miércoles, diciembre 10, 2014

CONFLITIVIDADE SEÑORIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA DO BIERZO (3ª PARTE)


CONFLITIVIDADE SEÑORIAL NO MARQUESADO DE VILAFRANCA DO BIERZO (3ª PARTE),
por Xabier Lago Mestre, colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

INTENTOS DE CONTROL DE PONFERRADA.

Os marqueses de Vilafranca intentaron tamén extender o seu poder señorial na vila  de Ponferrada. Lembremos que foi o propio rei Carlos V quen permitiu ao marqués que poidese ter 2 criados, vecinos de Ponferrada, no reximento desta vila, "no les embaraza el ser criados suios para poder obtener y usar los oficios de dicha villa (Real Cédula de 17 de decembro de 1520) (Carlos José Hernando Sánchez, Castilla y Nápoles en el siglo XVI... 1994). Por suposto, a vila de Ponferrada rexeitou esta decisión real. Froito desta protesta veciñal foi a concesión dun posterior privilexio real, con data de 12 de novembro de 1522, "para que los que biben con señores no tengan oficios públicos en la dicha villa (...)".   

Esta política real intervencionista, a prol do control da alta nobreza nos reximentos das vilas reguengas resultaba contraria ás demandas dos rebeldes comuneiros casteláns. Neste contexto bélico Carlos V tamén mandou reforzar a defesa de Ponferrada con 30 peóns e mailo seu xefe militar (29 de marzo de 1521). Ademais, o propio rei concedeu privilexios á vila, entre eles a confirmación dos seus mercados (1512), aprobación de dous xuíces e acuñación de tarxas  (1530).  

Posteriormente, o 6 de setembro de 1558 o IV marqués de Vilafranca, García de Toledo, compra a tenencia e alcaldía do castelo de Ponferrada  por 16.000 ducados. Segundo o historiador Vicente Fernández Vázquez (Historia de Ponferrada, 2009) esta compra ten relación cun "paso hacia la compra de la villa de Ponferrada, que era lo que realmente interesaba a los marqueses (...)". Os marqueses aprovéitanse das necesidades que tiña a Coroa de financiamento por mor das guerras contra os mouros e protestantes. Lembremos que a Coroa tamén vendera Priaranza (1558) e intentaba facer o mesmo con lugares do mosteiro de Carracedo. No ano 1564, o propio marqués recoñece  que quería mercar Ponferrada, "Yo e andando y procurandoque se me bendiese Ponferrada y y aún no estoy desengañado  o desconfiado que esta benta no se aya de haçer (...)".   

O MARQUÉS DE VILAFRANCA CONSEGUE AS ALCABALAS DE PONFERRADA.

A vila de Ponferrada tivo preito cos herdeiros dun mestre de obras da Igrexa da Encina que reclamaban cartos pendentes. Consecuencia da perda deste preito foi que o xuíz executor da sentenza condenatoria apareceu en Ponferrada para vender os propios ata saldar a débeda de 40.000 reais (febreiro de 1611). Este xuíz executor decidiu vendeu o privilexio de recadar as alcabalas da vila de Ponferrada ao marqués de Vilafranca, Pedro de Toledo Osorio. Ponferrada reacionou fronte a esta decisión de venda das súas alcabalas. Así celebrouse un concello (6 de xaneiro de 1611) no que se demandou "que esta villa pueda tener, poseer, llevar y gozar las alcabalas, según por la orden, forma y manera  que al Señor Marqués, le han sido o fueron vendidas (...)" (José Diego Rodríguez Cubero, Los marqueses de Villafranca y de Villanueva de Valdueza administraron las alcabalas de Ponferrada... 2011). Finalmente a Coroa vendeu as ditas alcabalas ao marqués de Vilafranca. 

O administrador de rendas e alcabalas da vila de Ponferrada recadaba eses ingresos. No ano 1611 o tenente do castelo de Ponferrada, oficial do marquesado, era o encargado de pagar os correspondentes tercios desas alcabalas. O corrixidor de Ponferrada foi responsable de realizar os pregóns públicos "para que vengan a recibirlas con los recaudos necesarios (...)", mentres que un tesoureiro facía o seguimento da paga dos xuros aos diversos acreedores (abadesa do convento da Concepción de Ponferrada, canónigo, clérigo da capela de S. Lorenzo na Bañeza, rexidor de León, veciño de Molinaseca, colexio de S. Albán de Valladolid, e outros de Sevilla o Salamanca). En novembro de 1621 a vila de Ponferrada tentou recuperar as súas alcabalas, por decisión dun "concejo o ayuntamiento general (...)". O dito concello nomeou unha comisión reducida para tratar estes asuntos. En 1629 Ponferrada remesou a Valladolid un representante con poder para defender os seus intereses. Pero a proposta ponferradina non triunfou, e por iso os comerciantes da vila decidiron finalmente pagar as alcabalas aos marqueses e non ao concello de Ponferrada en 1627.  


Como temos visto, os marqueses de Vilafranca conseguiron mercar as alcabalas da vila de Ponferrada (14 de maio de 1611), co seu pontádego e portádego, ademais das alcabalas das abadía de Astorga e León (Pilar Sans de Tejada Fernández, Una villa del Barroco,1994). Ate o ano anterior de 1610 o concello de Ponferrada recadaba as alcabalas. Cando ditas alcabalas mermaron a súa recadación foron arrendadas polos marqueses, xa a fines do século XVII. Aínda así os marqueses tiveron problemas para a súa recadación, polo que pediron á Coroa unha prórroga para o seu pagamento (1692).

A recadación das alcabalas polos marqueses tiveron as resistencias da vila de Ponferrada (1653) porque resultaban excesivas nas súas cantidades. Por iso os ponferradinos pretenderon comprar ao rei Carlos II as alcabalas sitas no Paxariel e Cabanas do Fabeiro, pero finalmente non conseguiron o seu propósito (Pilar Sáenz de Tejada Fernández, Una villa del Barroco, 1994). 
Tamén houbo problemas coa cesión da vara de execución para o cobro das alcabalas en Ponferrada por parte do corrixidor Gabriel de Aldava (1635-1637) aos oficiais do marquesado. Tivo que ser unha real provisión a que determinase a cobranza das alcabalas na administración e contaduría polo marquesado (José Diego R. Cubero, El tesorero de los marqueses de Villafranca... Bierzo 7, 2012).

Ademais, por Cédula real de 1613 o alcaide do castelo de Ponferrada, oficial dependente do marqués de Vilafranca, conseguíu que parte da recadación das penas de cámara (20.000 mrs cada ano) da audiencia se aplicasen en reparos da fortaleza. E no ano 1615 outra Cédula real fixa o privilexio do dito alcaide para entrar no reximento con espada ceñida e escolta, maila obriga do concello ponferradino de darlle leña e menudos do matadoiro (Miguel A. González García, Curiosidades del castillo de Ponferrada en 1621, rvta. Bierzo 2009).

O Bierzo, decembro de 2014.
www.facebook.com/xabierlagomestre

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home