sábado, febrero 12, 2011

O BIERZO NA PERIFERIA DA GALIZA.


O BIERZO NA PERIFERIA DA GALIZA,
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo Fala Ceibe do Bierzo.



Os habitantes do Bierzo sentimos o que ben podemos chamar identidades complementarias. Estamos dentro da Comunidade Autónoma de Castela e León, pertencemos á provincia de León, vivimos na rexión do Bierzo, declarada legalmente coma Comarca, e moitos sentímonos galegos tamén. Froito do cal xorde unha identidade colectiva complexa, castelá, leonesa, galega e berciana. Por suposto, nin que dicir ten que prima o sentimento bercianeiro sobre os demais.


Coa Galiza hai unha grande identificación histórica que non vén a conto tratar aquí polo miúdo. Soamente comentar que os bercianos somos identificados coma galegos cando imos a Castela ou ao estranxeiro, polo noso acento peculiar. Así son moitos os bercianos que descubrimos, fóra da nosa terra, parte desa identidade agochada, a galega por suposto, guste ou non guste a algúns.

A pesar dos intentos das institucióis alleas, Junta de Castela e León e Deputación leonesa, por silenciala, o certo é que a identidade galego-berciana segue presente. Non pode ser doutro xeito. Hai unha continuidade espacial entre Galiza e O Bierzo que reborda os lindeiros político-administrativos. As semellanzas percíbense na territorialidade (orografía, paisaxe, hidroloxía, natureza…), cultura (música, folclore, tradicióis, gastronomía…), idioma (dialectoloxía, acento, prexuízos…), socialidade (mentalidade, relixiosidade popular, poblamento, dereito consuetudinario e demais.


O desenvolvemento progresivo do sistema capitalista no Bierzo acelerou, na segunda metade do século XX, a perda do sector agrogandeiro tradicional. Consecuencia disto foi a emigración continuada dos bercianos aos centros industriais e urbanos do Estado ou de Europa. O territorio galegofalante, a metade occidental do Bierzo, evoluciona de dúas formas. A parte máis montañosa sufre a grave despoboación, sendo maioritarios os vedraños xubilados. Mentres que na zona chaira, as vilas resisten por mor do viñedo, as árbores frutais e os produtos hortícolas. Nas vilas os procesos de urbanización favorecen a súa castelanización.

A crise económica, a uniformización cultural castelá e maila dependencia política do Bierzo tamén provocaron o rexurdimento galegueiro. Os bercianos tentamos non estragar os nosos sinais de identidade territorial, cultural e lingüística. Ser un territorio periférico de Castela e León non debería forzar a creación dunha fronteira, real ou imaxinaria, con Galiza. No pasado histórico non foi así, pero ben certo é que o Estado das Autonomía non axuda abondo para derrubar lindeiros interterritoriais. Velaí que os bercianos suframos as graves consecuencias da firme execución do principio de territorialidade por parte de ámbolos dous gobernos de Santiago e Valladolid.


O Bierzo neste século XXI debe loitar por rachar eses lindeiros autonómicos ou provinciais con Galiza. Porque somos un territorio periférico tanto de Castela e León coma de Galiza. Todo isto implica reivindicar a nosa galeguidade como parte esencial da nosa identidade territorial e cultural.