miércoles, julio 02, 2014

FESTA DOS CONCELLOS EN COLUMBRIANOS.


FESTA DOS CONCELLOS EN COLUMBRIANOS DO BIERZO, 

Polo colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Aproveitando as festas do Corpus de Columbrianos tivo lugar a primeira festa dos concellos de León e O Bierzo. No acto público entregáronse os seus premios Facendera, para as pedanías de Nogarejas, co seu alcalde Olivio Campo á cabeza, e para Ciñera, pola boa xestión dos seus servizos públicos. Coido que habería que pensar en medrar o número de premios a outras categorías, casos da promoción das pedanías nas novas tecnoloxías da información ou á presentación de videos grabados con telemóveis. Deste xeito se abriría a participación da mocidade que traballa a cotío coas novas tecnoloxías, e se podería vencellar o seu lecer visual coa dignificación das pedanías.



Houbo tamén a participación do Secretario da Federación das parroquias rurais de Asturies. Na súa disertación louvou as vantaxes da unión das pedanías fronte ás administraciois superiores, deputacióis, comunidades autónomas ou Goberno central. Tamén se fixo un repaso polas demandas actuais, exemplos das restricióis presupostarias ou do gasto dos remanentes ou que parte das taxas recadadas nas pedanías revertan a estes entes locais. Por último, salientou que a Federación asturiana fai as contas das parroquias mentres que no Bierzo esa función se realiza polo Consello Comarcal e en León a Deputación provincial.



Na intervención do secretario da Federación leonesa se comentou a potenciación dos entes locales menores en Gran Bretaña. Son os casos dos parishes de Inglaterra, cos seus consellos parroquiais, e as communities do País de Gales. Estas instituciois norteñas son aproveitadas para a elaboración das políticas de desenvolvemento rural nos eidos de urbanismo, vías de comunicación, servizos públicos (sociais, culturais, educativos…), protección do patrimonio natural, biodiversidade, novas fontes de enerxía limpas, etc. A nova planificación territorial non se pode facer sen ter en conta a participación das comunidades locais rurais que opinan na elaboración dos planos parroquiais e de distrito ou condado.

CONCELLOS COMA PATRIMONIO DA HUMANIDADE. 
A demanda a prol de que os concellos sexan declarados patrimonio inmaterial de la humanidade tivo o seu espazo na xuntanza de Columbrianos. O proxecto La Voz del Concejo fixo un video Consejo de Vecinos que louva o labor dos concellos de León e mailo Bierzo. Puidemos ver o sentido e emotivo traballo dos pedáneos e mailos veciños para manter vivos os seus pobos ante as ameazas da política estatal. Referímonos á presión para facer desaparecer as pedanías ante a falta de presentación das súas contas públicas antes do 31 de decembro de 2014. No fondo están os intentos de apropiarse dos bens comunais das pedanías (montes, brañas, bosques, fontes…) para a súa posterior privatización no libre mercado ou o seu arrendamento a longo prazo mediante subhasta dos municipios ou comunidades autónomas.



Na parte final houbo un pequeno debate onde saíu a proposta de pedir a creación dun Consello de pedanías no proxecto de reforma do regulamento de participación cidadá do concello de Ponferrada. Segundo a Federación leonesa de concellos ese regulamento non é o lugar máis convinte para fixar as relacióis entre os municipios e as pedanías. Esta tamén é a postura que defenderá o goberno do concello de Ponferrada, é dicir, rexeitará esta proposta popular do Consello de pedanías, segundo comentou un concellal presente na xunta. 

Pero o certo é que sería un éxito recoñecer ese Consello de pedanías no citado regulamento. Argumentamos esta proposta no carácter bifronte das pedanías, por unha parte son institucióis, pero tamén son comunidades veciñais históricas en base aos seus concellos abertos (decisorios ou informativos), con plena lexitimidade democrática e de onde deriva a vontade popular maioritaria. Se estas comunidades veciñais xa teñen os seus representantes (pedáneos e xuntas veciñais), mediante eleción directa, non vén a conto esixirlles outra representación alternativa no regulamento de participación cidadá. Todo parece indicar que o goberno municipal de Ponferrada quere restar representación a estas comunidades veciñais a prol doutras corporaciois, casos das asociaciois legalizadas e asociaciois veciñais (de cuestionável representatividade e eleción), ou os delegados da alcaldía nas barriadas e nos pobos sen pedanías. 


DESFILE DE PENDOIS DE LEÓN E MAILO BIERZO.
O estrondo a foguetería anuncia o comezo do desfile de pendois. Os pendoneiros desenvolven e estenden as súas bandeiras no campo de futbol. Erguense os altos madeiros cos paños de cores variadas movidos polos ventos de Columbrianos. A súa rúa Real comeza a encherse de pendois de todo tamaño e multitude de veciños dos distintos pobos de León (La Bañeza, Valduerna…) e O Bierzo (Torre, Camponaraia, Folgoso de la Ribera…).


Os veciños de Columbrianos e do Bierzo agradecemos a visita de tantos pendois de pobos lonxanos que fortalecen a irmandade interterritorial. A vistosidade colorista paga a pena que sexa recollida polas cámaras dos telemóveis. Tralo longo desfile os pendois quedan plantados na praza das Eras.  O chamado himno dos pendoneiros foi a despedida e homenaxe para todos os presentes. O vento tráenos o recendo dos olores saborosos dos cordeiros ao espeto, cociñados pola xunta veciñal de Columbrianos.  
O Bierzo, xullo de 2014.

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home