martes, noviembre 04, 2014

CONFLITIVIDADE SOCIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA (1ª PARTE)


A CONFLITIVIDADE SOCIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA NA IDADE MODERNA (1ª PARTE),
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Do marquesado de Vilafranca do Bierzo sabemos da forte problemática que tivo a súa creación, a fines do século XV, por mor da crise sucesoria no condado de Lemos, e maila posterior partición deste dominio territorial en dúas partes, a galega e a berciana. Esta conflitividade señorial tivo como protagonistas ás casas de Lemos e Benavente, ademais dos Reis Católicos.  Xa no século XVI participou tamén nestas liortas a familia dos duques de Alba que dominaron o marquesado de Vilafranca. Pero hoxe non imos ver esta problemática interseñorial senón que analizaremos algúns  fitos da chamada conflitividade social que tivo lugar no dito Marquesado berciano. Por desgracia aínda falta moito por estudar desta conflitividade social contra os  señores. Isto é así porque as fontes históricas escritas que conservamos derivan dos poderosos (Coroa, señores laicos, monásticos e eclesiásticos), e non amosan interese por reflectir esta peculiar problemática social das clases populares.

REPRESIÓN CONTRA OS SEGUIDORES DO CONDE DE LEMOS.

Comezamos recordando que antes da creación do marquesado de Vilafranca, no condado de Lemos, no cal estaba incluído parte do Bierzo occidental, tiveron lugar as revoltas irmandiñas. Como xa vimos nun artigo meu anterior este movemento antiseñorial, agora só facemos sinxela mención. A meirande parte dos datos que temos da conflitividade social no Marquesado de Vilafranca se refiren ao século XVI. Co comezo desta centuria, trala nova rebelión do conde de Lemos coa ocupación do marquesado de Vilafranca e a toma de Ponferrada en 1507, sabemos que os marqueses foron moi duros na represión posterior dos seguidores do dito conde galego. Así, no 1508, don Pedro de Toledo confiscou os bens dos rebeldes e incluso condenou a morte aos máis sediciosos. Á vez, premiou aos que defenderon as fortalezas de Corullón e Cornatelo contra os seguidores do conde de Lemos, eximíndoos do pago de impostos.


O propio conde de Lemos denunciou a construción do castelo de Vilafranca polos marqueses xa que non tiña licenza real de obras (1514). "Abeis començado a labrar una fortaleza en la villa de Villafranca en un sitio antiguo en que solia aver cierta manera de fuerza, y que yendo la hobra adelante, por parte del conde de Lemos con intención de os dañar diz que se a denunciado nueva labor ante (...) la Audiencia e Chancillería de Vallajdolid por cuia cabsa temeis que en la dicha lavor se os porna algund  impedimento e me suplicasteis y pedistes por mece vos diese licencia y facultad para hacer ya acabar la dicha fortaleza con aprovación de lo hasta aquí fecho (...) e yo (...) por vos hacer merce tovelo por bien e por la presente (...) apruevo e confirmo (...) la hobra que aveis comenzado  en la dicha fortaleza e vos doy licencia e facultad (...)" (Reina Juana, 15 de setembro de 1515). Logo, a condesa de Lemos, Beatriz Enríquez Osorio, no ano 1559, tamén preitea pola posesión de Cacabelos cos marqueses.

PROTESTAS POLO COBRO DOS TRABUCOS SEÑORIAIS.

Como non podería ser doutro xeito, o cobro de trabucos señoriais entre vasalos rurais foi causa de continuos conflitos. O profesor Alfonso Franco Silva, estudoso do Marquesado de Vilafranca, coméntanos que “el comportamiento de los administradores hacia estas pobres gentes fue verdaderamente mezquino, pues a quien no entregaba el tocino le embargaban todo lo que le encontraban en sus chozas, fuese o no de valor (…)”. Parece claro que cada chegada destes recadores señoriais ás aldeas, na procura dos impostos, daría lugar a novas resistencias populares ante as graves inxustizas provocadas polos cobros periódicos.


A VECIÑANZA DE VILAFRANCA CONTRA OS ABUSOS DO MARQUÉS.

Os propios veciños de Vilafranca do Bierzo formularon preito ante o Consello Real, no ano 1566, para queixarse ante os agravios que lles facía o marqués. Os  vilafranquinos alegaron unha numerosa problemática antiseñorial: o marqués permite a entrada de viño de fóra para vender, sen que antes se vendese o viño autóctono, a elección señorial de rexedores (antigos concellais da vila) entre os criados do marqués polo tempo que el quería, que facía pagar as alcabalas do viño segundo a medida que facían os rexedores, que mandaba pechar camiños públicos da vila e meteunos nas súas herdades, ocupación das casas do concello e deunas para habitación do alcalde maior (cargo señorial), que dúas fontes públicas foron desviadas baixo terra para levar a auga cara á súa fortaleza, que perdoaba mortes de homes e outros delitos sendo isto competencia da xurisdición real, que tomaba o marqués cebada dos labregos para dar de comer aos seus cabalos sen pagala, que levara toda a prata da igresa maior, que os seus alcaldes e rexedores lles facían moitos agravios, etcétera. Non coñecemos o resultado xudicial deste preito.

Vilafranca do Bierzo tivo unha actitude favorable aos rebeldes das Comunidades de Castela. En 1520, aproveitando o paso do rei Carlos V pola vila, o concello fíxolle saber as súas demandas a pesares de ser o marqués un fiel cortesán da Coroa imperial (Javier Rivera Blanco, Guía de El Bierzo). Neste senso, cómpre recordar que o marqués foi tamén obxecto dunha renda de 2.000 mrs. anuais polo Carlos V por mor dos seus "muchos, buenos y leales servicios" á Coroa (Carlos José Hernando Sánchez, Castilla y Nápoles en el siglo XVI... 1994).


Carlos V confirma as ordenanzas de Vilafranca, feitas o 20 de novembro de 1535, que prohibían meter viño comprado fóra da vila. E no ano 1547 o concello de Vilafranca e lugares da terra conseguen carta executoria do Consello Real contra Gonzalo de Valcarce, administrador do marquesado, pola que se confirma a ordenanza do concello que permite meter viño dende a colleita até o día de S. Andrés. Por suposto, o marqués Fadrique Osorio de Toledo queixou porque ditas ordenanzas concellís se facían na súa ausencia.  

No ano 1754 o marqués consegue unha executoria contra os mercaderes de Vilafranca para que paguen as alcabalas das súas tendas (El señorío y marquesado de Villafranca del Bierzo. Archivo Ducal de Medina Sidonia, 2007). 

O Bierzo, novembro de 2014.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
WWW.FACEBOOK.COM/XABIERLAGOMESTRE.
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es