martes, junio 24, 2008

A CONFLITIVIDADE SOCIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA


A CONFLITIVIDADE SOCIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA NA IDADE MODERNA,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.



Do marquesado de Vilafranca do Bierzo sabemos da forte problemática que tivo a súa creación, a fines do século XV, por mor da sucesión do condado de Lemos, e maila posterior partición deste dominio territorial en dúas partes, a galega e a berciana. Esta conflitividade señorial tivo como protagonistas ás casas de Lemos e Benavente, ademais dos Reis Católicos, xa no século XVI participou tamén nestas liortas a familia dos duques de Alba que dominaron o marquesado de Vilafranca. Pero hoxe non imos ver esta problemática señorial senón que analizaremos algúns fitos da chamada conflitividade social que tivo lugar no dito Marquesado berciano. Por desgracia aínda falta moito por estudar desta conflitividade social contra os señores. Isto é así porque as fontes históricas escritas que conservamos derivan dos poderosos (Coroa, señores laicos, monásticos e eclesiásticos), e non amosan interese por esta peculiar problemática social das clases populares.


Comezamos recordando que antes da creación do marquesado de Vilafranca, no condado de Lemos, no cal estaba incluído parte do Bierzo occidental, tiveron lugar as revoltas irmandiñas. Como xa vimos nun artigo meu anterior este movemento antiseñorial, agora só facemos sinxela mención. A meirande parte dos datos que temos da conflitividade social no Marquesado de Vilafranca se refiren ao século XVI. Co comezo desta centuria, trala nova rebelión do conde de Lemos coa ocupación do marquesado de Vilafranca e a toma de Ponferrada en 1507, sabemos que os marqueses foron moi duros na represión posterior dos seguidores do dito conde galego. Así, no 1508, don Pedro de Toledo confiscou os bens dos rebeldes e incluso condenou a morte aos máis sediciosos. Á vez, premiou aos que defenderon as fortalezas de Corullón e Cornatelo contra os seguidores do conde de Lemos, eximíndoos do pago de impostos.


Como non podería ser doutro xeito, o cobro de trabucos señoriais entre vasalos rurais foi causa de continuos conflictos. O profesor Alfonso Franco Silva, estudoso do Marquesado de Vilafranca, coméntanos que “el comportamiento de los administradores hacia estas pobres gentes fue verdaderamente mezquino, pues a quien no entregaba el tocino le embargaban todo lo que le encontraban en sus chozas, fuese o no de valor (…)”. Parece claro que cada chegada destes recadores señoriais ás aldeas, na procura dos impostos, daría lugar a novas resistencias populares ante as graves inxustizas provocadas polos cobros periódicos.


Os propios veciños de Vilafranca do Bierzo formularon preito ante o Consello Real, no ano 1566, para queixarse ante os agravios que lles facía o marqués. Os vilafranquinos alegaron unha numerosa problemática antiseñorial: o marqués permite a entrada de viño de fóra para vender, sen que antes se vendese o viño autóctono, a elección señorial de rexedores (antigos concellais da vila) entre os criados do marqués polo tempo que el quería, que facía pagar as alcabalas do viño segundo a medida que facían os rexedores, que mandaba pechar camiños públicos da vila e meteunos nas súas herdades, ocupación das casas do concello e deunas para habitación do alcalde maior (cargo señorial), que dúas fontes públicas foron desviadas baixo terra para levar a auga cara á súa fortaleza, que perdoaba mortes de homes e outros delitos sendo isto competencia da xurisdición real, que tomaba o marqués cebada dos labregos para dar de comer aos seus cabalos sen pagala, que levara toda a prata da igresa maior, que os seus alcaldes e rexedores lles facían moitos agravios, etcétera. Non coñecemos o resultado xudicial deste preito.


Tamén veciños de Cacabelos, vila que formaba parte do dominio señorial, rebeláronse contra o marqués de Vilafranca en 1542, alegando que a súa vila non tivera señor e que era libre. O líder popular deste conflito, Juan de Sorriba, foi finalmente desterrado por un ano e obrigado a pagar 5000 mrs. de multa. Posteriormente, en 1561, outros veciños puxeron preito ao marqués porque este levaba moitos dereitos. A Chancelería de Valladolid dictou sentenza contra o marqués, a prol dos veciños cacabelenses, nos seguintes termos: que deixase aos veciños de Cacabelos pescar no río e cazar nos montes da vila, que cando o marqués visitase Cacabelos os veciños desen pousada por tempo de 30 días e non máis, e que non tomase roupa ninguna, que non tiñan que pagar dos propios da vila certas cantidades que se lles pagaba aos arrendedores dos diezmos. A dita sentenza favoreceu tamén ao marqués nos seguintes temas: que os cacabelenses deberían pagar as alcabalas e outros dereitos ao non ser vila reguenga (da Coroa), ademais de poder nomear oficios señoriais, e a obriga de pagar a décima parte de todo o comprado ou vendido nas feiras de Cacabelos, e por último, o marqués tiña razón en suprimir o mercado dos martes e pasalo a Vilafranca.


