OS PROCESOS DE RESISTENCIA LINGÜÍSTICA NO BIERZO (1ª PARTE)
OS PROCESOS DE RESISTENCIA LINGÜÍSTICA NO BIERZO (1ª PARTE),
Por Xabier Lago Mestre, Pte. colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Por Xabier Lago Mestre, Pte. colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
O galego é idioma propio de tres territorios estremeiros, a saber, Navia-Eo, O Bierzo occidental e As Portelas da Alta Seabra. Cada zona posúe a súa caracterización sociolingüística que esixe estudos particularizados. Neste caso imos fixarnos nos procesos de resistencia da comunidade etnocultural galego-berciana.
AS ESTRATEXIAS REIVINDICATIVAS.
A demanda do ensino do galego é fundamental para a minoría galego-berciana. Lembramos que o galego se fala pero que non se sabe escribir polo descoñecemento da correspondente norma gramatical. A pesar de certos medos a que dita norma rematase co galego dialectal do Bierzo, nesta rexión estremeira o debate sobre a creación dunha norma galego-berciana non se concretou, todo o contrario que en Navia-Eo.
O ensino voluntario do galego nos centros escolares esixíu moito esforzó e tivo moitas promesas políticas incumpridas. Houbo que agardar máis dunha década, ata o ano 2001, para que a Junta de Castela e León ofertase a materia de galego. Hoxe segue a haber graves dificultades na súa execución. Temos centros sen a materia de galego (A Veiga de Valcarce, Carracedelo, Quilous, Fabeiro…), tampouco se garantiza a continuidade do seu estudo en todos os ciclos escolares, non se oferta en todos os niveis (universidade, Uned, ensino adultos…), e atopamos problemas coa obtención dos correspondentes títulos Celga.
No eido das administracióis públicas, o galego non ten presenza institucional. Os bercianos galego-falantes entran nos concellos pero o seu idioma non consta como tal na documentación administrativa. Os concellos rurais non teñen recursos materiais, económicos nin persoais para levar a cabo unha mínima normalización lingüística. Así pois, estas carencias dos concellos só poden ser compensadas polo Consello Comarcal do Bierzo, mediante a creación dun Servizo Lingüístico Berciano.
Mediante Lei de Cortes de Castela e León se creou, en 1991, a Comarca do Bierzo, institución para o exercicio da autonomía territorial. Dende logo o contido desta Lei ten graves carencias, caso do esquecemento da referencia á lingua galega. Neste sentido lembramos que o galego non tivo recoñecemento legal ata a aprobación do Estatuto de Autonomía de Castela e León de 1999, “gozarán de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice”. Pero agora está cercana a reforma da vixente Lei da Comarca, o que sen dúbida permitirá o recoñecemento expreso do galego, e o seu uso institucional. O galego poderá ter un uso administrativo parcial, pois non ten declaración de oficialidade en Castela e León.
Ese futuro Servizo Lingüístico Berciano que se demanda apoiará o uso institucional do galego polos concellos (documentación bilingüe, ordenanzas, cartelería, sinais, páxinas web…). Tamén promocionará a utilización desta lingua entre a cidadanía mediante as asociacióis culturais, comunidades escolares e demais. Resulta fundamental o seu protagonismo no ensino non regrado (cursos para persoal administrativo, mestres…). A recuperación da toponimia, maior e menor, debe ser obxectivo prioritario. Non podemos esquecer tamén a tradución do dereito consuetudinario galego-berciano que está todo en castelán por imposición legal.
O Bierzo, outubro de 2009.
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home