viernes, noviembre 14, 2014

CONFLITIVIDADE NO MARQUESADO DE VILAFRANCA (2ª PARTE)


CONFLITIVIDADE SOCIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA NA IDADE MODERNA (2ª PARTE),
por Xabier Lago Mestre, 
falaceibe@yahoo.es

NUMEROSOS PREITOS NOUTROS LUGARES DO BIERZO.

En 1549 coñecemos unha carta do marqués de Vilafranca que se refire aos preitos que tiña con conventos e outros viciños do Bierzo.  Neste contexto hai que incluír o problema con Arganza e Posada do Río, confiscados polo conde de Lemos ao seu vasalo rebelde, Álvaro Sánchez. A seguir, os familiares do deposto escudeiro reclamaron eses bens como propios ante os marqueses de Vilafranca.
O cura de Trabadelo demandou o seu beneficio e mailos dezmos con preito ante o marqués de Vilafranca (1586). Este contencioso durou até o ano 1596 co seguinte acordo: unha terceira parte dos dezmos para o crego e as outras dous terceiras partes dos dezmos menudos para o marqués. 
O marquesado tamén tivo preito coa vila de Congosto pola súa compra.



Tamén houbo preito entre o mosteiro de Samos e os marqueses (1524) pola cesión temporal das aldeas de Valboa, Moldes, Lindoso, Soutogaioso, Hermide, Soutoparada, Vilela, Viladepaos entre outras. Ante tanta presión do señorío laico o mosteiro renunciou a esas aldeas a prol do marquesado no ano 1542.

Os marqueses aproveitaron a súa achega á Coroa e maila Corte para presionar aos tribunais. Así un marqués elaborou un memorial para Carlos I sobre os agravios que recibía do Consello Real. Noutra ocasión os marqueses demandaron ao presidente da Audiencia de Galicia para que mude de actitude no negocio que trata con algúns mosteiros.

PLEITO DA VILA DE CACABELOS.

Tamén veciños de Cacabelos, vila que formaba parte do dominio señorial, rebeláronse contra o marqués de Vilafranca en 1542, alegando que a súa vila non tivera señor e que era libre. O líder popular deste conflito, Juan de Sorriba, foi finalmente desterrado por un ano e obrigado a pagar 5000 mrs. de multa. Posteriormente, en 1561, outros veciños puxeron preito ao marqués porque este levaba moitos dereitos. A Chancelería de Valladolid dictou sentenza contra o marqués, a prol dos veciños cacabelenses, nos seguintes termos: que deixase aos veciños de Cacabelos  pescar no río e cazar nos montes da vila, que cando o marqués visitase Cacabelos os veciños desen pousada por tempo de 30 días e non máis, e que non tomase roupa ninguna, que non tiñan que pagar dos propios da vila certas cantidades que se lles pagaba aos arrendedores dos diezmos.  A dita sentenza favoreceu tamén ao marqués nos seguintes temas: que os cacabelenses deberían pagar as alcabalas e outros dereitos ao non ser vila reguenga (da Coroa), ademais de poder nomear oficios señoriais, e a obriga de pagar a décima parte de todo o comprado ou vendido nas feiras de Cacabelos, e por último, o marqués tiña razón en suprimir o mercado dos martes e pasalo a Vilafranca.


MALA XESTIÓN DOS OFICIAIS DO MARQUESADO.

A crise interna do marquesado aconteceu coa mala xestión dun administrador do marquesado. Gonzalo de Valcarce logrou escapar con certas rendas señoriais, polo que o marqués tivo que interpor o preito correspondente.

ABUSOS SEÑORIAIS NA CABREIRA.
Noutro territorio dependente do marquesado de Vilafranca, na gobernación da Cabreira e Ribeira, o rei Carlos V prohibiu aos veciños cazar nos montes dos seus lugares (1527), salvo pena de 600 mrs. e a consecuencia de perderen os  perros, galgos, hurones e ballestas. Esta resolución da Coroa demostra que antes houbo unha importante conflitividade social que levou esta problemática ante o mesmo rei. Pero a protesta popular dos cabreireses continuou pois, en 1554, se lles permitiu que puidesen cazar polo menos perdices coas seguintes condiciois: Os cazadores con redes pagarían ao marqués 6 perdices cada un, o que cazaba con media rede pagaría 3 perdices e o que o facía sen rede non pagaría nada.



Ademais, o marqués tamén cobraba inxustamente as alcabalas en Cabreira e Ribeira,  "sin título alguno para ello (...)", segundo o historiador Alfonso Franco Silva: "El señorío de Villafranca del Bierzo (siglos XIV y XV)". Neste tema dos trabucos, tamén a meirindade de Aguiar tivo preito co marquesado sobre o cobro das luctosas (marzo de 1554).

O marquesado tivo que preitear cos condes de Ribadavia pola posesión dos pobos de San Pedro de Trones, Casaio e Lardeira (marzo de 1560).

O Bierzo, novembro de 2014.
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es