martes, agosto 16, 2011

CAMIÑANDO PARA VILAGROI.

Vilagroi agatuña a ladeira na procura do cumio





Val do regueiro S. Xoán, ao fondo Vilafranca.






CAMIÑANDO PARA VILAGROI,

por Xabier Lago Mestre.




Por fin o cruceiro de onde os sinais da Deputación leonesa xorden corrixidos pola toponimia galega e os escudos provinciais suprimidos. O descontento do pobo berciano queda claro de novo. Do dito cruceiro, a carón da lameira de Podamio, parten estradas para Hornixa, Cadafresnas, Corullón, Vilafranca ou Sobrado, de onde vimos tras moitos quilómetros. Tomamos a nova suba para Viaríz e Cadafresnas. Por sorte, ao poco tempo, un acolledor souto que achega fresca para combater a canseira e maila calor. Ben vido sexa!. Máis adiante, o letreiro castelanizado do desvío para Vilagroi. Entre un novo souto baixamos veloces cara ao noso pobo.



Abráianos a fermosura de todo o val atravesado polo regueiro Vilagroi. Rica e abondosa vexetación que descubre unha variada toponimia local. Bouza, Soutelo, Orbella, Trigaes ou Arqueira. Temos intención de facer o camín para Vilafranca, seguindo a beira do regueiro Vilagroi, segundo nos indica o noso mapa xeográficoo. Preguntamos aos veciños pola localización dese camín que remata no casarío de San Fiz, xunto ao río Burbia. Os bos veciños alértannos do mal estado dese camín, pechado dende hai décadas. Do diálogo sereo xorde a denuncia polo pouco tino dos políticos que fixeron unha estrada para Vilagroi polo camín máis longo cando, aproveitando a corredoira tradicional da ribeira, de seguro que se acurtaba a viaxe para Vilafranca.




Amablemente, Enrique García e os seus compañeiros, comentan que podemos dar a volta pola estrada que vimos. Non, faltaría máis regresar para atrás! espetamos. Dannos a alternativa por un camín a Corullón. De acordo, parecen claras as explicacióis indicativas. Partimos pois na procura dese descoñecido camín por Maiza, Foxo, Milleira, Sapo, Frallán, Estelar, Conchada… Derrotados quedamos, metémonos en prados sen saída. Non atopamos o camín para Corullón.



Seguimos por unha corredoira para Dragonte, quizais poidamos chegar. Ladeamos a montaña Santiagona. A corredoira ás veces está cuberta por zarzais e matoeira, con dificultades seguimos a rota. A variada paisaxe fainos esquecer esas penurias. Abaixo o regueiro Vilagroi, enfronte o collado da Conchada, Pernedelo, costa das Veigas, Bolleiro, Valdecarrizo, A Meira… Pola nosa banda, val da Cova, Belasinde, Buracada moura, Lunares de Aló, Souto, Ucedo. Pasamos ao val do regueiro de San Xoán. Intentamos baixar, por un souto e boscaxe de ribeira, ao fondo do val, para poder pasar á outra ladeira, e principiar o ascenso para a estrada de Dragonte a Vilafranca. Mellor non pensar na dureza da costa e da calor que pica moito. Por fin o asfalto da estrada. Mellor aínda, hai cobertura para o móbel, comunicamos coa parentela para rematar coas súas inquedanzas por nós. Todo sae ben. As bicis funcionan a tope para Vilafranca, elas mandan xa.



O Bierzo, agosto de 2011.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa























Etiquetas: , ,