sábado, octubre 15, 2011

LEXITIMIDADE E DEREITO LINGÜÍSTICO (1º PARTE)





LEXITIMIDADE E DEREITO LINGÜÍSTICO NA REXIÓN BERCIANA (1ª parte),
Por Xabier Lago Mestre.







Recuperar a dignidade individual e colectiva por parte dos falantes galegos do Bierzo non é doado porque aínda hai sectores sociais casteláns que a cuestionan (políticos, intelectuais, funcionarios e demais). Os bercianos temos o obxectivo de convencerles da nosa lexitimidade na defensa da nosa outra lingua porque a actual reivindicación galegueira non é unha moda nin un contaxio dende Galiza. Para entender parte da nosa lexitimidade hai que ter en conta a historia da nosa rexión.




CONTEXTO HISTÓRICO DO GALEGO NO BIERZO.
O idioma galego tivo gran desenvolvemento na Idade Media. Os mosteiros bercianos conservan os chamados tumbos e cartularios con parte da súa documentación (vendas e compras de terras, doazóis reais e particulares, arrendamentos, etc). Pois ben estes chamados instrumentos están feitos nas linguas latina e romance ou galega do Bierzo, é dicir, con trazas propias da zona periférica en contacto co leonés. Pero a meirande parte da poboación da época non sabían escribir e, polo tanto, usaban o galego oral.




Pero a dependencia política e institucional da nosa rexión de Castela e León facilitou a introdución progresiva do idioma castelán. Como fito histórico temos fines do século XV coa nova ordenación territorial do Bierzo, por parte da Coroa cos Reis Católicos. Así organizouse a provincia do Bierzo, Ponferrada pasa a ser vila reguenga, noméanse corrixidores, chegan alcaides e recadadores dende Castela, establécese nobleza allea (marqueses de Vilafranca, condes Alba de Liste en Bembibre…), reforma monástica baixo a dependencia das centrais de Valladolid (cistercienses e bieitos) e demais.




Durante a Idade Moderna a perda do idioma galego entre os bercianos foi tanto voluntaria coma obrigada. A lingua castelá foi un instrumento máis do aparataxe institucional dos diversos poderes, a saber, reguengo, nobleza e eclesiástico (bispado de Astorga, mosteiros e parroquias). Exemplos da nova dinámica castelanizadora son a obriga de pasar exame de castelán para os secretarios e notarios públicos. O Consello Real e os corrixidores, reais ou señoriais, tiñan que aprobar os textos das ordenanzas concellís dos pobos bercianos, por suposto en castelán. Deixan de aparecer textos en galego nos tumbos e cartularios dos mosteiros. Había unha necesidade de aprender a falar e escribir en castelán para comunicarse coas instituciois públicas e privadas da época. Aínda así, o idioma galego quedou restrinxido nos ámbitos familiar, veciñal, rural e comercial (feiras e mercados).




Na chamada Idade Contemporánea a presencia do idioma castelán reafírmase. As institucióis do Estado liberal aumentan su presencia (concellos, gobernó civil, deputación, policía, exército, ensino público…), e con elas o seu principal instrumento de comunicación, a lingua de Castela. A introducción de formas económicas plenamente capitalistas (minaría, obras públicas, ferrocarril, estradas…) atraen a moita poboación de fóra da nosa rexión, galegos, andaluces, estremeños… que aumentan considerablemente a poboación castelá no Bierzo. As crisis agrarias fomentaron as dinámicas emigratorias para América primeiro, e logo a Europa, ou a centros urbanos peninsulares (Barcelona, Madrid, Valladolid…). Esta despoboación rural provocou a conseguinte perda de falantes e o envellecemento da poboación galegofalante das comarcas montañosas.


O CONTEXTO SOCIOLINGÜÍSTICO GALEGO.
Hoxe a minoría etnocultural galega do Bierzo concéntrase na metade occidental da nosa rexión. Nun medio fundamentalmente ruralizado, nun territorio moi montañoso que comparte serras con Galiza (Os Ancares, Courel e Enciña da Lastra). Illado en parte polos numerosos vales (Fornela, Ancares, Valcarce, Aguiar e Cabreira). A súa población está maioritariamente envellecida. A actual baixa dos prezos agrogandeiros empece un desenvolvemento económico con esperanzas de futuro. Se baixamos á chaira do Bierzo, atopamos vilas con certa vitalidade social e económica por mor dos seus produtos hortícolas (pementos, tomates…), vinícolas e frotícolas (pera, mazá, cereixa…). Caso aparte é o de Ponferrada, capital urbana rexional, que concentra a metade da poboación berciana. Esta cidade ten gran vitalidade social, comercial e cultural e, polo tanto, posibilidades de promoción da lingua galega do Bierzo.




O idioma galego ten a súa base social no Bierzo occidental por tradición e asentamento territorial dos falantes. Pero o envellecemento da súa poboación cuestiona a evolución lingüística cara á normativización e normalización. O galego ten que conquistar novos espazos, alén da familia e maila veciñanza. Fai falta reivindicar a presenza do galego en novos eidos lingüísticos (ensino, entes locales, comercio, medios de comunicación, tecnoloxías da información…). Descendentes de galegofalantes e neofalantes deberán tomar o protagonismo reivindicativo no século XXI e prestixiar o galego con novos usos sociais (literatura, música, internet, lecer, comercio...).

O Bierzo, outubro de 2011.