Noutro territorio dependente do marquesado de Vilafranca, na gobernación da Cabreira e Ribeira, o rei Carlos V prohibiu aos veciños cazar nos montes dos seus lugares, salvo pena de 600 mrs. e a consecuencia de perderen os perros, galgos, hurones e ballestas. Esta resolución da Coroa demostra que antes houbo unha importante conflitividade social que levou esta problemática ante o mesmo rei. Pero a protesta popular dos cabreirenses continuou pois, en 1554, se lles permitiu que puidesen cazar polo menos perdices coas seguintes condiciois: Os cazadores con redes pagarían ao marqués 6 perdices cada un, o que cazaba con media rede pagaría 3 perdices e o que o facía sen rede non pagaría nada.


O reformismo liberal, derivado da aprobación da Constitución de Cadiz en 1812, incentiva a conflictividade antiseñorial no marquesado de Vilafranca. Os vasalos de Corullón e a súa contorna, organizados en 1814, alegan ante a Chancelería de Valladolid “por una mera arbitrariedad en fuerza del señorío territorial (…)” que tenía el alcalde maior de Vilafranca, nomeado polo marqués. O dito alcalde maior exercía “en todas las dichas jurisdicciones del referido Marquesado (…)”, pola contra os vasalos alegan que por Decreto de 15 de setembro de 1814 “el derecho de elegir y nombrar Jueces y justicias en todos los pueblos de sus Reinos de España han quedado estas jurisdicciones que representan con las mismas regalías y preminencia que gozan y han gozados los Pueblos Realengos, espirando en esta parte el Señorío que antes tenía sobre dichas jurisdicciones el espresado Sr. Marqués como dueño de jurisdiccional que hera de todas ellas (…)”. En fin, que os vasalos reclaman a eliminación da xurisdición señorial de xeito definitivo, estamos ao final do Antigo Réxime.


En resumo, non foron frecuentes as rebeliois dos vasalos no marquesado de Vilafranca, pois as consecuencias sempre foron tráxicas para os protagonistas derrotados, exemplos dos irmandiños bercianos ou dos seguidores do conde de Lemos na nova revolta de 1507. Noutros casos as rebeliois locais provocaron os castigos físicos, o desterró ou as multas. Recordemos que a xustiza estaba en mans de oficiais elixidos polo propio marqués, polo que esta xustiza señorial tiña pouco ou nada de equitativa. A meirande parte dos casos de conflitividade social tivo que recorrer ante os procedementos xudiciais, dos tribunais foráneos, casos do Adiantamento de León ou a Chancelería de Valladolid, para obter xustiza parcial e evitar a represión señorial.


O Bierzo, xuño de 2008.



4 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Onde era que caía o territorio da "gobernación de Ribeira"? A que lugares actuais correspondería? Lin tamén algunha referencia verbo deste territorio nun libro de Camilo Nogueira.

Se mo puideres aclarar, agradézocho.

7:07 a. m.  
Blogger cornatelo said...

a chamada Ribeira da Gobernación da Cabreira, corresponde á parte baixa do cauce do río ancares, na comarca da Cabreira, mentres que a parte alta do dito cauce correspondía coa Losada. Así eran as denominaciois antigas destas dúas partes da comarca da Cabreira, que como comento formaron parte da gobernación da Cabreira, integrada no marquesado de Vilafranca do Bierzo. Apertas.

1:18 a. m.  
Blogger cornatelo said...

perdoa polo erro de dicir ancares en lugar do río Cabreira, pois me refiro á comarca da Cabreira.Podo dicir que a dita Ribeira corresponde co actual concello da Ponte Domingo Flórez. En fin, coido que me entendes, a Ribeira é o cauce baixo do río Cabreira, a parte máis alta era a Losada. E desculpa o meu erro tipográfico do meu computador.

1:22 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

Moitas grazas pola aclaración e parabéns polo teu blog!

Unha aperta

11:31 a. m.  

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home