISTRITO BERCIANO APARTE,
Por Xabier Lago Mestre.
A rexión natural do Bierzo xorde
ben delimitada por mor das serras que arrodean a conca hidrolóxica do Sil. Por
suposto, xa na Idade media a documentación variada deixa constancia da identificación
do noso espazo coma “territorio bergidense”. Velaí por exemplo a presenza do
chamado conde Gatón (século IX) que levou bercianos para repoboar “terras de
foris”, a saber, leonesas e zamorás. A profesora Margarita Torres ten ben
estudada a evolución do condado do Bierzo, no cal se integraban tenencias
menores coma Boeza, Ulver (Cornatelo), Valcarce, Cabreira, Ancares, Aguiar, Ribeira,
Ponferrada, Vilafranca, etc. Neste amplo territorio os seus dirixentes exercían
funciois gobernativas, fiscais, xudiciais e militares.
Na
baixa Idade media, a unidade territorial do Bierzo foi esnaquizada coa
delegación do poder real para os señoríos, tanto relixiosos (mosteiros e
bispados) coma laicos (Lemos, Luna, Bembibre…). Posteriormente, foron os Reis católicos
os que recuperaron o poder para a Coroa de Castela tras derrotar a revolta do
conde de Lemos (1486). O poder real reorganiza O Bierzo segundo os seus
intereses políticos. Por iso se crea o marquesado de Vilafranca e tamén a
provincia do Bierzo baixo o mando dos corrixidores. Nos sucesivos censos
fiscais da Idade moderna O Bierzo xorde delimitado coa dita provincia ou partido.
Este abrangue incluso a xurisdición da Somoza maragata ou o norte de Valdeorras
(o marquesado) e maila Cabreira. Esta provincia berciana serve coma espazo para
o exercicio de funciois gobernativas, fiscais, militares, económicas,
xudiciais, etc.
Por
suposto, esta provincia ou partido do Bierzo non era independente de León.
Sabemos da súa integración no chamado reino de León, da representación da
cidade de León en Cortes (tanto de Asturias coma do Bierzo), da presenza parcial
da xurisdición do Adelantamento xudicial
nos señoríos, tamén do poder dos intendentes leoneses sobre os corrixidores de
Ponferrada. Outro tanto dicimos do poder dos bispos de Astorga no Bierzo, aínda
que houbo outros poderes relixiosos competidores (colexiata de Vilafranca, bispado
de Lugo e arzobispo de Compostela).
Chega
a revolución liberal e derrota o Antigo réxime no século XIX. O novo poder
político reforma as instituciois e territorios para que sirvan aos seus
intereses. Suprímense os anteriores señoríos e créanse as provincias liberais.
Velaí a provincia de Vilafranca, totalmente independente da León, que inclúe as
comarcas de Valdeorras, Laciana e maila Cabreira baixa. Agora ben, a política
centralista posterior do réxime burgués remata finalmente coas tres provincias
máis pequeñas (Xátiva, Calatayud e O Bierzo). Posteriormente, os bercianos non
deixaron de reivindicar a recuperación da provincia histórica suprimida. Outras
reformas son a creación dos partidos xudiciais de Vilafranca e Ponferrada, para
apaciguar e dividir a ámbalas vilas, ademais de desmobilizar calquera
vindicación futura.
O
ministro Madoz recorda que en 1841 eliminan as subdelegaciois, caso de Ponferrada.
O reforzado centralismo de 1853 suprime diversas administraciois e depositarias,
aínda que manteñen a de Ponferrada de milagre. De novo en 1855, outro ataque! borran
o partido administrativo de Ponferrada. A provincia leonesa, nas últimas
décadas do século XIX, xorde dividida a efeitos fiscais con dous partidos, a capital
leonesa e Ponferrada. Este partido asume a xestión das contribuciois (inmobles,
cultivos e gandería), consumos, sal ou rentas estancadas. O Bierzo inclúe as
oficinas subalternas de Vilafranca, Bembibre e A Ponte domingo Flórez (1877).
O
centralismo liberal non ten piedade cos territorios periféricos. En 1890 tratan
de rematar coa audiencia de Ponferrada, finalmente se libra “por distar a más
de 14 leguas da capital de provincia”. Sen embargo, dous anos depois suprimen a
audiencia de Ponferrada. En 1894, a Deputación de León “solicitó la supresión
del expresado Correccional (de Ponferrada)”. A nivel educativo, os intitutos
quedan para as capitais de provincia, Ponferrada terá o seu en 1873, aínda que o
Goberno central suprime dito centro que pasa a ser un colexio (1888). Se
falamos da asistencia social, a Deputación de León suprime a Casa cuna de
Ponferrada en 1887, “al entender que aquella comarca podría servirse del Hospital
de Astorga”. Convén dicir que a terminoloxía máis aplicada ao Bierzo é a de
rexión (xornais, literatura, política…
O
século XX foi declaradamente centralista, pola influenza das ditaduras, o que
perxudicou ao Bierzo. En 1932 a Deputación leonesa suprime definitivamente a
Casa cuna de Ponferrada. Na capital provincial xorden museo, arquivo,
biblioteca, etc. A carcere do partido desaparece en 1968. Un ano depois o
Consello de ministros crea a Mancomunidade de municipios da Comarca de
Ponferrada. A Comarca do Bierzo xorde noutras muitas denominaciois de divisiois
territoriais ministeriais (Agricultura, Gobernación, Comercio…). Nada de
descentralización administrativa nin política.
Haberá
que agardar até a chegada da Democracia para retomar a reivindicación territorial.
A presión social e política conseguen a subsede no Bierzo da Deputación de
León. Esta institución, ante a despoboación rural da montaña, crea o distrito
eleitoral provincial para O Bierzo que inclúe Laciana. E en 1991 as Cortes autonómicas
aproban a Lei da Comarca do Bierzo, apesar da oposición leonesista ante os
perigos de desmembración da provincia leonesa e da imposición da lingua galega.
Abraidos! Os que piden a segregación da Comunidade de Castela e León, negan a
autonomía territorial parcial para O Bierzo.
Ao
longo deste rápido percorrido histórico temos visto como O Bierzo ten sido
recoñecido de diversas formas (condado, provincia, partido, rexión ou comarca).
Por iso semella xusto e lexítimo reclamar que O Bierzo teña o debido
recoñecemento da súa tradición institucional e territorial. Non se entende que
nos mapas administrativos ou turísticos, da Junta de Castela e León ou
Deputación leonesa, non se delimite claramente a presenza da Comarca do Bierzo,
a única de existencia legal. Será porque nin Castela nin León apostan xa polas
comarcas?. O Instituto leonés de cultura ten o seu “Museo de los pueblos
leoneses”, e a cidade de León outro “Museo de las tierras leonesas”. Curioso,
minorizan a cultura tradicional a nivel de localidades e indefinidadas terras
para evitar identidades comarcais históricas que cuestionen o poderoso
reino/provincia. Pola outra banda, para a Junta de Castela e León non hai
comarcas, nin na Lei do réxime local (1998), nin na Lei de ordenación, servizos
e goberno do territorio (2013), no futuro haberá unidades básicas do territorio,
pois polo de agora esta Lei dorme no caixón dun conselleiro descoidado.
O Bierzo, xuño de 2024
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home